Estás aquí: Inicio » ESIXIMOS O CESE INMEDIATO DO DIRECTOR XERAL DE MONTES
Para En Marea, o desastre natural acontecido un ano máis na provincia de Ourense, con 11 incendios activos no día de onte e 3000 hectáreas queimadas, ten que ter consecuencias.
Esiximos responsabilidades ante a dramática situación que un verán máis, azota o país e nomeadamente, a provincia de Ourense, motivo polo que pedimos o cese inmediato do Director xeral de Defensa do Monte da Consellería de Medio Rural, así como que dende a Xunta se elabore dunha vez un plan de prevención para evitar estas catástrofes.
Mentres en Cualedro, Rebordechau, Vilariño de Conso, Lobios, Laza, A Gudiña, Rairiz de Veiga, Chandrexa de Queixa, etc. a nosa riqueza, a nosa terra, o noso patrimonio, arde un ano máis, o señor Fernández-Couto declara na televisión pública de Galicia que sabía o que ía pasar, onde ía pasar e cando ía pasar, polo que cualificámolo como irresponsable, incompetente e neglixente.
A solución para a problemática dos incendios pasa pola política territorial, como indicamos dende hai catro anos, pois mentres non se tomen medidas reais e a longo prazo, continuaremos padecendo esta pandemia anual que fai á provincia de Ourense protagonista dunha actualidade infernal. Neste senso, a Xunta é incompetente e neglixente, pois ano tras ano, a súa única política é a de agardar que a choiva remate cos lumes.
Este non é un problema forestal, é un problema de todo o territorio, cousa que Fernández-Couto segue sen entender, motivo polo que debe dimitir de inmediato, e se non dimite, debe ser cesado.
A cultura do lume prevense, e non serve de nada só apagar os incendios, pois débese reconducir o abandono da actividade agrogandeira e a despoboación do rural, acabar coa eucaliptización e o monocultivo no monte galego.
Dende En Marea enviamos moitos azos e forza a axentes forestais, brigadistas, bombeiros e demais persoal que traballa na loita contra o lume.