En Marea esixe á Xunta que dote dun substituto á praza do xuíz de violencia de xénero da Coruña e que manteña o servizo de atención psicolóxica ás vítimas

Estás aquí: Inicio » En Marea esixe á Xunta que dote dun substituto á praza do xuíz de violencia de xénero da Coruña e que manteña o servizo de atención psicolóxica ás vítimas

En Marea esixe á Xunta que dote dun substituto á praza do xuíz de violencia de xénero da Coruña e que manteña o servizo de atención psicolóxica ás vítimas

O voceiro de En Marea, Luís Villares, ofreceu unha rolda de prensa ás portas do xulgado de violencia de xénero da Coruña cunha dobre finalidade. A primeira delas denunciar a supresión do servizo de psicolóxica nas oficinas de atención ás vítimas especialmente grave no caso da violencia machista que tal e como a responsable do servizo recoñecía que o 95 por cento das atencións que se realizaban eran a este tipo de vítimas. Estes datos que foron avalados polo propio persoal do xulgado de violencia machista nunha xuntanza co voceiro de En Marea.

Trátase dun servizo que se fixo indispensable para unha boa atención ás vítimas que xa desde a comisaría se informaba da existencia deste servizo e se recomendaba empregalo e que estaba a ser apoiado igualmente desde o propio xulgado como salientou Villares.

Desde En Marea non entenden como a Xunta de Galicia decide suprimir unilateralmente o servizo dicindo que vai convocar ´sine die` prazas xa que as vítimas que estaban a ser atendidas neste momento van quedar desatendidas ao tempo que se descoñece por canto tempo se vai a manter a supresión deste servizo xa que nos orzamentos de 2018, xa aprobados, non existe ningún tipo de previsión para estas prazas. Esta circunstancia fai pensar que ata polo menos o 2019 non volveremos a contar con este servizo o que foi cualificado por Luís Villares como “inaceptable¨. Por estes motivos, En Marea fixo un chamamento ao Goberno galego a manter o convenio co Colexio oficial de Psicoloxía ata que o servizo estivera proveido de xeito permanente.

A segunda das denuncias e reclamacións trasladadas desde En Marea, foi o feito de que non se está a promover ningún tipo de substitución para o xuíz de violencia de xénero da cidade. Isto está provocou nos últimos días, segundo datos aportados desde o propio xulgado, que 30 declaracións tiveran que ser adiadas e 6 xuízos suspendidos ata polo menos o mes de abril ou maio. O voceiro de En Marea fixo unha chamada para que se dote de xeito inmediato dos medios de carácter material e persoal necesarios para poder cubrir esta situación. “Non é admisible que a día 30 de xaneiro se diga que non hai recursos para prover un substituto no xulgado de violencia de xénero, nin que as vítimas teñan que sufrir retrasos de catro meses porque se diga que non hai orzamentos dispoñibles” afirmou Villares.

En Marea levará diversas iniciativas ao Parlamento para denunciar esta situación “inaceptable” e esixir unha solución inmediata para os xulgados de violencia de xénero do noso país. Nas mesmas o grupo parlamentario defenderá que o parlamento de Galicia inste a Xunta a dirixirse ao Ministerio de Xustiza do Goberno de España para:

1.- Nomear xuíza ou xuíz substituta/o para o Xulgado de Violencia de Xénero da Coruña.

2.- Dotar dunha partida orzamentaria específica para a substitución de xuízas e xuíces a estes Xulgados de violencia de xénero.

3.- Dotar de medios axeitados, tanto económicos como humanos a todos os xulgados específicos de Violencia de Xénero e todos aqueles que ademais se ocupen deste ámbito, para garantir os dereitos das vítimas, dentro do marco contra a violencia machista e a vontade férrea de todas as institucións de loitar contra esta lacra da sociedade.

Enlace á iniciativa rexistrada por En Marea no Parlamento de Galicia: https://www.dropbox.com/home/Documentaci%C3%B3n?preview=iniciativa-xulgados-violencia-machista_compressed.pdf

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

eighteen − seven =

X