Estás aquí: Inicio » Villares denuncia as falsas promesas e a corrupción e avoga por impulsar unha Galicia de benestar e dereitos
O voceiro acompañou ás candidatas ao Congreso e ao Senado por Pontevedra en sendos mitins en Ponteareas e Redondela
En Marea denuncia as falsas promesas e as palabras baleiras de quen permitiu a morte demográfica e a emigración masiva das galegas e galegos pola falta de oportunidades. E aposta por unha Galicia que recupere dereitos e garanta benestar para as maiorias sociais. “As políticas do Partido Popular significan a morte demográfica de Galicia, e lévana convertido nun verdadeiro cemiterio demográfico que unicamente xera emigración, paro e falta de expectativas. Nós non queremos ese futuro para Galicia. Non queremos un país no que as familias non teñen a certeza de poder chegar a fin de mes. Non queremos que os que marcharon non vexan esperanza de voltar”.
Luís Villares arrancou a súa intervención en Ponteareas berrando “saúde e república”. “Unha reivindicación que En Marea defende cada día, mentres que outros apostan por resucitar mortos”. O voceiro de En Marea denunciou os deberes que Mariano Rajoy, reaparecido en campaña, veu poñer á provincia de Pontevedra, E instouno a acudir ante a Fiscalía a falar da Gürtel e a devolver todo o que o PP roubou do público.”Pide perdón, Mariano Rajoy, polos recortes da última década, polo empobrecimiento educativo e sanitario, polo paro”.
Luís Villarse denunciou o desecoñecemento do candidato do Partido Popular, Pablo Casado, da realidade galega, e a súa reivinidicación das políticas rurais do goberno da Xunta. “Desde que Feijóo é presidente 200.000 mozos e mozas tiveron que emigrar pola falta de futuro. Ese é o voso modelo demográfico? Estamos á cola en Europa no índice de natalidade. Esa é a referencia de Casado en políticas de natalidade? 68.000 persoas menos en activo traballando. Ese é o modelo que Casado quere?”.
O voceiro de En Marea sinalou cara a Ence para criticar a corrupción política e institucional dunha empresa en cuxo consello de administración están persoas vinculadas ao Partido Popular, “que non quere que Ence marche da ría para defender os intereses dos que optan polas portas xiratorias. Un exemplo de corrupción e desviación de poder que non podemos seguir permitindo”.
Villares tamén lembrou das grandes empresas eléctricas para denunciar o modelo de xestión política dos que optan por favorecer o propio interese, deixando de lado á cidadanía. “Alcoa, Isowat, Ferroatlántica. Estamos ante un problema de estafa masiva que padece o conxunto da cidadanía cada mes a través do recibo da luz. Por eso hoxe o ex presidente do goberno está no consello de administración dunha empresa eléctrica. Por iso o Partido Popular defende os privilexios das grandes empresas fronte ao dereito da cidadanía a pagar un prezo xusto pola electricidade”.
O voceiro de En Marea tamén denunciou a burla e a falta de credibilidade que supón que o PP traia agora como proposta a transferencia da AP9. Fronte a este modelo pensado para favorecer os intereses duns poucos, “En Marea ten propostas afincadas na democracia e na xustiza social, que busca ampliar dereitos para todas sen deixar a ninguén atrás. En mateira de vivenda digna, para que se cumpra o artigo 47 da Constitución que garante o dereito a unha vivenda digna”, asevera Villares, que tamén reivindica unha renda básica universal que garanta o benestar do conxunto da cidadanía.
A cabeza de lista ao Congreso por Pontevedra reivindicou a necesidade “duns orzamentos dignos que permitan unha vertebración territorial do noso país xusta e acorde coas necesidades das galegas e galegos”. Iris Malvido destacou a necesidade de conseguir unha conexión ferroviaria que favoreza unha mobilidade “sinxela e asequíbel”. Neste sentido, criticou que a única inversión estatal para 2019 neste ámbito sexa a conexión de alta velocidade Madrid-Galicia, “conexión que non solventa os problemas de mobilidade interna dos e das galegas”.
Malvido tamén puxo o foco nas reformas laborais impulsadas por PP e PSOE e en como estas formacións teñen obrigado á mocidade a emigrar en busca de oportunidades laborais. A candidata comprometeuse a traballar para conseguir a derrogación dese marco. Así como para conseguir a transferencia a Galicia cunha AP-9 libre de peaxes.
“Temos a necesidade de cambiar o sistema e avanzar cara un modelo máis humano, máis xusto, máis igualitario e colaborativo. En Marea protexerá o público a todolos niveis: educación, sanidade, pensións. Traballará para recuperar unha xestión pública dos nosos recursos, como son a auga e a electricidade, así como unha xestión pública dos servizos sociais”, asevera a candidata, que aboga pola “desmercantilización de servizos tan básicos como a dependencia. Participaremos en maiorías progresistas que permitan a ampliación de dereitos e liberdades”, afirma Iris Malvido.
Pola súa banda, Manuel González Moreira puxo o foco na necesidade de “traballar pola recuperación dos dereitos perdidos e pola conquista dos que aínda non temos”. O candidato pontevedrés ao Congreso reivindicou o dereito á vivenda e ao traballo digno, e avogou por unha renda básica que garanta as indispensables condicións de benestar para todas as persoas. González Moreira comprometeu os esforzos de En Marea para defender o sistema público de pensións e uns servizos públicos de calidade. E destacou a necesidade de impulsar políticas sociais e traballar para conseguir a igualdade real entre homes e mulleres; polos dereitos das persoas LGTBIQ; e por un futuro para a mocidade.
O numero 2 de En Marea para o Congreso por Pontevedra destacou os ataques perpetrados nos últimos anos polo Partido Popular á educación e á sanidade públicas. Dous eidos que En Marea se compromete a defender. “Temos que estar no Congreso e no Senado para garantir o dereito a unha sanidade pública universal, gratuíta e de calidade”, reivindicou.
Na educación centrou a súa intervención Manuel Troncoso. “Temos que loitar por unha lei educativa que garanta o futuro dos nosos cativos e cativas, da nosa mocidade, unha educación do século XXI, pública, laica e que garanta a igualdade de oportunidades tanto para o fillo do médico como para a filla do labrego”, reivindicou o candidato número 7 ao Congreso por Pontevedra, que denunciou o gasto de 700 millóns de euros anuais en profesores de relixión no ensino público. “Nós queremos nas aulas públicas con robótica, matemáticas aplicadas ou filosofía”, aseverou.
Troncoso tamén lembrou a débeda pendente que o estado central mantén con Ponteareas, que leva anos agardando por unha variante de acceso que a conecte coa A-52. Mentres que a tamén candidata Teresa Pérez puxo o foco na necesidade de impulsar “unha lei xusta que poña solución á situación que padecen as vítimas de violencia machista e impida que máis mulleres rematen asasinadas. Os Concellos atópanse atados de mans, sen medios suficientes para atender eficazmente ás mulleres que están pedindo axuda”, denunciou.
Encontro feminista en Vigo
Antes de participar nos mitins de Ponteareas e Redondela, a candidata Iris Malvido participou en Vigo nun encontro feminista, acompañada pola eurodeputada Lidia Senra, a sindicalista Rosa Chantada e outras mulleres da provincia. Un acto que se desenvolveu na cafetería De Catro a Catro. E que serviu para destacar o xeito en que as mobilizacións das mulleres teñen suposto un avance nas conquistas da igualdade.
“Loitaremos contra o teito de cristal e contra o chan pegañento que impiden á muller alcanzar o seu máximo potencial”, reivindicou a candidata de En Marea. Que explicitou o seu compromiso coa defensa da derogación da reforma laboral. “Unha lei inxusta que afianza as desigualdades”. Malvido tamén apostou por promover unha Lei Trans que axilice os trámites e avance a despatoloxización deste colectivo. E avogou porque na televisión pública se visibilicen todos os tipos de diversidade, así como na educación.