En Marea iniciará unha ofensiva parlamentaria para defender ao sector da automoción en Galicia
Deputados de En Marea reuníronse cos representantes sindicais do automóbil galegos para escoitar de primeira man cales son os problemas fundamentais do sector
Vigo, 3 de febreiro de 2017. Os sindicatos da automoción galegos reuníronse en Vigo cos representantes do grupo parlamentario de En Marea para abordar os problemas que están padecendo este sector por causa da deslocalización crecente das industrias da automoción de Galicia cara a Portugal fundamentalmente, pero tamén cara a Marrocos. Os sindicatos explicaron a situación crítica que viven os traballadores dun sector que foi punteiro hai máis dunha década e que agora está quedando relegado en favor de zonas limítrofes co sur de Galicia como o norte de Portugal. Na reunión participaron unha máis de 30 representantes dos sindicatos CC.OO, UXT e CIG.
Por En Marea participaron o seu voceiro parlamentario, Luís Villares, a vicepresidenta do Parlamento de Galicia, Eva Solla, a deputada no Congreso Alexandra Fernández e o deputado autonómico, Juan Merlo. En Marea comprometeuse a iniciar unha ofensiva parlamentaria tanto no Parlamento de Galicia como Congreso, continuando coas iniciativas xa presentadas nas sedes parlamentarias, sobre o asentamento de empresas auxiliares da automoción nas comarcas portuguesas limítrofes con Galicia. Entre esas iniciativas, En Marea preguntará ao presidente da Xunta cales son as medidas tomadas polo goberno galego para evitar esa fuga de empresas e a perda de postos de traballo e a perda de calidade no tipo de traballo que se fai no sector en Galicia.
Xunto ás preguntas ao executivo galego, En Marea tamén iniciará unha batería de proposicións de carácter transversal para mellorar a posición de Galicia con respecto á industria automobilística. Entre elas, melloras en I+D, unha tarifa eléctrica que saque partido do carácter produtor de enerxía de Galicia e abarate os custos para as empresas e unha política de chan industrial que facilite a permanencia e a chegada de novas empresas en Galicia.
Segundos os representantes sindicais de CC.OO, UXT e CIG, a crecente deslocalización do sector da automoción de Galicia ten que ver con unha política do goberno portugués que está defendendo os seus intereses sen que o goberno galego defenda os intereses galegos neste mesmo sector. Portugal está ofrecendo chan barato, medidas fiscais á medida das empresas e tamén unha política laboral que permite unha man de obra máis barata que en Galicia. Estas medidas, segundo os sindicatos, non están sendo contrarrestadas polo goberno galego que nin sequera está auspiciando unha política de investigación para este sector que faga valor a experiencia e o coñecemento acumulado en Galicia nos últimos corenta anos.
En Marea manterá contacto directo cos sindicatos da automoción para reclamar a atención sobre un sector chave en Galicia e para adoptar as medidas necesarias para reorientar a posición da industria da automoción galega en Europa.