En Marea insta ao Presidente da Xunta de Galicia a negociar un incremento das partidas para políticas activas en favor da igualdade e contra a violencia de machista
O portavoz Luís Villares afirmou que o seu grupo “fala de políticas de prevención porque son políticas de igualdade, e canta máis igualdade menos machismo, menos medo para as mulleres desta sociedade“
“O machismo combátese con igualdade“. Con esta afirmación arrancou o portavoz de En Marea, Luís Villares, a súa intervención na sesión de control ao Presidente da Xunta de Galicia a quen preguntou polas medidas que pensa implementar o Goberno galego ante o drama social da violencia e os asasinatos machistas. Villares salientou que existe unha relación causal entre o machismo e a desigualdade, entre a violencia contra ás mulleres como unha expresión extrema dunha desigualdade que se vive na sociedade a nivel educativo, cultural, social e económico. Polo tanto, o combate contra a violencia machista é ante todo unha loita pola igualdade. Por iso, En Marea decidiu formular a súa intervención en pleno en favor da igualdade, en positivo presentando propostas que recollan todos os ámbitos que buscan mellorar a lexislación vixente, as políticas sociais, o ensino, en materia de traballo, de prestación asistenciais, todas elas encamiñadas a lograr unha sociedade máis xusta e máis igualitaria entre mulleres e homes.
A pregunta ao Presidente da Xunta de Galicia de En Marea foi elaborada tras un longo proceso de escoita e colaboración con colectivos feministas, institucións, colectivos de atención a mulleres vítimas de violencia de xénero, e o que puxeron sobre a mesa foi que non existe unha mala lexislación, o problema é que non cumpre por falla de medios, non hai un desenvolvemento administrativo da lexislacións.
En Marea cre necesario avanzar con propostas positivas, fronte a declaración dunha igualdade formal hai que avanzar cara unha igualdade real combatendo en positivo e actuando en positivo. Actuar no campo preventivo e no pacto paliativo. Así é preciso actuar no ámbito educativo, laboral, económico xa que as “políticas de igualdade evita o mal do machismo“. Esta reflexión dos colectivos que denuncia a insuficiencia de medios para desenvolver a lexislación ven corroborada polos datos que demostran unha redución do 77,8 por cento das partidas destinadas a impulsar a igualdade desde a chegada de Núñez Feijóo á presidencia da Xunta de Galicia.
Villares deu datos concretos do orzamento da Xunta para 2017 con partidas referidas a accións para igualdade, protección e promoción da muller e protección de mulleres que vítimas da violencia de xénero, que no orzamento de 2009 eran 34 millóns de euros e no orzamento para o vindeiro ano son 12 millóns de euros, o que supón un 64 por cento menos. Con estas cifras, a valoración de En Marea non pode ser máis que negativa. Partidas de igualdade, promoción e protección da muller que pasaron en 7 anos de 31 millóns a 6,9 millóns, unha redución do 77 por cento.
“Cando no Parlamento falamos de compromiso temos tamén que falar de orzamentos xa que estamos na Cámara que aproba os orzamentos que despois fan políticas públicas polo que se se aproban leis sen recursos económicos é como se non se aprobase nada xa que unicamente teremos papel“ declarou Luís Villares.
En Marea instou ao Presidente da Xunta de Galicia a falar e negociar partidas concretas nos orzamentos para o vindeiro ano para impulsar políticas activas en favor da igualdade e contra a violencia machista. Villares explicou que En Marea fala de políticas de prevención porque son políticas de igualdade, “canta máis igualdade menos machismo, menos medo para as mulleres desta sociedade“ insistiu . As medidas preventivas que son as causas da violencia machista podan chegar a desaparecer. “Xa o dicía Concepción Arenal vai camiño de dous séculos: abride escolas e pecharán cárceres. Iso é o que quere En Marea, o valor da igualdade, de respecto, que se fan por medio de políticas públicas que requiren compromiso orzamentario que non vemos“ afirmou o portavoz de En Marea que rematou instando ao Presidente da Xunta de Galicia a cumprir a Lei con políticas públicas activas dotadas tamén de orzamento.