En Marea pídelle a Feijóo o cese do presidente da Autoridade Portuaria da Coruña pola “escandalosa operación especulativa” que pretende facer cos terreos da Solana
Antón Sánchez: “Esiximos o cese de Enrique Losada e a reprobación da conselleira Beatriz Mato pola súa actitude cómplice coa privatización dun espazo que debe ser da cidadanía"
O grupo parlamentario En Marea vén de presentar no Parlamento de Galicia unha proposición non de lei co obxectivo de que se paralice a venda dos terrreos da Solana e que se facilite a súa adquisición por parte do concello da Coruña, cumprindo co acordado no Consello de Administración da Autoridade Portuaria o 30 de xuño deste ano.
Para o vicevoceiro de En Marea, Antón Sánchez, a decisión de sacar a poxa a Solana e o hotel Finisterre de forma conxunta, frustrando o plan do concello da Coruña de recuperar o espazo para a cidadanía “só se explica pola defensa exclusiva de intereses privados”, polo que “esiximos o cese de Enrique Losada como presidente da Autoridade Portuariae a reprobación da conselleira Beatriz Mato, que é cómplice dunha escandalosa operación especulativa e de privatización do patrimonio público”.
Segundo denuncia a iniciativa de En Marea, o presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Enrique Losada, non agardou a que se esgotase o prazo dado ó concello da Coruña para fomalizar a súa oferta, e negociou coa actual concesionaria, a empresa Río Mero, unha poxa por dez millóns de euros, unha actitude vergoñenta e que contradi o acordado no propio Consello de Administración da institución.
“Estes terreos forman parte do ben común da cidade da Coruña, foron gañados ao mar no lugar onde antigamente se atopaba a praia do Parrote, así que facerse con eles para uso público e municipal forma parte dunha demanda histórica da cidadanía”, reividincou Antón Sánchez para quen “a súa venda e privatización suporía culminar a infamia especulativa comezada hai xa anos.”