Os concellos polos que atravesa a AP9 debaterán unha moción a partir dunha iniciativa de En Marea para que AUDASA lles aboe o 100% do IBI

Estás aquí: Inicio » Os concellos polos que atravesa a AP9 debaterán unha moción a partir dunha iniciativa de En Marea para que AUDASA lles aboe o 100% do IBI

Os concellos polos que atravesa a AP9 debaterán unha moción a partir dunha iniciativa de En Marea para que AUDASA lles aboe o 100% do IBI

O deputado de En Marea Marcos Cal e mailo voceiro da Marea de Vigo Rubén Pérez presentaron no concello de Vigo a moción que se trasladará aos diferentes municipios polos que atravesa a AP9 (entre eles o propio concello vigués) para reclamar que a firma concesionaria Audasa aboe o 100% do Imposto de Bens Inmobles (IBI) e non soamente o 5% que está pagando na actualidade, en base a unha normativa de 1972.

A moción está elaborada a partir dunha iniciativa de En Marea, aprobada por unanimidade no Parlamento de Galicia o pasado 18 de xaneiro. O parlamentario Marcos Cal defendeu esta proposta pois lembrou que a exención “non deixa de ser un copagamento imposto á cidadanía dos municipios polos que pasa esta autoestrada, que xa ten unhas tarifas elevadísimas mentres dá un pésimo servizo, unha indecencia que só se xustifica dende a connivencia político-empresarial e o neoliberalismo de amiguetes que empregan as institucións para o seu propio beneficio en contra do interese xeral”.

Audasa está obtendo un 50% de beneficios sobre facturación, cando a media das empresas do país se sitúa no 7%, “un balance propio dun monopolio”. Entre o 1997 e o 2003 Audasa ten recadado 2.344 millóns de euros en peaxes, cun beneficio bruto de 1.900 millóns de euros. O 81% da facturación de Audasa é beneficio bruto e 1 de cada 3 euros que pagamos nas peaxes é beneficio neto que se reparten en dividendos os accionistas de Audasa, “todo a costa dos petos dos galegos e galegas”. “Estamos falando da principal arteria de comunicación de Galicia, que transcorre por todo o Eixo Atlántico, polo que estes custes que supón está significando un atranco para o noso desenvolvemento como país”, engadiu o deputado de En Marea no Parlamento galego.

A maiores, Audasa é a autoestrada que está ofrecendo un peor servizo de todo o Estado, pois leva 5 anos consecutivos sendo a que rexistra un maior número de reclamacións, duplicando a segunda autoestrada en canto a reclamacións. Tamén é a que ten menos traballadores por quilómetro de vía, tendo que triplicar o persoal para situarse na media.“E aínda peor, é a que rexistra unha maior sinistralidade do Estado”, sinalou Cal.

Pola súa banda, o voceiro da Marea de Vigo Rubén Pérez destacou o carácter discutible do sistema concesional deste país. No caso de Vigo a AP9 discorre por uns 9 km, que segundo os cálculos da Asociación de concellos afectados por autoestradas de peaxe, significarían 19.286 euros por quilómetro, polo que estaría deixando de recibir case 173.000 euros de recadación de IBI. “Estamos falando dunha infraestrutura que non lle está regalando nada aos vigueses e as viguesas, polo que nos parece moi interesante poñer esta moción en discusión”.

“Non sabemos nada daquel anuncio que fixo Fomento hai xa anos asegurando a súa vontade de modificar esta bonificación, polo que nos parece moi acaído que En Marea abrise este debate no Parlamento de Galicia e tamén que se discuta nos concellos para poder conseguir ese obxectivo”, concluíu.

 

Enlace á moción de En Marea: https://gallery.mailchimp.com/124110c5c4ca02bed7d557215/files/c23e8d2d-24a7-4fcd-b0ce-24df7809f095/mocion_tipo_AP_9_IIBI.doc

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

eighteen + sixteen =

X