Estás aquí: Inicio » Touradas fora de Pontevedra!! Touradas fora de Galicia!!
En Pontevedra, a presión social, exemplificada o ano pasado na recollida de máis de 130.000 sinaturas contra as touradas, conseguiu que sectores económicos e políticos que apoiaban este evento de tortura cambiaran o seu posicionamento, mais o apoio político e lexislativo do Partido Popular e o convenio do Concello de Pontevedra coa empresa xestora da praza promoveron que se manteñan.
O BNG non pode seguir sendo cómplice desta tortura coa escusa de que o convenio non subvenciona directamente as touradas se non á empresa que as organiza. Deberase tomar o exemplo da Marea Atlántica: a eliminación das axudas do Concello supuxo a fin das touradas na Coruña, totalmente inviables sen as axudas públicas, pois, nos últimos dez anos só o 0,3% das galegas e galegos acudiron a un evento taurino.
Todas as organizacións sociais e políticas debemos ter unha posición abolicionista activa, demandándolle ás distintas administracións accións para rematar con estas prácticas nas localidades onde perviven. Dende En Marea non nos resignamos, por iso volveremos a poñer no foco do debate este tema, da man do noso deputado Pancho Casal, no vindeiro período de sesións do Parlamento de Galicia.
Non aturaremos máis escusas!! Non queremos que se fale de Pontevedra pola feira taurina, pois denigra a imaxe desta fermosa cidade.
Touradas fora de Pontevedra!! Touradas fora de Galicia!!