- A economía ao servizo da xente.
- Todos os servizos para todas as persoas
- O territorio galego: o noso tesouro
- Unha cidadanía activa
- O goberno galego que constrúe un país mellor
Construír un país xusto.
Queremos un país de todas. Onde sexa doado vivir. Onde non sobre ninguén. Un país construído coas propias mans. En común. Un país xusto, en que a liberdade e a igualdade sexan as pernas sobre as que camiñe a súa xente. Como en Nunca Máis, como nas prazas do 15M, unidas, unidos, para reconstruírmos a dignidade colectiva e procurarmos un futuro que non poder quedar nas mans dos que non cren nel. Un país que nos poidamos mirar. Onde as institucións recuperen o seu sentido e estean ao servizo da maioría. Un país onde o decidamos todo.
Os desafíos para o futuro de Galicia.
A brutal crise económica que asoballa Europa agravouse en Galicia, país do sur deste territorio, debido ao entusiasmo de Feijóo na aplicación de agresivas políticas neoliberais. O Partido Popular, ademais, nunca creu en que Galicia se deba gobernar a si mesma. Coa dereita ao mando, Galicia sucumbiu ás receitas fracasadas do neoliberalismo. Pero En Marea olla ao futuro. A liberdade e a igualdade, é dicir a xustiza social, constitúe a guía coa que enfrontaremos os desafíos económicos, demográficos, ambientais, culturais e dos coidados en Galicia.
O goberno galego da cidadanía.
En Marea devolverá o goberno á xente e acabará co secuestro da democracia por unha minoría. Con En Marea será a cidadanía quen decida sobre a súa vida e o seu futuro. Iso é, para nós, a soberanía. Decidilo todo. Porque xa é tempo de que o goberno galego deixe de ser un atranco para o propio país e as súas potencialidades. Galicia non se laia, Galicia está na vangarda política e social, e o 25 de setembro amosará, de novo, a súa vontade colectiva de pasar páxina e apropiarse do seu porvir.