Estás aquí: Inicio » Urximos un plan industrial para a comarca da Mariña para non depender dunha actividade
Dende En Marea consideramos deplorable a actitude do Partido Popular e do Partido Socialista, botándose as culpas da catástrofe que se cerne sobre A Mariña de Lugo.
Non é momento de culpas, senón de propostas. Nós apuntamos dúas accións moi concretas que se poderían desenvolver de xeito inmediato: a entrada temporal polo Estado no capital de Alcoa e a aprobación inmediata do Estatuto de industrias Electrointensivas, tendo en conta as alegacións feitas.
Entendemos a entrada do Estado no capital de xeito temporal porque as achegas públicas teñen que ser puntuais para solucionar problemas concretos.
Nese sentido, o covoceiro de En Marea, Pancho Casal lembra exemplos de países como Francia, Alemania e Italia, que interviron empresas de diferentes sectores coa intención de despois recuperar eses fondos con plusvalías. Para Casal, cando se recuperen, haberá que “dedicalos a outra emerxencia”.
Dende En Marea urximos un plan industrial para a comarca da Mariña, para non depender do monocultivo dunha única actividade concreta, pois entendemos que o que está en xogo é xa non a vida dunha empresa, senón a ruina absoluta dunha comarca, algo do que calquera galego é consciente.
Pancho Casal, tamén esixe ao Presidente da Xunta que se poña ao fronte destas reivindicacións e diga claramente “se está ou non dacordo co que propoñemos ou que presente outras alternativas”, e asegura que “En Marea estará aí sen condicións previas, pero hai que actuar xa”.