En Marea responsabiliza ao goberno de Feijóo do colapso do sistema sanitario e apoiará as mobilizacións de SOS Sanidade Pública contra a nova Lei de Saúde

Estás aquí: Inicio » En Marea responsabiliza ao goberno de Feijóo do colapso do sistema sanitario e apoiará as mobilizacións de SOS Sanidade Pública contra a nova Lei de Saúde

En Marea responsabiliza ao goberno de Feijóo do colapso do sistema sanitario e apoiará as mobilizacións de SOS Sanidade Pública contra a nova Lei de Saúde

Luís Villares, voceiro de En Marea: “A única maneira de frear o deterioro do sistema sanitario público é apoiar as mobilizacións contra a reforma da lei de Saúde”

Manuel Martín, voceiro de SOS Sanidade Pública: “A política de contrarreforma do sistema e algunha das medidas que queren poñer en marcha o goberno de Feijóo poden significar a crise definitiva do sistema sanitario público en Galicia”

O voceiro de En Marea Luís Villares e maila deputada e voceira de Sanidade no Parlamento Eva Solla reuníronse esta tarde coa Plataforma SOS Sanidade Pública, unha xuntanza na que lle trasladaron o apoio de En Marea ás mobilizacións convocadas para esixir a retirada do anteproxecto de Lei de Saúde de Galicia.

“Non existe un colapso de Urxencias, existe un colapso do sistema sanitario galego e o responsable dese colapso non é unha gripe calquera, é a gripe do goberno de Feijóo, que mediante a privatiación dos servizos sanitarios e mediante o recorte, sobre todo en materia de persoal, está provocando un deterioro absoluto da calidade do servizo que está producindo tamén un deterioro da saúde das galegas e galegos”, sinalou Villares, “por iso estamos convencidos de que a única maneira de frear isto é apoiando as mobilizacións en contra da reforma da Lei de Saúde de Galicia, que encobre unha privatización e unha merma da calidade do servizo que afecta ao conxunto da poboación”.

Pola súa banda, o voceiro da Plataforma SOS Sanidade Pública, Manuel Martín, agradeceu o apoio expresado por En Marea. “Cremos que estamos nun momento clave para o sistema sanitario, a política de contrarreforma do sistema e algunha das medidas que queren poñer en marcha o goberno de Feijóo poden significar a crise definitiva do sistema sanitario público en Galicia”, indicou Martin, que considera que “estamos nun momento chave e por iso facemos un chamamento á poboación, a toda a xente por enriba da súa ideoloxía para que respalden as mobilizacións”.

O día 24 de xaneiro haberá concentracións en todas as áreas sanitarias organizadas por cada unha das plataformas e o día 4 de febreiro haberá unha gran mobilización pola mañá en Santiago de Compostela. “As demandas serán a retirada do decreto que supón modificar a Lei Galega de Saúde e a defensa da sanidade pública porque vemos como os recortes impostos polo actual goberno puxeron en perigo a atención sanitaria da cidadanía”, lembrou o voceiro de SOS Sanidade Pública, que cuestionou as políticas recentralizadoras en materia de sanidade do goberno de Feijóo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

7 + eighteen =

X