Estás aquí: Inicio » Somos Cabanas asina con En Marea o acordo de colaboración co obxectivo de transformar o país no 2019 de abaixo a arriba desde o municipalismo
Somos Cabanas sumouse onte, 30 de agosto, ao acordo de colaboración con En Marea para que medre o mar nas eleccións do 2019 e devolverlle as políticas á xente desde o municipalismo, desde abaixo, co obxectivo de transformar as vilas, os pobos e as cidades do país nun lugar máis habitábel mediante políticas que solucionen os seus problemas e as súas inquedanzas.
O acordo, seguindo o mandato do Plenario e asinado por aquelas mareas que así o solicitan, supón un pulo de cara ás eleccións municipais, e no que En Marea dará cobertura, medios e apoio, respectando a independencia das mareas locais, para encher de ilusión e esperanza os concellos o próximo ano. Somos Cabanas súmase así á Marea Veciñal de Culleredo, Marea Pontevedra, Somos Cambados, Marea Ponte Caldelas, Lugo Novo e Asamblea Cidadá de Bueu.
O acto da sinatura tivo lugar na Casa Tolo da vila coruñesa e nel participaron o voceiro de Somos Cabanas, Xosé Manuel Sardiña, o voceiro de EM, Luís Villares, e as vicevoceiras Victoria Esteban e Ana Seijas, ademais de contar coa presencia de mareantes da comarca e de todo o país.
Sardiña destacou o desexo do espazo que representa de estreitar lazos con En Marea e as mareas locais que “de forma libre e soberana decidimos afrontar xuntas o desafío das eleccións municipais do próximo ano mediante estes encontros intermareais, que reforzan a cooperación en pé de igualdade entre mareas para compartir experiencias e recursos co horizonte 2019 que permita transformar o país de abaixo a arriba”. O voceiro de Somos Cambanas precisou que “este acordo aposta pola soberanía de cada localidade pero tamén pola colaboración. E con este diálogo e con este traballo conseguiremos unir á marea, e xuntos non nos vai deter ninguén para devolver as políticas á xente no 2019”. En Somos Cabanas, que naceu nun parque da localidade coruñesa, “xa levamos moitos anos traballando e facendo centos de iniciativas e propostas: sociais, ambientais, de emprego, de sanidade… Un traballo que nos avala, e con este acordo refórzase e vilisibilízarase aínda máis”, concluiu.
As voceiras de En Marea Victoria Esteban e Ana Seijas destacaron a importancia da sinatura porque en Somos Cabanas “sodes un exemplo dese compartir que é o que representa este acordo que ten como obxectivo mellorar a vida das persoas. Somos unha alternativa real de facer política axudándonos os uns aos outros”, indicaron antes de insistir na importancia deste día para toda a xente do común e para sumar unha gran marea galega na que “todas e todos somos importantes, non ten que haber diferenzas entre mareas grandes e pequenas porque aspiramos a chegar xuntas no 2019 a tódolos concellos do país”.
Tralos parabéns de moitas das mareas da comarca (Neda, Fene, As Pontes, Mugardos, Moeche…) que mostraron o seu interese de se adherir tamén ao acordo, e das mareas de todo o país, procedeuse á sinatura do documento.
Luís Villares, voceiro de En Marea, pechou o acto explicando que a recesión xa rematou, pero que a crise foi a escusa para crear o “estado de malestar” que en Galicia están a padecer centos de miles de galegas e galegos. “O que importa é o que temos en común e xuntarnos para rematar coas inxustizas que sofren a maioría das persoas neste país”, incidiu Villares que concretou que “a idea básica é crear alternativa a partires da unión e sempre pensando en solucionar ese sufrimiento das persoas, unha alternativa para elas. Todo o demais é secundario”.