Luís Villares
Son Luis Villares. Nacín en Lugo, en 1978, e alí vivo a día de hoxe.
Ata o mes pasado fun maxistrado da Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Alí cheguei despois de anos exercendo como xuíz no Xulgado do Contencioso de Lugo, no Tribunal Superior de Xustiza do País Vasco, no Xulgado Central Contencioso Administrativo e no Xulgado único da Fonsagrada, o meu primeiro destino despois de aprobar a oposición en 2005.
Formado na Universidade de Santiago de Compostela (USC), onde me especialicei na rama de Dereito do Consumo, colaborei ao longo da miña vida profesional con diferentes entidades centradas na defensa dos dereitos sociais, como a Rede Armela, e a normalización da lingua do noso país, como a Irmandade Xurídica Galega. Nestes anos, tamén exercín como voceiro en Galicia de Xuíces pola Democracia, unha auténtica escola ética e profesional desde a que loitamos para garantir unha Xustiza igual para todos e todas.
Decidín dar o paso de candidatarme á presidencia da Xunta pola convicción de que Galicia merece un goberno máis xusto, que traballe polo benestar da maioría e non dunha minoría, e que sexa capaz de aproveitar as inmensas potencialidades do noso país. Aspiro a unha Galicia que sexa vangarda en Europa e no mundo, que abandeire a loita pola xustiza social, a innovación e a transparencia para construír unha democracia máis forte.
Son un amante das viaxes, das boas conversas coas amizades e da música. De feito, deféndome coa gaita e o acordeón, aínda que o canto non se me dá mal de todo. Entre acordes aprendín que, como na política, o éxito dunha boa peza reside no equilibrio das partes que a interpretan, de gozar da diversidade que se une para algo común. Esa é a harmonía que as mulleres e homes de En Marea queremos levar á Xunta. Para construír entre todos e todas a grande obra que é Galicia e poñela ao servizo da súa xente.