Estás aquí: Inicio » Carta de Luís Villares ás inscritas: Motivos para unha despedida
Benqueridas compañeiras e compañeiros,
Quixera compartir con vós as reflexións que me levaron a tomar a decisión de non concorrer ás primarias para as eleccións do vindeiro 5 de abril.
Antes diso quero darvos as grazas pola vosa confianza e cariño de todo este tempo, polo que levo aprendido de vós, de tantas leccións de vida que non se esquecen, polas preocupacións, os problemas, as solucións e os sorrisos. Darvos as grazas por facerme partícipe da única matria posible e desexable, a dos afectos, dos vosos e de toda a xente pola que loitamos con honestidade, para que este sexa un mundo mellor e máis xusto no que vivir. Grazas.
Asumín un encargo en 2016 por unha lexislatura, e a lexislatura chegou ao seu fin. Non me presentarei ás primarias de En Marea para as eleccións. Sempre o dixen: o meu paso pola política é temporal, como debe selo o de todo cidadán.
Eu non vin á perpetuarme en ningún posto: vin a facer política, non a ser un político; a facer política nun momento concreto, onde se pedía aos cidadáns que se implicasen. Eu fíxeno.
O meu encargo era liderar un proxecto político plural en que as persoas estivesen por riba dos partidos que o impulsaran, pero pronto as cúpulas impediron que esa alternativa cidadá, da xente, da base, florecese plenamente.
Por esa razón, logo de catro anos, estamos na mesma casilla de saída. Os partidos por un lado, as mareas, que representan á sociedade civil polo outro, nunha desbocada carreira dos de sempre por preservar un sillón, por riba da consolidación dunha alternativa progresista solvente e crible para Galicia.
O que estamos vivindo estes días entre os partidos da envellecida nova política é terrible, nunha loita descarnada polo postiño, e vivindo de costas ás mareas municipais e á marea como proxecto cidadanista, que eles mesmos impulsaran.
Lembro perfectamente 2016.
Aquela época onde a recesión económica deixaba unha profunda desigualdade social. Onde a xente saía á rúa para evitar que botaran as familias das súas casas. Onde autónomas coma a miña irmá vivían axfisiadas e sen saber que futuro lles esperaba aos seus fillos. Onde mozos como o meu irmán pequeno tiñan que emigrar porque aquí non había traballo.
E entón pasou algo.
Ofrecéronme a oportunidade de facer algo máis polo noso país e pola nosa xente. Dixéronme que podía implicarme en política para cambiar as cousas.
Pero esa chamada tiña trampa.
A apelación á xente foi tantas veces unha coartada para que os novos partidos puidesen facer o mesmo que os vellos: utilizar á sociedade civil para os seus propios intereses particulares.
Os partidos impulsores da marea viron enseguida en xente coma vós ou coma min un corpo extraño, uns intrusos alleos ás dinámicas dos partidos, que se preocupaban máis da xente que da organización, máis dos de fóra que dos da casa, máis das ideas que das comenencias. Os partidos non soportaron que algúns fixésemos política dende a inocencia e dende a ética.
Ter ética págase caro en política, e algúns fixéronnos sentir como bichos raros, polo menos así me sentín eu, só por facer o que me parecía que era o correcto, sen pensar noutras consecuencias que non fosen non decepcionar á xente que confiara en min para representala.
Era a vella pugna entre cidadanía e clase política. Ser cidadán antes que político pagámolo caro todas as cidadáns e cidadás que puxemos a ética por riba da política.
Tan caro o pagamos que os partidos abandonaron a marea, porque perderan o control sobre a cidadanía á que chamaran para participar en política. Eramos só a súa coartada, non o seu motivo.
Estas semanas
Debéramos de estar no combate das ideas, e non no combate dos sillóns. E aínda non atopei ningunha razón programática que nos impida un gran acordo na esquerda galega para ir unidas ás eleccións e ofrecer unha alternativa progresista que atenda as emerxencias feminista, ecoloxista e social que vive Galicia.
En Marea mantén conversas, formais ou informais, con todas as forzas políticas do espectro soberanista e máis de relevantes espazos municipalistas (e quen o negue, mente) e nunca, nunca, o programa, as ideas, foron un obstáculo para as negociacións: ninguén cuestiona unhas ideas que compartimos con case todos eles e que poderían fundar unha acción política e electoral común.. daquela.. por que non queren chegar a acordos?
Iso prodúceme, como cidadán, non como político, indignación e frustración política. Fálovos non como voceiro da marea, senón como cidadán de esquerdas: non entendo por que non hai un gran acordo que poña Galicia no camiño dos dereitos sociais, da igualdade e da defensa do medio ambiente.
Non entendo por que nos temos que enfrontar nas eleccións as Mareas, o Bloque, Anova, Podemos e incluso o PSOE. Dá a sensación de que importamos nós máis que a xente á que servimos e non debe ser así. Eu téñoo clarísimo.
Agardo que nos días que faltan o espazo da esquerda nacional galega teña sensatez e acade un acordo, baseado en programas útiles, é dicir, en medidas concretas que solucionen o paro, a emigración, as desigualdades, os servizos públicos, os coidados dos maiores, os asasinatos machistas, o cambio climático.. se levamos 4 anos votando case sempre xuntos no parlamento sobre eses temas! Con coller todas as iniciativas que votamos conxuntamente e facer delas o noso programa de goberno, tiñamos para unha década de acción política!
O futuro das mareas no medio prazo.
Este proxecto cidadán é máis necesario que nunca, para evitar o monopolio dos partidos, sempre limitados polos intereses das súas cúpulas.
Cómpre unha iniciativa cidadá radicalmente ética e comprometida cos máis desfavorecidos que non se case con ninguén e que sexa quen de influír politicamente para que as cúpulas dos partidos non esquezan para que están en política.
A xente das mareas somos o osíxeno ético da democracia en Galicia.
Cómpre mudar a maneira de facer política neste país.
A xente está espantada co que está pasando na esquerda en Galicia. Esta forma de facer política é suicida e condénanos a non ter alternativa ao PP nunca. O PP de Galicia manexa ao seu antollo e en proveito propio as institucións e os recursos públicos, creando na sociedade a falsa sensación de partido único dun réxime que non ten alternativa posible.
E fronte isto, cómpre unha resposta máis contundente, ampla e máis solvente da que estamos dando ao PP, toda a oposición sen excepción. A ata agora hexemonía do PP que nos leva sumido nesta longa noite da dereita en Galicia non é só mérito de Feijoo, senón demérito dunha oposición que ás veces non lanza unha mensaxe crible de querer gobernar este país.
Esa oposición debe incorporar, e non centrifugar, á sociedade civil e á xente dos movementos sociais, que moitas veces trata con indiferenza ou á súa comenencia. O cambio en Galicia chegará nestas eleccións só se os actores partidarios incorporan sinceramente as voces da sociedade civil que agora non se senten representadas nos seus discursos, por máis que de todos os partidos, de todos, teimen en poñerse detrás de pancartas que piden cousas que logo cando chegan ao goberno, non están dispostas a conceder.
O que está por vir.
Vin á política coa ilusión de axudar modestamente a mudar as cousas para mellor: para que a xente tivese máis liberdades individuais, máis dereitos sociais, para que houbese máis igualdade e máis xustiza.
Gustaríame que tivésemos aproveitado este tempo colectivamente para preparar e socializar a alternativa que Galicia necesita, e sinto que evidentemente non o conseguimos, e asumo tamén a miña parte de responsabilidade no sucedido, e síntome apenado e frustrado politicamente por non ter podido cumprir ese encargo cidadán.
Pero como son un optimista impenitente, confío aínda en que haxa suficiente intelixencia colectiva na esquerda do noso país para acadar un acordo progresista inclusivo, amplo, que teña vocación de satisfacer as demandas lexítimas da maioría da poboación deste país, que só espera dos políticos que lles axuden a facerlles a vida máis fácil.
No persoal
Non hai honra máis grande para un cidadán demócrata galego que representar á cidadanía, levando os problemas da xente ao parlamento e buscándolles solucións. O que máis procurei facer estes anos foi escoitar.
Escoitar ás nais que quedaron sen pediatra en San Sadurniño, esta mesma semana. Escoitar ás mulleres maltratadas, ás que non podían parir en Verín, as enfermeiras eventuais en loita, ás que padecen as esperas da sanidade pública, ás redeiras e mariscadoras de Cambados, ás teleoperadoras de Bosch despedidas inxustamente; ás labregas que non poden vender os seus produtos por un prezo xusto; ás estudantes que queren un planeta verde no que medrar e un país do que non teñan que emigrar… podería seguir horas contando loitas dun país de mulleres bravas que non se renden..
Púñame a carne de pita escoitar a xente darnos as súas queixas aínda sabendo que non podíamos amañarlles os problemas porque había unha maioría absoluta do PP, pero confiábannos a súa voz para que o contásemos, na confianza de que algún día sería diferente.
Escoitar para contar e cantar.
Cantarlles as corenta a unha dereita que decepcionou e moito aos seus votantes, que se viron desasistidos, parados, emigrados, coa terra esquilmada e queimada, un país rico empobrecido polo desleixo dos seus gobernantes.
E para ofrecer alternativas, aos problemas do día a día.
Como cidadán sigo tendo unha responsabilidade: non deixar que o país esmoreza, facer polo dereito a existir e a vivir ben na propia terra, con igualdade, con dereitos sociais, nunha Galicia máis xusta, solidaria, e respectuosa co medio ambiente.
Desta tarefa somos todas responsables, e por iso vos pido que non abandonedes nunca a responsabilidade de ser cidadanía, de actuar como tal e de esixir que a cidanía de Galicia sexa unha cidadanía de primeira con todos os dereitos actuais e os que conquistemos e que sexa soberana para resolver os seus problemas. HaiMarea!
Con todo o agarimo,
Luís.
10 Comments
Moitas grazas, Luis, pola túa integridade e pola túa xenerosidade. Formei parte da candidatura de Somos Cabanas, nas municipais. Seguirei loitando. Unha forte aperta.
Despois de ler ísto, que tén a súa historia…marcada por Beiras…penso que e unha triste pena a pouca unión que existe na Galiza, estou decepciónada, non haí amor a Galiza… sólo gañas de poder. Qué pena… seguirá o PP de por vida!
Sin duda o mellor político co q podemos contar en Galicia. Non temos perdón os galegos si deixamos q esto acabe así. Si todo esto no nos move a xuntarnos e loitar dende a unidade é q non hai solución para este pobo galego. Dende o BNG ata todos os partidos q se dicen de esquerdas se non toman unha decisión drástica xa non hai solución de avance para este pobo. Sintoo polos meus netos sobretodo, vaia país lle deixamos.
E un a pena.
Pois eras un bo político dos que Galiza precisa.
Desesote moita sorte.
E aquí estamos.
E como persona parecesme excelente e mais leendo a carta.
Saludos desde Ponteareas
Luisa Estévez.
Vaia por diante que non coñezo as dinámicas de En Marea. E tampouco coñezo personalmente a Luis Villares. Pero si é posible facerse unha opinión nos dous casos. No último, que é o que importa, hoxe na casa conocordamos en que se vai unha persoa honesta e preparada, Lembrábamos un dos primeiros mítines hai anos en Lugo (que vimos por “curiosidade”), a ilusión do momento, as alusións a uns zapatos “especiais” que levaba ese día, etc.
A mensaxe de desmotivación que manda o sistema de partidos actual para moita xente é totalmente desalentadora. No fondo e nas formas. E máis neste caso. Xa non é porque se desincentiva a participación dos cidadáns na vida política -en particular, que se incorporen moitos profesionais que aportarían valor engadido-. É a desilusión que xera o sistema, a falta de unión dos partidos para acadar obxectivos comúns que benefician á xente, etc.
A mellor mensaxe posible é a do último párrafo, A cidadanía pode e debe organizarse. Do xeito que sexa.
Sr. Villares: moitos cidadáns sentíronse/sentímonos ben representados por vostede como deputado. Puido ter erros, pero dende logo moitos acertos. E sempre con honestidade, preparación, humildade e bo facer. Non abandone vostede tampouco a súa responsabilidade como cidadán. Para moitas causas e asuntos “pro bono” a súa cooperación sería un luxo. E será un luxo.
Grazas por todo.
Coñecín a Luis desempeñando o traballo de xuíz no meu pobo, A Fonsagrada. Sei do seu interese por exercer con responsabilidade e atrevemento, como debe ser. Despois del vivimos un tempo escuro que en nada beneficia a nosa existencia.
Cando Luis decidiu asumir responsabilidades políticas, sentino porque de xente coma el precisamos tamén na xustiza. Soupen sempre do seu sentimento do país que precisamos e merecemos, e coincido na valoración que fai do compromiso que tentou asumir, mais …………….
Alégrome da súa volta á xudicatura.
Sería moi difícil explicalo mellor.
Moitas grazas, Luís, polo teu profundo e sincero compromiso.
Bo retorno á túa vida profesional.
A sociedades necesita xente coma ti. Estamos fartos dos políticos de profesión. Dechelle unha lección a todos os que te traicionaron . Grazas a ti por decir as cousas claras.
Gracias Luis pola tua adicacion e entrega incondicional a Galicia e as galegas e galegos. E unha magoa que non podas seguir ao frente dun proxecto de cambio de país no que crias . O teu compromiso activo e valente fixome ilusionar e pensei que ibas ser o autor da verdadeira “revolución” galega . Esquecinme que en política as persoas honestas, e brilantes coma ti non teñen oco . Moito ánimo. Apertas
Non teño verbas pra loar o ben feito por Todos nos comandados por Luis
Dende a miña atalaia de 50 anos traballando de baide pra os demais sempre .Unha das mellores esperiencias políticas que me aconteceron foi a de atopar un grupo formidabel co que me
sentin ser partifice de algo moi importante .
Graciaa todos e sobor de tudo a ti Luis
Eu seguirei loitando sempre por todo iso sque nos trouxo ate eiquí
Estou en Modepen loitando e poñendo a ialma e o corazòn polos dereitos dos e das galeg@s
Unha aperta e ate Mañan