Programa Electoral
En Marea nacemos para mudalo todo. Somos o espazo político das de abaixo, en que xentes diversas, plurais, como o propio país, poñemos as nosas mans para construírmos un futuro colectivo máis xusto. Somos un espazo aberto, de cooperación, que procura unha política a prol dos máis e non secuestrada por unha minoría. Queremos unha Galicia onde a xente decida sobre a súa vida. Unha Galicia en que a xustiza social sexa horizonte común e ninguén fique atrás. Unha Galicia en que a economía sirva para mellorar a vida das persoas, o autogoberno axude ao benestar común e as institucións sexan de todas. Unha Galicia xusta.
Construír un país xusto.
Queremos un país de todas. Onde sexa doado vivir. Onde non sobre ninguén. Un país construído coas propias mans. En común. Un país xusto, en que a liberdade e a igualdade sexan as pernas sobre as que camiñe a súa xente. Como en Nunca Máis, como nas prazas do 15M, unidas, unidos, para reconstruírmos a dignidade colectiva e procurarmos un futuro que non poder quedar nas mans dos que non cren nel. Un país que nos poidamos mirar. Onde as institucións recuperen o seu sentido e estean ao servizo da maioría. Un país onde o decidamos todo.
Os desafíos para o futuro de Galicia.
A brutal crise económica que asoballa Europa agravouse en Galicia, país do sur deste territorio, debido ao entusiasmo de Feijóo na aplicación de agresivas políticas neoliberais. O Partido Popular, ademais, nunca creu en que Galicia se deba gobernar a si mesma. Coa dereita ao mando, Galicia sucumbiu ás receitas fracasadas do neoliberalismo. Pero En Marea olla ao futuro. A liberdade e a igualdade, é dicir a xustiza social, constitúe a guía coa que enfrontaremos os desafíos económicos, demográficos, ambientais, culturais e dos coidados en Galicia.
O goberno galego da cidadanía.
En Marea devolverá o goberno á xente e acabará co secuestro da democracia por unha minoría. Con En Marea será a cidadanía quen decida sobre a súa vida e o seu futuro. Iso é, para nós, a soberanía. Decidilo todo. Porque xa é tempo de que o goberno galego deixe de ser un atranco para o propio país e as súas potencialidades. Galicia non se laia, Galicia está na vangarda política e social, e o 25 de setembro amosará, de novo, a súa vontade colectiva de pasar páxina e apropiarse do seu porvir.