Estás aquí: Inicio » Villares anuncia a participación de Mónica Oltra na celebración de EM no Día da Patria durante a inauguración da Escola de Verán, Unitaria, en Pontevedra
Hoxe comezou en Pontevedra a Escola de Verán de En Marea, Unitaria. Dúas xornadas nas que os eixos temáticos están a ser o municipalismo, o camiño ás eleccións europeas e a confluencia do espazo do cambio, e onde participan, entre moitas outras, Enma López Bahut, Xosé Manuel Beiras, Pepe Constenla, Luís Villares, Marilar Aleixandre, Tereixa Novo, María Xosé Porteiro, Joana Mortágua, Lida Senra, Virginia López Calvo, Carmén Freire ou Ana Seijas. Unitaria, é unha homenaxe ás escolas unitarias do rural e ao seu modelo educativo, e un espazo de diálogo, reflexión e debate.
O voceiro de En Marea Luís Villares destacou ante os medios que “estas xornadas exemplifican como deben ser todas as nosas mesas de traballo: abertas a todo o mundo, e nas que calquera persoa pode participar”. Villares anunciou tamén que a Unitaria “ten continuidade no Día da Patria, o 25 de xullo, que será unha xornada festiva na que contaremos con Mónica Oltra, presidenta de Compromís, e onde a música, o humor e a comida serán os protagonistas para celebrar a Galicia de Todas”.
Gonzaló Rodríguez, coordinador das xornadas e membro da Coordinadora de EM, indicou durante a recepción aos asistentes que coa Unitaria, Escola de Verán, “queriamos facer unha homenaxe a estas escolas que son elementos imprescindibles para a vida en moitas zonas do rural, porque as escolas unitarias son un elemento de vida, de sustento e un modelo educativo no que nós nos referenciamos”, precisou Rodríguez. “Queremos aprender tamén dese modelo educativo de aí o nome de Unitaria, porque o obxectivo é seguir reflexionando, engadir novas ideas e debater sobre esas ideas e sobre nós mesmos; porque o que pretendemos coa Escola de Verán é un proceso de debate aberto para seguir aprendendo”, indicou antes de dar por inauguradas as xornadas que finalizarán mañá domingo, e onde ademais das charlas están programadas diferentes actividades lúdicas como comida, roteiros, cea ou foliada con cánticos de taberna.
Noutra orde de cousas, o voceiro de EM tamén valorou a elección de Pablo Casado como novo presidente do Partido Popular “aquí tivemos a única maioría absoluta do PP nunha comunidade autónoma e para Galicia isto sempre foi ruinoso e lesivo porque nos ningunearon a nivel político, a nivel de infraestruturas, de investimentos… e que Núñez Feijóo sitúese agora á beira do gañador, quere dicir que se está situando ao lado da versión máis rancia e máis autoritaria do PP que está en contra dos dereitos sociais, en contra das mulleres, en contra da liberdade de expresión…”, explicou Villares que cre que a elección de Casado e o apoio de Feijóo “vai consolidar os recortes de dereitos en Galicia”, sentenciou.
#HaiMarea