Estás aquí: Inicio » Rexistramos queixa formal no Parlamento, co resto da opisición, denunciando o veto do PP á nosa petición de comparecencias de Feijoo
En Marea xunto cos grupos parlamentarios PSdeG-PSOE, Galicia en Común-Anova mareas e Bloque Nacionalista Galego acordamos presentar no Parlamento un escrito formal de queixa por considerar que se está vulnerando o regulamento da Cámara e coartando os dereitos dos grupos parlamentarios, que temos como obriga o control do Executivo e a presentación de medidas de impulso, un labor máis necesario ca nunca no contexto de crise sanitaria, económica e social derivada do coronavirus.
Nun escrito dirixido á Presidencia da Cámara, poñemos como exemplo a petición de comparecencia do presidente da Xunta rexistrada o pasado 6 de abril pero que, a día de hoxe, aínda non se debateu pola Mesa da Deputación Permanente como establece o Regulamento.
Por contra, xa se ten pronunciado e dado luz verde ás comparecencias solicitadas polo Goberno con data posterior. Neste sentido, denunciamos que o PP está utilizando a súa maioría como rodillo para maniatar aos grupos e para ter á Cámara a medio gas cando debería estar traballando a pleno rendemento para axudar a saír da crise.
O escrito rexistrado recolle, textual que, “desde a declaración do estado de alarma e de alerta sanitaria por parte dos grupos da oposición do Parlamento galego rexistráronse catro solicitudes de comparecencias con datas de 31 de marzo, 3 de abril, 6 de abril e 13 de abril, ao abeiro do disposto no artigo 56.4 do Regulamento que dispón que a Deputación Permanente “será convocada polo presidente, por iniciativa propia ou por petición de dous grupos parlamentarios ou unha quinta parte dos membros daquela”.
“A pesar de cumprir cos requisitos establecidos no Regulamento para a súa convocatoria, por parte da Presidencia non se tramitou nin se emitiu resolución algunha en orde a convocar a Deputación Permanente. No entanto ás solicitudes de comparecencia formuladas polo Goberno foron atendidas de inmediato“, recollemos no escrito.
Así mesmo, engade a nosa queixa formal, “por parte dos grupos da oposición foron rexistradas numerosas iniciativas sen que se chegasen a tramitar, contravindo o propio informe dos servizos xurídicos da Cámara e vulnerando o artigo 23 da Constitución”. Todo o cal nos leva a solicitar “que se cumpra o Regulamento do Parlamento e, co informe emitido polos servizos xurídicos da Cámara, se tramiten as iniciativas e solicitudes de comparecencia rexistradas polos grupos da oposición“.
Esta denuncia súmase á proposta conxunta rexistrada para reactivar o funcionamento do Parlamento, empezando pola comparecencia do xefe do Executivo que, mentres fuxe da Cámara da soberanía popular, se prodiga en comparecencias en directo desde a televisión pública. Así, desde que o pasado 14 de marzo se declarase o estado de alarma, Feijoo só compareceu unha vez no Pazo do Hórreo, fronte as 21 roldas de prensa en directo e en horario de máxima audicencia en televisión.
O obxectivo desa proposta conxunta por parte dos grupos parlamentarios, con excepción do PP, é reactivar o funcionamento do Parlamento. Para iso, entre as propostas formuladas, a petición de comparecencia semanal de Feijoo mentres dure o estado de alarma e de emerxencia sanitaria e a posibilidade de presentar todo tipo de iniciativas de impulso con excepción de proxectos de lei.