Estás aquí: Inicio » Luís Villares: “Non hai igualdade real sen orzamento e o seu compromiso reflíctese no 6 por cento de execución nas partidas de políticas de igualdade e conciliación”
O voceiro de En Marea, Luís Villares, recriminou na sesión de control ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, a falla de compromiso real do seu goberno en políticas de igualdade tal e como demostra a “cifra miserable” de execución que nos 3 primeiros trimestres deste ano non acadou o 6 por cento, e en 2016 deixou máis dun millóns de euros sen executar.
Villares arrancou a súa intervención facendo referencia as declaracións de Núñez Feijóo nunha entrevista nun medio de comunicación estatal nas que chegou a afirmar que “todas e todos os galegos somos contrabandistas aplicando o principio de igualdade que entende o PP”. “Tivo vostede a posibilidade de presumir de país durante 45 minutos e en lugar diso empregounos para insultar ao conxunto da cidadanía de Galicia” afirmou Villares quen sinalou que o presidente “o mellor está tan rodeado de xente que se dedica a actividades ilegais que pensa que todas e todos son contrabandistas pero non é así”. “Debería comezar por se desculpar nesta cámara por ese insulto ao conxunto dos galegos e galegas” concluíu o voceiro de En Marea.
Centrado na pregunta do grupo de En Marea, Luís Villares cuestionou o papel do Goberno do PP na loita contra a desigualdade entre mulleres e homes. Así lembroulle a Núñez Feijóo datos tan salientables como a diferencia nas pensións que cobran as mulleres de media 643 euros fronte aos 1.041 dos homes, ou a taxa de ocupación 9 puntos inferior ao masculina, ou a existencia de 22.000 mulleres dedicadas a servizos de coidados fronte 1.100 homes.
O voceiro de En Marea denunciou así mesmo o continuo incumprimento por parte do Goberno galego da Lei de igualdade. Neste sentido sinalou o financiamento de centros docentes que segregan por sexo pese a que a lei obriga a non discriminación por xénero nos colexios. A supresión ´sine die` da atención psicolóxica a vítimas de violencia machista nos xulgados do noso país por parte do Goberno galego. Ou as discriminacións en función de prexuízos como por exemplo que a tarxeta benvida impulsada pola Xunta de Galicia so contempla a muller como coidadora.
A execucións dos orzamentos é outro dos claros exemplos da falla de interese real do Goberno galego do PP pola igualdade. Atopamos que nos tres primeiros trimestres do ano a execución en políticas de apoio a concilacion da vida laboral e persoal leva executado un 40 por cento e no programa de accións para igualdade e promoción da muller un “miserable” 6 por cento. “Non hai igualdade real sen orzamento real” aseverou Villares.
Na réplica, o voceiro denunciou a total falla de respecto amosada por parte do presidente da Xunta ao non responder nin ter referencia algunha á pregunta de En Marea xa que na súa primeira intervención en resposta conxunta ao grupo de En Marea e PSdeG, xa que ambas preguntas foron acumuladas pola presidencia da Cámara.
Na quenda de réplica Luís Villares insistiu en pedir a Núñez Feijóo que dera resposta as preguntas concretas en materia de igualdade formuladas por En Marea lembrando a responsabilidade do presidente da Xunta respecto a que se garanta o cumprimento da Lei de igualdade, acabar coa supresión do servizo de atención psicolóxica ás vítimas de violencia machista, ou acabar coas discriminacións en función de prexuízos. Insistiu o voceiro de En Marea na ridícula execución dos orzamentos en materia de igualdade ao tempo que ofreceu datos sobre a execución en 2016 no que se deixaron sen gastar un millón de euros.
“Vostedes non teñen interese real na igualdade. As súas políticas de igualdade son políticas de contrabando”