Estás aquí: Inicio » Cambio de ciclo político
Queremos agradecer ás máis de cen candidaturas municipalistas o seu esforzo e a todas as persoas que confiaron en nós a súa representación política. A todas elas, grazas.
Os resultados das mareas municipais son malos, en xeral, con honrosas excepcións, pero en xeral reflicten unha importante tendencia á baixa, é dicir, unha baixada de confianza nunha forma de facer política.
Estamos claramente nun cambio de ciclo político en Galicia, que foi propiciado por dous factores, o efecto arrastre das xerais a favor do PSOE e a incapacidade de facer da bandeira da diversidade ideolóxica un factor de mellora social.
En efecto, a ilusión das mareas baseouse no traballo cidadán que agregaba partidos e segmentos de poboación que tiñan puntos en común e que se puxeran dacordo que sumaran esforzos para cambiar o panorama político, abandonando os seus particularismos orgánicos e os maximalismos ideolóxicos.
Esta situación seduciu no seu día a desencantados do nacionalismo e do socialismo e depositou en nós confianza nunca vista en Galicia.
Lamentablemente non fomos capaces de responder a estas expectativas. As tensións internas, provocadas por intereses das partes que pensaban máis en si que no interese xeral; e a ocupación do espazo político e comunicativo con estes temas, en vez de facelo en propostas políticas que contribuísen a solucionar de forma xusta os problemas cidadáns, acabaron por pasarnos factura e perdemos o interese cidadán.
Non ter reaccionado a tempo, identificando o problema, e distanciándonos do foco das tensións, por un intento ata o final de salvar a unidade cando había xente na casa que non a quería, acabou por desencantar a cidadáns tanto de orixe progresista como nacionalista.
É momento de deixar atrás esas tensións orgánicas e de deixar atrás a deriva na que nos deixamos arrastrar a nivel estatal por aqueles que xeraron un discurso que nos fixo perder transversalidade.
Agora é o tempo de tomar nota deste cambio de ciclo político e de axustar tanto a organización, como revisar o discurso, para resultar eficaces para resolver os problemas de xustiza social que ten Galicia neste momento, que son moitos.