Estás aquí: Inicio » Villares reivindica a defensa dos dereitos da cidadanía e dunha Galicia desenvolvida, e non subsidiada
O voceiro de En Marea comprometeu en Pontevedra todo o esforzo desta formación para defender os dereitos sociais dos galegos e conseguir unha Galicia desenvolvida, con oportunidades e calidade de vida para o conxunto da cidadanía. Dende o mitin celebrado este mércores na Casa da Luz de Pontevedra, Luís Villares criticou con dureza o desleixo do candidato do Partido Socialista cara ás necesidades das galegas e galegos. Un Pedro Sánchez que, nen sequera en campaña e cando se atopa en Vigo, lembra mencionar a Galicia nin comprometerse de ningún xeito coas tarefas pendentes.
“Defender os dereitos de Galicia é defender os dereitos das galegas e galegos. Non como fai Pedro Sánchez, que ten mitin en Vigo e non lembra as cousas que deixou pendentes en Galicia. E se nun mitin xa non cita a Galicia, que fará se goberna outra vez?”, pregúntase Luís Villares.
Fronte á campaña en branco e negro de Pedro Sánchez, En Marea ofrece un proxecto político en cor. “Non queremos unha España nin unha Galicia en branco e negro. É preocupante escoitar ao PSOE dicir que non terían problema en gobernar con Ciudadanos. Ou se busca un goberno progresista ou atoparse co trifachito, ambas cousas non caben. As galegas e galegos non queremos esa España en branco e negro”, afirma o voceiro. Que tamén critica ás “candidatas paracaidistas” que non dubidan en cambiar de provincia segundo lles convén.
“O proxecto político de En Marea está comprometido coa radicalidade democrática, coa xustiza social e coa plurinacionalidade. Eses son os nosos principios. Temos unha diferencia con Podemos: con En Marea non vai pasar como no 2015: se dan as contas para un goberno de progreso frearemos á dereita dende o primeiro día. Non imos agardar como eles tres anos. Non imos permitir nin un minuto máis de políticas regresivas que xeran sufrimiento e recortan dereitos”, reivindica Villares. Que garante o apoio de En Marea “a unha maioría progresista no estado español. Queremos participar da gobernabilidades para ampliar dereitos. Que digan as demais forzas políticas se están dispostas ao mesmo”, reta.
Fronte ao esquecemento doutras forzas políticas, En Marea apela á coherencia e ao seu compromiso absoluto coa defensa dos intereses da cidadanía galega. “Fagan o que fagan outros, En Marea estará aí para defender Galicia”, asevera o voceiro, que reivindica as 353 propostas do seu programa electoral da formación.
Luís Villares reivindicou a aposta de En Marea por unha Galicia máis xusta, libre e desenvolvida nun estado que avance na mesma dirección; pero sempre coa axenda galega enriba da mesa. “En Marea está comprometida con eses dereitos desde o momento mesmo do seu nacemento, porque os dereitos sociais son irrenunciables para as propostas de En Marea”, reivindica o voceiro. Que pon en valor a defensa dos “dereitos sociais, laborais, das mulleres ou da diversidade” que a formación xa ven e seguirá impulsando. “Os dereitos da cidadanía son os dereitos que defende Galicia para ser un país desenvolvido e non un país subsididado, como propuña o orzamento estatal ao que nos negamos rotundamente”, afirma Villares.
A cabeza de lista ao Congreso aproveitou a cita electoral na capital provincial para destacar algunhas das cuestións clave para Pontevedra que En Marea se propón impulsar. Iris Malvido destacou a débeda pendente que o estado ten coa cidadanía de Galicia no que a traspaso de competencias e infraestruturas viarias se refire. E apostou por “un modelo máis sostible”.
“Entendemos que non ten sentido apostar por duplicar infraestructuras”, afirma a candidata, que destaca que co orzamento que se pretende destinar á construcción da A-57, un vial en paralelo á actual AP-9, sería posible acometer a recuperación desa autoestrada. Iris Malvido destacou o importante impacto ambiental que suporía ese novo e “completamente prescindible” vial, e comprometeuse a traballar para impulsar a tan demandada recuperación para o público dunha autoestrada que En Marea quere gratuíta á maior brevidade.
A candidata pontevedresa ao Congreso tamén puxo o foco en Ence e na permisividade estatal cara a un modelo empresarial “que destroza máis emprego do que crea”. Malvido denunciou o forte impacto ambiental que a pasteira provoca na ría e a súa negativa repercusión en sectores produtivos vinculados ao mar, como a pesca e o marisqueo. Ademais, a cabeza de lista provincial ollou cara ao monte para destacar a vinculación directa entre esta planta e un modelo forestal que propicia a proliferación de monocultivos de eucalipto, favorecendo os incendios.
O candidato número dous ao Congreso destacou o compromiso de En Marea coa recuperación de dereitos e coa defensa duns servizos públicos de calidade. Manuel González Moreira lembrou os ataques directos á sanidade que supuxeron normas recentes, como a Lei 15/1997 de 25 de abril, ou o Real Decreto Lei 16/2012 do 20 de abril. Dous textos que En Marea se propón derrogar co obxectivo de frear a mercantilización do noso sistema público de saúde e eliminar os tan lesivos copagos e repagos; “un imposto á enfermidade que afecta precisamente aos que máis precisan da sanidade pública: persoas con rendas baixas, enfermos crónicos e pensionistas”. “Os dereitos da cidadanía non poden ser o negocio duns poucos. Este é o noso compromiso, o noso contrato coa cidadanía galega!”, comprometeu González Moreira.
Pola súa banda, a candidata pontevedresa Carmen González “Peque” reivindicou a “ética política de En Marea e o seu compromiso fronte á corrupción”. Pero tamén “diálogo permanente coa cidadanía e cos demais actores políticos para participar dunha maioria de progreso en clave democrática”. “O compromiso de En Marea é coas persoas máis vulnerables, que levan arrastrando as consecuencias dunha crise que non provocaron, coas mulleres. Ese é o noso contrato”.
Tamén Silvia Díaz reivindicou a necesidade de que·”os intereses das galegas e galegos estean representados en Madrid. Hai que vencer á apatía dunha sociedade asqueada da corrupción e da deriva dun bipartidismo de promesas incumpridas. Vemos o empobrecemento das clases traballadoras mentres os máis ricos se enriquecen aínda máis”, denunciou a candidata. Que lembrou os dereitos recortados, e a falta de avances na loita contra a violencia machista, con 19 vítimas mortais no que vai de ano. Queremos opcións para a mocidade, rematar coa precariedade laboral. Prometemos non subordinarnos a ninguén, unicamente ao contrato que asumimos coa cidadanía galega. Para iso pedimos o voto para En Marea”.