Estás aquí: Inicio » En Marea denuncia a privatización encuberta dos servizos de psicoloxía na EOXI coruñesa
A deputada de En Marea e vicepresidenta do Parlamento de Galicia, Eva Solla, preguntará no Parlamento por que a Consellería de Sanidade está procedendo de maneira encuberta a privatizar os servizos de psicoloxía na EOXI coruñesa, segundo denuncian de maneira reiterada os profesionais destes servizos. A deputada considera “moi grave” que o SERGAS estea privatizando un servizo a través de institucións como Cruz Vermella e Fundación La Caixa”.
Tras manter reunións con profesionais da saúde mental, traballadores do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, están a denunciar a privatización encuberta de servizos de psicoloxía na EOXI, a través de convenios entre o SERGAS e entidades como Cruz Vermella e A Fundación La Caixa para a atención psicosocial de persoas con enfermidade avanzada. Este convenio, ten o seu ámbito de aplicación na hospitalización, consultas externas, HADO, hospital de día, AP e domicilio, que é canalizado mediante o Servizo de traballo social e actualmente está formado por catro psicólogas clínicas. A deputada de En Marea considera “doloroso” que despois de que o Partido Popular votase “reiteradamente en contra de que se dotasen de máis medios en materia de saúde mental e que se contasen con máis psicólogas clínicas tanto en atención primaria como en especializada, non só non se atenden as necesidades senón que se privatiza o servizo e faise de maneira opaca”.
Esta privatización encuberta dun servizo resulta totalmente contraditoria coa negativa do SERGAS de dotar de máis profesionais públicos o Servizo Galego de Saúde nesta especialidade, argumentando que non existe tal necesidade, pese as múltiples demandas por parte deste colectivo que advirten dun aumento de trastornos mentais na poboación que en moitos casos son tratados cun exceso de fármacos.
Eva Solla sinala que o SERGAS non fixo público os datos destes convenios, nin a súa natureza “non temos coñecemento ningún sobre estes convenio e só sabemos deles porque os traballadores están recibindo ordes de derivar pacientes a esas institucións”. Os convenios, apunta a deputada, “non foron feitos públicos, nin colgados nas web de ningunha das institucións sanitarias, nin no Portal de transparencia”.
A vicepresidenta do Parlamento observa como “se están privatizando os servizos sanitarios na EOXI coruñea, sobre todo os de atención especializada, nos que Sanidade autorizou aos profesionais a compatibilizar o traballo na privada e as empresas a utilizar os profesionais que deberían estar traballando na pública”. Para Solla agora vese un paso máis neste proceso “cando se ataca á irmá pobre da sanidade pública que é a saúde mental, irmá pobre porque Sanidade quere, porque non quere invertir e prefire derivar á privada uns servizos que deberían ofrecerse desde o ámbito público”.
Eva Solla dirixirá no Parlamento de Galicia as seguintes preguntas: