Estás aquí: Inicio » En Marea esixe ao Conselleiro de Sanidade que compareza no Parlamento para explicar o acontecido no falecemento dun home PAC da Estrada sen asistencia sanitaria
O grupo de En Marea esixe a comparecencia do Conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, para dar explicacións ante o grave e lamentable suceso acontecido no Punto de Atención Continuada da Estrada onde un home faleceu o sábado pola tarde sen asistencia médica ao estar atendendo unha urxencia externa o sanitario do centro. A vicepresidenta do Parlamento e deputada de En Marea, Eva Solla, lembrou que o seu grupo ten denunciado, en repetidas ocasións, a necesidade de incrementar o número de profesionais nos PAC onde é habitual que teñan que saír do centro para atender ás urxencias deixando sen asistencia estes puntos.
Desgraciadamente tamén hai tempo que se denuncia a non cobertura nin de baixas nin vacacións nos centros de saúde e PAC e que neste caso tivo este fatal desenlace polo que, Eva Solla considera urxente e obrigado que o Conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, explique porque non se cubrir a baixa na Estrada e que medidas van a tomar. “Estamos ante unha situación totalmente insostible denunciada polos profesionais destes PAC que levan meses protestando polas condicións de traballo que están a padecer” declarou.
Así mesmo, a vicepresidenta do Parlamento quixo trasladar o pésame á familia da persoa falecida ao tempo que esixiu que o Goberno galego actúe de inmediato para evitar que unha nova traxedia poda acontecer.
O vicevoceiro de En Marea, Antón Sánchez, insistiu pola súa banda a demanda do persoal sanitario e a cidadanía un incremento de dotación de persoal mentres que a Xunta de Galicia continúa na súa liña de falla de planificación e recortes que rematan por ter consecuencias como se está a demostrar.
Tamén desde Movemento Veciñal Estradense-Móvete se instou ao resto de forzas políticas locais a rexeitar os recortes impostos polo goberno galego na sanidade e esixir os recursos médicos precisos para garantir a atención aos doentes. Así, denunciaron que o sábado non foi o único día que o PAC da Estrada quedou sen reforzo, xa que polo menos esta situación repetiuse en tres ocasións máis durante o que vai de verán. “É moi grave que o avance dos recortes cheguen a deixar un Punto de Atención Continuada sen servizo, co agravante de que o centro de saúde da Estrada é gañador do Premio Best In Class que o acredita como o mellor de España” sinalan desde Móvete. “É imprescindible que os responsables políticos asuman as consecuencias” defenden desde Móvete.