María Victoria Moreno (Valencia de Alcántara, Cáceres, 1 de maio de 1939-Pontevedra, 22 de novembro de 2005) foi unha escritora versátil, mestra, tradutora, editora, máis ante todo unha firme activista a prol da lingua galega, cun forte compromiso vencellado ás reivindicacións de democracia e xustiza social.
Aprendeu galego cando chegou a Galiza con 22 anos e como ela mesma chegou a dicir “A miña relación con Galicia e a miña opción pola súa lingua é simplemente unha historia de amor”. Viviu tamén en Segovia, Extremadura, Barcelona ou Madrid, máis foi a nosa terra a que sentiu como súa, converténdose nunha galega de elección.
Foi vítima do seu tempo e da falta de oportunidades, que, ó igual que pasa hoxe en día, víanse acentuados polo feito de ser muller, así, os seus estudos alongáronse por mor da situación económica familiar, que non permitía enviar unha filla a estudar fora.
A súa figura é relevante non só pola súa labor literaria, senón por ser unha teimosa defensora dos dereitos lingüísticos, ensinando galego durante a ditadura franquista, algo totalmente impensábel. Tamén neste mesmo contexto de represión desenvolveu cursos de galego (a título voluntario, non remunerados), dirixidos a mestres/as e persoas que non tiveran a posibilidade de estudar a nosa lingua. Esta iniciativa resultaba sospeitosa para o réxime polo que como represalia, en 1974 lle retiraron o pasaporte.
A contribución como escritora de María Victoria á lingua e á cultura do país foi moi importante: En 1975 publica o seu primeiro libro (“Mar adiante”), con ilustracións da propia autora. Esta publicación tivo un gran impacto na prensa, convertendo a María Victoria nunha das autoras pioneiras da literatura infantil galega. Ademais de historias infantís ou xuvenís e ensaios tamén publicou libros de texto de Literatura Galega e dirixiu a colección Árbol, da editorial Galaxia.
Abriu en Pontevedra, xunto con outros/as socios/as a libraría Xuntanza, onde se vendían, entre outros, libros como os de Castelao e Miguel Hernández, prohibidos pola censura e editados fóra de España.
Contribuíu a situar a literatura infantil e xuvenil galega nun lugar digno, a poñer en valor o uso da lingua galega, falándoa e escribíndoa ben, a meterse na pel das personaxes e gozar coa literatura, coa beleza das palabras. Soñaba cunha escola diferente, en contacto coa natureza e baseada en relacións de agarimo e respecto, soños que colleron forma a través das letras.
Este ano é a figura protagonista do Día das Letras Galegas e isto convértea na cuarta muller (tras Rosalía de Castro, Francisca Herrera Garrido e María Mariño) que leva este recoñecemento na historia da celebración. Deixámosvos cunha frase recollida no que é probablemente o seu libro máis famoso, “Anagnórise”, pola súa protagonista, Andrade: “As persoas estamos feitas para levar a cabo os proxectos máis fermosos”.
Dende a marea feminista (En Marea) apostamos pola nosa lingua, polas nosas letras, pola visibilización das nosas autoras… por iso, ao igual que fixo María Victoria, emprazámosvos a non resignarvos, a aplicar a rebeldía cívica e empregar o galego sempre, tamén naqueles contextos onde se lle poñan barreiras.
En galego, todos os días do ano!.
En galego, en todos os ámbitos!
