Estás aquí: Inicio » Demandamos coñecer en que investiu a Xunta o orzamento do fondo especial para educación
Durante os meses de verán, o goberno de Feijoo puido demostrar con políticas e feitos o que lles preocupa a educación de verdade, e, un ano máis, volveron demostrar que non lles importa o máis mínimo.
Desde En Marea criticamos que o goberno da Xunta tivo meses e meses para preparar e contratar ao persoal educativo a maiores que se precisará, para formar e reciclar ao que xa ten en plantilla, para adaptar as instalacións e preparar as aulas, os comedores e os transportes para poder seguir as indicacións sanitarias e en vez de xestionar esas cuestións preocupáronse máis do turismo e do Xacobeo 21, e ao chegar setembro, volven aparentar rasgarse as vestiduras pola educación, sen deixar de vender fume e medidas baleiras a custe cero para a Xunta.
Para En Marea, o protocolo da Xunta so traslada toda a responsabilidade a docentes, equipos directivos dos centros e ata á rapazada, continuando coa estratexia de Feijoo de culpabilizar a calquera administración menos á que goberna, inda que teña plenas competencias na materia, como é o caso.
Demandamos que a Xunta publique, en aras á transparencia da que tanto presume, en que investiu os cartos asignados do fondo especial para educación, habilitado con 2.000 millóns en maio polo goberno do estado. Solicitamos que se detalle á poboación, tanto na pública como na concertada, en que se investiu ese diñeiro. Do mesmo xeito, aseguramos que se non está sendo suficiente, a Consellería de Educación debería explicar como e cando o van completar para que os centros poidan funcionar coas instalacións, recursos e persoal que merece un sistema educativo como o noso, mais, o Partido Popular segue recortando precisamente naquelas áreas máis sensibles ao gasto social, como é o caso da educación pública, pois padecemos un goberno instalado na soberbia e no desprezo aos servizos públicos.
Esta forma de proceder é unha aposta pola opción máis barata e máis favorable aos intereses da concertada, sendo tamén a opción máis cómoda para a propia Consellería de Educación, que descarga toda a responsabilidade nos equipos directivos e no profesorado, como se non fora este un ámbito da súa plena competencia.
As aulas non serán seguras se o goberno da Xunta non aposta decididamente por baixar as rateos de alumnado a un máximo de 15 por grupo, pois so así poderán afrontarse as desigualdades estruturais, acentuadas na actualidade pola fenda social, dixital e rural durante o período de confinamento e ensinanza non presencial.
Criticamos que se poña en risco a saúde do alumnado por abaratar custes, pasando a distancia de seguridade dos 2 metros que indica a OMS ao metro e medio que establece o protocolo da Xunta, e que nin sequera será tal.
Dende o comezo da pandemia reclamamos diminuír as rateos de alumnado, de modo que permitisen o ensino presencial en condicións educativas seguras e de calidade, co consecuente aumento de plantillas nas distintas etapas educativas, que posibiliten desdobres de grupos e agrupamentos flexibles do alumnado, con profesorado de áreas e de atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.
Reclamamos tamén a mellora de plataformas dixitais accesibles e propias para a formación on line, asi como o desenvolvemento dun plan de formación para todo o profesorado, en actualización didáctica e formación a distancia e un plan integral de acceso dixital en toda Galicia, nomeadamente no rural.
As citadas medidas deberían terse comezado a implementar hai meses, mais con todo, inda hai tempo de arranxar este caos ao que nos abocou o goberno de Feijoo, se hai vontade política para saír adiante sen deixar a ninguén atrás.