Estás aquí: Inicio » Reclamamos que as empresas de telemarketing protexan a saúde do seu persoal fronte ao coronavirus
Nun país en corentena para protexer a saúde pública, coa policía e o exército nas rúas para garantir que a cidadanía cumpra co seu deber resulta aínda máis grotesco que existan empresas que poñan os seus beneficios por riba da saúde dos seus traballadores e traballadoras e da sociedade en xeral. É o caso do sector do telemarketing, un sector que dista moito de ser a vangarda dos dereitos laborais, pero que, como denuncian fontes sindicais, nesta crise están indo moito máis alá.
Empresas como Unísono e Bosch, en Vigo, ou Atento, na Coruña, están sendo denunciadas por incumprir unha a unha todas as recomendacións sanitarias. As medidas hixiénicas son practicamente as mesmas, a separación entre traballadores dista moito do metro e medio recomendado, o material informático e os cascos e teléfonos pasan de man en man e o teletraballo é residual nunhas empresas que concentran un gran número de persoas en espacios reducidos.
Existe unha falta de responsabilidade e de ética inasumible nun momento onde todos e todas estamos poñendo da nosa man para rematar co virus e por iso En Marea apela unha vez máis a que estas empresas prioricen o realmente importante e, de non ser así, solicita que as autoridades competentes as obriguen a garantir a seguridade e a saúde das persoas do mesmo xeito que obrigan a cidadanía a quedarse na casa.
A saúde é un dereito que non pode depender dos beneficios ou das perdas económicas.