A declaración de proxecto de especial interese a 18 parques eólicos materializa o que é a Lei de depredación: vantaxes para as empresas e menos dereitos para á xente

Estás aquí: Inicio » A declaración de proxecto de especial interese a 18 parques eólicos materializa o que é a Lei de depredación: vantaxes para as empresas e menos dereitos para á xente

A declaración de proxecto de especial interese a 18 parques eólicos materializa o que é a Lei de depredación: vantaxes para as empresas e menos dereitos para á xente

Vense de se coñecer a publicación no Diario Oficial de Galicia a aprobación de 18 parques eólicos como proxectos de especial interese “Estamos ante os primeiros froitos da Lei 5/2017 de Fomento de Iniciativas Empresariais, coñecida coma Lei de Depredación , aprobada polo PP para maior gloria das eléctricas” como sinalou o vicevoceiro de En Marea no Parlamento, Antón Sánchez. Dita Lei modificaba a Lei 8/2009 pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia, creando a figura dos proxectos de especial interese.

Esta é así a primeira mostra no sector eólico dos efectos da aprobación da Lei de depredación que modificaba a lei do sector eólico e introduce esta figura de proxectos de especial interese o que significa na práctica é que os prazos para a aprobación destes proxectos sectoriais redúcese á metade. Deste xeito o que se consegue é dar máis facilidades para as empresas e poñer máis trabas e restricións á cidadanía á hora de defender a paisaxe, o medio ambiente, ou os recursos patrimoniais e turísticos.

Dentro destes 18 parques, existen varios, coma os de Pena Forcada, en Laxe, ou Mouriños en Cabana, onde a veciñanza e incluso a corporación local, ten mostrado a oposición a estes proxectos, xa que provocan impactos e en cambio non aportan beneficios apenas. No caso do instalado no Concello de Laxe, cabe destacar que nin sequera pagará un euro de canon eólico.

O modelo de sector eólico promovido polo Partido Popular é o modelo do expolio, que agasalla aos grandes investidores o territorio, o vento e os beneficios producidos. Así, nun sector cunha facturación que supera os 600 millóns , máis do 85 por cento do capital investido é estranxeiro entre eles as grandes eléctricas, bancos e fondos voitre.

“En cambio para o noso país só quedan as migallas” denunciou Sánchez. O único que busca o Goberno galego do PP con esta nova lei como xa ten denunciado en reiteradas ocasións En Marea, é “acelerar o espolio da riqueza de Galicia aínda que sexa a costa do impacto paisaxístico e ambiental”.

Galiza exporta 1 de cada 3 MW da producción eléctrica, que produce en moitos casos graves impactos ambientais, pero os galegos e galegas poden rematar pagando máis cara a electricidade por esa producción. “O colmo do modelo do saqueo do país”, declarou Antón Sánchez.

Desde o grupo parlamentario de En Marea queren deixar clara a súa aposta polas enerxías limpas pero acompañado dun modelo de desenvolvemento que beneficie á xente do país e non só a unhas poucas empresas. Por este motivo, amosan a súa total oposición ao modelo impulsado polo Partido Popular a través desta Lei de Fomento de Iniciativas Empresarias baseado na concentración da riqueza produtiva do eólico nuns poucos e do emprego da figura de utilidade pública para implantar proxectos de negocios privados moi lucrativos, pasando por riba da xente.

O señor Feijoo tivo tempo e posibilidades para virar cara un modelo máis social, e ambientalmente máis sostible, pero opta por non utilizar o vento para crear riqueza no país, para dinamizar o rural ou para complementar as rendas das persoas con outras actividades que viven no rural, e opta por seguir propiciando o espolio do país.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

seven + sixteen =

X