Ante as informacións aparecidas en medios de comunicacións que imputan a En Marea unha iniciativa no Parlamento europeo relativa á non obrigatoriedade de vacinar á poboación, En Marea quere indicar o seguinte:
- En Marea parte da evidencia científica de que as vacinas salvan vidas e evitan enfermidades, ate o punto de acadaren erradicar do planeta doenzas que outrora foran letais para a humanidade. En consecuencia, En Marea considera que as políticas de vacinación da poboación, unha vez pasan os controis de seguridade e risco que indican as evidencias científicas, forman parte esencial das políticas preventivas de saúde pública, e apoia publicamente, como fixo esta mesma semana no Parlamento de Galicia, o día 5 de decembro, as campañas de vacinación preventiva da poboación.
- Dentro da súa política de saúde pública, En Marea reclama unha maior dedicación de investimento do orzamento público para o desenvolvemento de novas vacinas que permitan erradicar enfermidades así como o seu acceso universal á poboación, na medida en que consideramos a saúde como un dereito fundamental de todo ser humano.
- Aínda que Lidia Senra fose electa nunha lista pertencente á Alternativa Galega de Esquerdas en Europa,esta deputada non está ligada organicamente a En Marea como parlamentaria nin en modo ningún a súa iniciativa representa a posición política de En Marea.
- En Marea non comparte en absoluto a posición política e científica en que se sustenta a iniciativa parlamentaria descrita.
- En Marea solicita aos medios de comunicación a rectificación das informacións publicadas que podan inducir a confusión na poboación sobre a posición política de En Marea neste tema.