Estás aquí: Inicio » En Marea é o espazo do rexeracionismo democrático, dos dereitos sociais e nacionais, e baixo eses tres eixos convoca unhas primarias abertas a toda a cidadanía
A vicevoceira de En Marea Ana Seijas
A vicevoceira de En Marea, Ana Seijas, anunciou esta mañá a apertura do proceso de primarias para a elección das candidatas e os candidatos ás eleccións xerais e europeas. Un proceso aberto a toda a cidadanía galega no que “por primeira vez nun espazo político serán as persoas as que decidan quen nos vai representar nas Cortes”, explicou a vicevoceira e matizou: “Isto non aconteceu nin nas eleccións do 2015 nin nas do 2016, e a ferramenta que supón En Marea vai permitir por vez primeira ampliar a participación, avanzar na democracia e que sexa entre todas as que decidamos a voz que nos represente no estado”.
“A mellor maneira de atopar esas candidatas, e como non pode ser doutro xeito nesta construción de abaixo arriba, é crendo na participación activa da cidadanía cunhas primarias abertas”, asegurou Seijas.
Coa aprobación do regulamento por parte do Consello das Mareas, a convocatoria do Comité Electoral e a apertura do censo, iníciase o proceso de primarias para as eleccións xerais e europeas, e no que se poden candidatar “todas as persoas inscritas” antes do 28 de febreiro, data na que se pechará o censo e finaliza o prazo para presentar as candidaturas.
Seijas explicou a importancia que teñen as eleccións xerais e europeas para o espazo, e nas que está en xogo a aposta que se fixo por ese cambio que demandou a cidadanía hai sete anos de rexeracionismo, de democracia e de participación directa. “Pero tamén nos xogamos que maiorías se van artellar de apoio ao goberno en clave social, en clave de avance de dereitos, e que é importante saber que en Galicia haberá unha voz que represente á cidadanía galega no estado español”.
“Este é o espazo dos dereitos sociais, este o espazo da democracia, este é o espazo dos galegos e das galegas”, dixo a vicevoceira de EM sobre uns eixos cos que o Consello das Mareas iniciou o proceso de primarias para concurrir en solitario ás eleccións xerais. “Seguimos crendo que EM é a ferramenta precisa para levar as nosas demandas ao estado e ese é o traballo no que nos implicamos desde un primeiro momento e no que seguimos traballando”, engadiu.
No referente ao regulamento de primarias aprobado, Ana Seijas aclarou que é o mesmo que se empregou para as eleccións autonómicas e que foi aceptado por todas as persoas que participaron no espazo dende o seu nacemento na asamblea constituínte de Vigo.
No referente ao Senado, En Marea fixo de novo un chamamento a esa fronte ampla, a ese lugar de encontró onde todas aquelas persoas e forzas progresistas poidamos participar xuntas para impedir que o partido popular poida bloquear as iniciativas lexistativas do congreso. “O que tratamos e de frear ese bloqueo que está acontecendo no Senado e que levou a que cuestións tan importantes como o teito de gasto fosen bloqueadas por un sistema que beneficia ao partido maioritario e que diminúe a capacidade das forzas minoritarias”, sinalou esta mañá Seijas. “Esa e a nosa oferta. Temos unha proposta para o país, pero tamén temos unha proposta para o estado no que estamos dispostos a traballar con esas forzas que permitan o progreso, a defensa dos dereitos democráticos e que entendan o estado como nós o entendemos”, concluiu.