Luís Villares: “Quen alude ao principio de obediencia debida o que fai é colocarse a si mesmo como responsable desa orde“
O portavoz de En Marea amosou a súa indignación ante as declaracións do presidente da Xunta exculpando aos altos cargos do SERGAS imputados por un presunto delito de homicidio involuntario
O portavoz de En Marea, Luís Villares, considerou un escándalo as declaracións do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, en defensa dos altos cargos do SERGAS imputados por un posible delito de homicidio imprudente e prevaricación por ter retrasado a administración de tratamentos a enfermos de hepatite C cuxa morte podería terse evitado de chegar a tempo estes medicamentos. Desde o grupo parlamentario lamentaron “profundamente“ as declaracións do presidente da Xunta asegurando que o argumento empregado por Núñez Feijóo no que di que “fixeron o que fixeron en cumprimento do seu deber“ é “totalmente inadmisible para tentar xustificar e exculpar a responsabilidade destas persoas despois de denegar tratamentos por razóns burocráticas e económicas sabendo que había un importante risco de morte para persoas enfermas que precisaban estes medicamentos“.
“Quen alude ao principio de obediencia debida o que fai é colocarse a si mesmo como responsable desa orde“ explicou Villares. “Xa que eles non son os responsables segundo Núñez Feijóo, xa que eles o que fixeron foi cumprir coa súa obriga, haberá que pedir contas a quen deu esa orde de recortar, a que deu a orde de retrasar a adxudicación destes tratamentos e polo tanto ao que tal vez habería que investigar sería a propio Núñez Feijóo“ sentenciou o portavoz de En Marea.