En Marea vota en contra dos Orzamentos para 2017 por consolidar o modelo das desigualdades e da inxustiza
Manuel Lago: "Como é posible que a recadación tributaria do Estado medre 14.630 millóns e para Galicia sexan só 79 millóns?"
En Marea defendeu as súas emendas ao Orzamento da Xunta de Galicia 2017 no Parlamento de Galicia e criticou o falso discurso do diálogo mantido polo PP. O viceportavoz de En Marea, Antón Sánchez, xustificou a postura en contra do seu grupo ao Orzamento da Xunta de Galicia para o ano 2017 xa que o que busca é “consolidar un modelo que afonda na desigualdade e na inxustiza, o modelo da perda de dereitos da maioría, da precariedade“. “Vostedes que engordaron estes anos aos poderosos. Os que causaron o colapso en 2008 saíron a flote xa hai tempo , e moita xente sae máis pobre, máis precarios, máis estafados“ denunciou o viceportavoz de En Marea.
Sánchez destacou que “mentres nos vende a recuperación do emprego, hai continxentes enormes de persoas maiores de 45 anos que levan mais de 2 anos no paro“. Os datos de desemprego de longa duración esconden miles de verdadeiros dramas, que non son correspondidos con políticas da dimensión proporcional á gravidade do drama persoal. “E isto é estrutural. É consecuencia directa do modelo que pretender consolidar como o da recuperación. Non son erros das políticas , son consecuencias das políticas“ declarou Sánchez. Os datos reflicten ademais un aumento intolerable da precariedade laboral, da temporalidade.
Antón Sánchez falou tamén situación laboral no rural galego, o que cualificou como “exterminio do rural“ como demostra a destrución de 1 de cada 3 postos de traballo no sector primario galego, o continuo abandono de aldeas galegas ou a situación que tiveron que soportar moitas persoas estes días que quedaron incomunicados e sen saber a quen chamar a causa do temporal. Neste sentido, referiuse ao problema enerxético como unha “grande estafa“ pola que asegurou preguntou se ía vir comparecer no Parlamento o presidente Núñez Feijóo tendo en conta as súas propias declaracións canto estaba no oposición e demandaba explicacións ao goberno bipartito. Uns cortes de luz que tiñan lugar ao mesmo tempo que era colocado Arsenio Fernández de Mesa en Red Eléctrica continuando así a estratexia do PP de “colocar inútiles e incapaces polo simple feito de actuar como leais amigos dos poderosos“. Ao tempo que se anunciaba a venda das centrais galegas de Ferroatlántica por parte de Villar Mir a un fondo de inversión canadiano e ante o que o Goberno galego continúa sen dicir nada. E mentres á cidadanía continúa a sufrir a pobreza enerxética, a ter que soportar a estafa das eléctricas e a convivencia dos gobernos con elas, a suba dos prezos da luz, da falsa liberalización “que disque ía provocar un descenso dos prezos e duplicounos en apenas 15 anos“.
Tamén o drama dos desafiuzamentos tivo o seu protagonismo no discurso do viceportavoz de En Marea, un problema que continúa sen ser atendido nestes orzamentos porque “para o PP os bancos son moi grandes para caer, e moitas persoas son para o sistema demasiado insignificantes como para rescatala“.
Antón Sánchez destacou o incremento nun 22 por cento do prezo da vivenda, un 31 por cento o incremento do gasto enerxético, un 21 por cento o prezo do auga, un 17 por cento máis o gasto en ensino, ou un 17 por cento o gasto sanitario. “Deixen de mentir. Esta política é totalmente insensible aos máis débiles pero moi considerada cos poderosos. Xa sabemos de que lado están vostedes“ sentenciou Antón Sánchez.
Estafa ou engano?
Pola súa banda, o deputado Manuel Lago, durante a explicación das emendas ao Proxecto de Lei de Orzamentos para 2017 preguntou se a Xunta vai aceptar que Galicia reciba 79 millóns de euros cando lle corresponderían 1.022 millóns máis que en 2016, dado o incremento en 14.630 millóns no Estado pola recadación tributaria.. "Coa estimación de ingresosos nos orzamentos de 2017, máis que de engano estariamos diante dunha estafa, que se pode cuantificar", denunciou Lago tras sinalar que a participación de Galicia na distribución dos fondos de financiamento autonómico sitúase no contorno do 7%.
Os empregados públicos levan anos cos seus salarios conxelados e perdendo poder adquisitivo. Unha reflexión que tamén foi trasladada por En Marea ao debate de Orzamentos, lamentando que o discurso da saída da crise por parte do PP non se trasladae á recuperación de dereitos, salarios, estabilidade e emprego do persoal ao servizo das administracións públicas.
"As emendas de En Marea parten dunha diagnose diferente á do PP, pois en Galicia non temos un problema de exceso de gasto, senón de falta de ingresos" apuntou Manuel Lago, para quen é urxente modificar o actual modelo de financiamento autonómico apostando polo autogoberno, reforzando a loita contra a fraude fiscal e esixindo un incremento para Galicia dos recursos procedentes do Fondo de Cooperación Interterritorial, que está en mínimos históricos.
"Se nos estiveramos no Goberno, gobernaríamos, pero vostedes só veñen aquí a facer oposición da oposición", díxolle Manuel Lago a Miguel Tellado, durante a súa segunda intervención. E pediulle que abandone unha actitude que cualificou de "intelectualmente mediocre" e pase a dar "respostas concretas ás preguntas con cifras concretas que lles formulamos".
O PP rexeitou as emendas defendidas por En Marea votando en contra ao remate da sesión, ao igual que as rexistradas polo resto dos grupos da oposición.