Luís Villares: “En Marea veu para quedarse"
Tras a xuntanza da Coordinadora de En Marea para valorar os resultados electorais, Luís Villares asegurou que "se abre un tempo novo no que traballaremos en clave de defensa dos dereitos sociais e do autogoberno“
Esta tarde reuniuse a Coordinadora de En Marea para analizar os resultados das eleccións ao Parlamento de Galicia, celebradas onte. O portavoz de En Marea, Luís Villares, reiterou o compromiso do grupo de 14 deputados e deputadas elixidas pola cidadanía para ocupar a segunda forza no Parlamento de Galicia. Así mesmo, Villares salientou a satisfacción de trasladar un proxecto serio e solvente con vocación de futuro, “viñemos para quedarnos" asegurou.
Por outra banda, trasladou tamén a "insatisfacción para non acadar responsabilidade de Goberno que era o noso obxectivo" pero estamos orgullosos de que “a cidadanía de Galicia nos dera a súa confianza e nos colocara como segunda forza no Parlamento de Galicia, para liderar claramente a oposición desde onde se defenderán ás maiorías do pais en clave de defensa dereitos sociais, da dignidade nacional de Galicia en clave de autoberno“.
Entre os condicionantes que motivaron aos resultados por debaixo das expectativas marcadas por En Marea, Luís Villares salientou a falla de tempo o que condicionou moito a capacidade de chegar coa nosa mensaxe á cidadanía pero “ábrese un tempo novo no que trasladaremos o noso proxecto para a sociedade e esperamos de aquí en adiante ter o respaldo da maioría social“.
“Os problemas de campaña viñeron entre outras cousas pola pouca capacidade que tivemos de colocar a nosa mensaxe nos medios de comunicación, entre outras cousas porque non se nos deu a cobertura propia de AGE, que sería a que nos correspondese, co que a cobertura informativa foi moito menor da que nos tería correspondido como herdeiros desa oposición".
"De todos xeitos sabemos que En Marea é un proxecto político que recolle o mellor das tradicións que incorpora e se agranda aínda máis con todos os movementos municipalistas e cidadáns, polo que a partir de agora traballaremos para chegar a toda a cidadanía“ afirmou Luís Villares. “Somos conscientes de que faltou ese tempo e se o tiveramos esa maioría do PP seguro non tivera sucedido“, afirmou, e engadiu: “Agora corresponde asentar todo o traballo que levamos facendo todos estes meses. Estamos moi satisfeitos do esforzo realizado para integrar todo o espazo político de En Marea“.
Do mesmo xeito, informou que unha vez pasadas as eleccións e formación de novo goberno se convocará unha nova asemblea, antes de final de ano, para avanzar na estrutura interna de En Marea como organización.