En Marea asegura que a negativa do Ministro ás vítimas de Angrois é “unha proba máis do cinismo, a falla de sensibilidade e vontade de tapar a realidade“ do PP
O viceportavoz Antón Sánchez asegura que En Marea insistirá en pedir a creación dunha comisión de investigación xa que o accidente ferroviario máis grave da historia de Galicia non pode quedar impune“
A actitude do Ministro De la Serna dicindo non ás vítimas de Angrois onte cando hai uns meses apoiaba e solicitaba a comisión de investigación e que se coñecese toda a verdade sobre o accidente ferroviario de Angrois, é “unha mostra máis do cinismo do PP, a falla de sensibilidade e vontade de tapar a realidade para evitar que se depuren responsabilidades políticas que correspondan“. O viceportavoz de En Marea no Parlamento de Galicia, Antón Sánchez, denunciou que “o Partido Popular quere que non se saiba quen ou quenes foron os responsables dunha decisión que costou máis de 80 vidas“. Para En Marea “é intolerable nun Estado que se considere democrático que non haxa mecanismos de depuración de responsabilidades políticas ante cuestións da gravidade como a do accidente ferroviario de Angrois“.
O grupo parlamentario de En Marea insistirá en pedir que se constitúa unha comisión de investigación para coñecer quen tomou e como se tomaron as decisións relativas á liña ferroviaria no seu tramo de Angrois e tamén para traballar para que non volva a suceder no noso país. Como destacou Antón Sánchez estamos a falar do “accidente ferroviario máis grave da historia de Galicia e non podemos deixar que pase isto sen polo menos tomar medidas para o mellorar a transparencia das nosas administracións de cara ao futuro e tamén restituír o dano causado ás familias e ás vítimas“.
“Non vai ser un camiño fácil xa que hai quen quere tapar pero é unha loita fundamental para o futuro. Isto non pode volver a suceder. Isto no pode quedar impune“ sentenciou o viceportavoz de En Marea.