En Marea anima ás mulleres a secundar a folga feminista do vindeiro 8 de marzo

Estás aquí: Inicio » En Marea anima ás mulleres a secundar a folga feminista do vindeiro 8 de marzo

En Marea anima ás mulleres a secundar a folga feminista do vindeiro 8 de marzo

A deputada de En Marea, Paula Quinteiro, anunciou o apoio do seu grupo á folga feminista que terá lugar o vindeiro 8 de marzo xa que “son moitísimos os motivos que temos as mulleres para mobilizarnos”. Un apoio que En Marea non quere que reste protagonismo ao propio movemento feminista como remarcou a deputada de En Marea.

“Unha frase que pode ser un bo resume do que estamos reclamando é que nos queremos vivas e que nos queremos libres” afirmou Paula Quinteiro que denunciou que “as desigualdades que soportamos as mulleres abranguen todos os ámbitos da nosa vida”. Neste sentido lembrou que as mulleres cobran un 22,3 por cento menos que os homes, unha fenda salarial coa que semella “non somos quen de rematar”. Así mesmo as mulleres soportan o maior nivel de temporalidade, precariedade e paro.

“Partimos dunha situación desigual no traballo asalariado, pero ademais, seguimos sendo as que asumimos de xeito moi maioritario os coidados, coidados que son imprescindibles para todas e todos, pero que non se están socializando” explicou Paula Quinteiro. Os datos evidencian esta realidade con unha porcentaxe do 70 por cento das horas dedicadas aos traballos domésticos no caso das mulleres, ou ás 1.087 mulleres que o ano pasado acolléronse a algún tipo de excedencia nos seus traballos para pasar máis tempo cos seus fillos e fillas fronte aos 132 homes.

Esta realidade repercute así mesmo nas pensións onde os homes perciben 1.041 euros mentres que as mulleres sitúanse nos 647 euros de media, unha diferencia do 38 por cento menos. “Poderíamos seguir moito tempo dando moitos máis motivos, as desigualdades atravesan as nosas vidas, por iso, este paro esténdese a todos os ámbitos” asegurou a deputada de En Marea.

“Pararemos nos traballos asalariados, pararemos de coidar, deixaremos de consumir e tamén de estudar. A idea é dar visibilidade ao feito de que se nós paramos, párase o mundo” explicou Paula Quinteiro.

O grupo parlamentario de En Marea entende que estamos ante unhas reivindicacións urxentes e que a transformación que precisamos comprende todas as estruturas sociais, políticas, culturais e económicas onde “todas e todos debemos ter unha implicación importante nesta mobilización”.

Paula Quinteiro anunciou así mesmo que En Marea presentará na vindeira xunta de voceiros unha proposta de declaración institucional para que o Parlamento se sume no seu conxunto ao chamamento e as reivindicacións deste 8 de Marzo. “Imaxinamos que o Partido Popular vai vetar esta proposta, porque escoitando palabras como que non hai que meterse na cuestión da fenda salarial por parte de Mariano Rajoi, semella que as prioridades son outras. Para nós, estas son as prioridades” concluíu Paula Quinteiro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

nineteen + 2 =

X