Luís Villares: “Dediquen o 35% do beneficio empresarial a mellorar os servizos de emerxencia”
O voceiro de En Marea valorou esta tarde os Orzamentos destinados a Axencia Galega de Emerxencias para 2017.
Luís Villares comezou a súa intervención na Comisión 3ª preguntándolle ao director da Axencia Galega de Emerxencias pola súa responsabilidade na xestión do incendio de Fandicosta, “un lume que puido ser controlado de xeito efectivo pero non o foi por decisións nefastas imputables á Axencia que vostede dirixe, pois o mando non autorizou a intervención de servizos de bombeiros que estaban dispoñibles nese momento”.
Para Villares na atención de Emerxencias “o sentido común aparece distorsionado cando o negocio aparece polo medio”, polo que En Marea propón destinar ese 35% de beneficio empresarial derivado da privatización de servizos nunha mellora da calidade na atención á cidadanía nunha cuestión tan esencial coma a seguridade e a saúde públicas.
O voceiro de En marea referiuse de xeito concreto aos tempos de resposta nas zonas da montaña, tanto por parte dos servizos de ambulancia coma nos de bombeiros. “As queixas son constantes pola tardanza que se está rexistrando, que fai que moitas desgrazas se estean evitando pola solidariedade veciñal e non pola atención que prestan os servizos de emerxencias”.