Villares a Feijóo: “O seu desgoberno eliminou 1.795 profesionais e case mil camas na sanidade pública, cunha redución do gasto do 18,3%”

Estás aquí: Inicio » Villares a Feijóo: “O seu desgoberno eliminou 1.795 profesionais e case mil camas na sanidade pública, cunha redución do gasto do 18,3%”

Villares a Feijóo: “O seu desgoberno eliminou 1.795 profesionais e case mil camas na sanidade pública, cunha redución do gasto do 18,3%”

INTERVENCIÓN COMPLETA EN YOUTUBE

O voceiro de En Marea, Luís Villares, acusou hoxe a Feijóo e ao “seu desgoberno” da delicada situación que atravesa a sanidade pública galega. Así o dixo na sesión de control ao presidente, durante a que criticou con dureza os recortes en gasto público e en persoal acometidos polo PP nos últimos anos. “Dende que vostede goberna, eliminou 1.795 prazas de persoal sanitario, 1154 en Atención primaria e 641 en hospitais”, indicou Villares

“Eliminaron 513 médicos, case dous por concello”, recriminoulle o voceiro de En Marea a Feijóo, “o Partido Popular está desmantelando o sistema de Atención Primaria, o médico de cabeceira, que debería resolver o 95% dos casos e cando se desmantela a Atención Primaria, as listas de espera para unha simple consulta dispáranse durante días ou semanas, e a xente sofre, non aguanta coa dor e decide ir a Urxencias, acuda vostede ata alí e escoite as persoas que agardan durante horas nos corredores”.

Luís Villares explicou que a redución do gasto real en sanidade foi do 18,3% entre 2009 e 2016. “Onte en Santiago, 30 doentes estiveron agardando dun día para outro para ser internados por falta de camas, no Meixoeiro de Vigo, 22 persoas, cunha situación tan calamitosa que lles fixo entrar en razón e abrir todos os recursos pechados dende a inauguración do Cunqueiro e en Ourense os traballadores/as están pechados no centro denunciando o esgotamento do persoal, a falta de medios e a falta de espazo para traballar.”

“O único que non protesta é o xerente ese de Vigo que mantén vostede malia estar imputado por homicidio imprudente tras denegar medicación a pacientes de Hepatite C que a necesitaban para seguir con vida. Ese estalle moi agradecido de que o manteña no cargo”, engadiu o voceiro de En Marea, que acusou a Feijóo de “acabar coa saúde” dos galegos e galegas.

O decreto de garantías na prestación sanitaria establece un sistema perverso: se as listas de agarda superan 45 ou 60 días, derívase á privada. “Curioso”, díxolle Villares a Feijóo, “recortar en persoal público ocasiona lista de espera que solucionará persoal de centros privados, ese é o seu negocio”. “Mentres iso pasa, plantas enteiras de hospitais permanecen pechadas, e persoal cualificado na súa casa ou con contratos basura”, precisou.

Mobilizacións SOS Sanidade Pública

Villares lembroulle a Feijoo que ten a todos os colectivos en contra e protestando, “as asociacións de pacientes, os sindicatos profesionais, as plataformas cidadás en defensa da sanidade pública e incluso as xefaturas de servizo, por iso hoxe haberá concentracións en defensa da sanidade pública, ás que En Marea acudirá”.

“Faga como en decembro, pida desculpas aos pacientes, pero desta volta abra camas de hospital e contrate persoal”, esixiulle o voceiro de En Marea a Feijóo na súa intervención, na que tamén asegurou que a responsable do colapso en Urxencias “ non é a gripe A nin a B, é a gripe do PP, que lamentablemente atacou forte o noso País, aínda que afortunadamente, as galegas e galegos estamos empezando a desenvolver os anticorpos”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

2 × four =

X