Estás aquí: Inicio » Programa » Unha cidadanía activa » Unha información plural e independente

Unha información plural e independente

Cómpre mellorar a calidade do servizo da televisión e radio públicas de Galicia e garantir que cumpren o seu obxectivo de informar de xeito veraz e obxectivo á cidadanía. Os medios públicos teñen unha enorme responsabilidade cultural, lingüística, económica, polo que se debe garantir que a súa xestión sexa o máis democrática e transparente posible, afastada de todo control por parte do Goberno. Debe modificarse, nun sentido democratizador e garantista, a Lei de Medios Audiovisuais de Galicia, pactada entre PP e PSOE.

Os medios públicos non están destinados exclusivamente a competir por un mercado de audiencia. O seu obxectivo e o seu compromiso é cos múltiples sectores potenciais de audiencias, aos que debe prestar servizo, grupos da sociedade, públicos e entidades hoxe desatendidos. Cómpre establecer ademais unha conexión real de colaboración e apoio entre todos medios públicos, nomeadamente entre as emisoras locais de radio e a Radio Galega.

Debemos procurar avanzar nunha normalización cultural e lingüística a través dos medios públicos. Así mesmo, a infancia debe ter unha atención preferente. Finalmente, a CRTVG debe consolidarse, como o motor do campo audiovisual galego, entendido como campo cultural aberto e participado por unha pluralidade de axentes e non como couto de negocios particulares e produtoras privadas.

1343. Garantir o dereito á información da cidadanía galega a través dos medios públicos

Estableceremos un modelo nítido de financiamento para a CRTVG, dirixido a garantir un servizo público baseado na neutralidade que fortaleza unha democracia de calidade a través dunha cidadanía ben informada e teña rendibilidade social. Defendemos, neste aspecto, os posicionamentos da Plataforma Mira por Elas e traballaremos para unha radio e televisión públicas galegas. Promoveremos que os profesionais da comunicación poidan dispoñer dunha formación universitaria de calidade, así como de autonomía e condicións laborais dignas, para impedir que a precariedade contribúa á desinformación da cidadanía. Promoveremos por lei a creación dunha autoridade audiovisual independente do Goberno que vele polo cumprimento da normativa reguladora do sector audiovisual xestionado pola Xunta.

2344. Aclarar o réxime laboral das traballadoras e traballadores da CRTVG.

Desenvolveremos o Estatuto Profesional dos traballadores da CRTVG previsto na Lei de Medios Audiovisuais de Galicia 09/2011, aínda pendente despois de cinco anos.

3345. Abrir as xanelas da CRTVG.

Crearemos o Consello de Informativos da CRTVG, que impida calquera mostra de manipulación informativa e garanta uns servizos informativos dignos, veraces e independentes. Reestruturaremos o Consello de Administración da CRTVG baixo criterios de transparencia no que se refire á súa remuneración e composición, e contará coa presenza das traballadoras e traballadores da corporación, persoas con experiencia profesional no sector e grupos da sociedade civil, de xeito que sexa plural e diverso.

4346. Os medios públicos, os medios da xente.

Incorporaremos unha representación da sociedade civil e do terceiro sector no Consello Asesor da CRTVG, nomeadamente de sindicatos, universidades, entidades sociais que promovan a educación en comunicación, as que agrupan a consumidores, mulleres, minorías e persoas con diversidade funcional, entre outras. Regularemos e fomentaremos o dereito de acceso da cidadanía aos medios públicos, tanto á CRTVG coma ás emisoras municipais.

5347. Os recursos de todas, para todas.

Instaremos ao aproveitamento dos medios públicos que se atopen actualmente en desuso; en especial, os que se atopan baixo a xestión directa dos concellos, promovendo e garantindo a participación das entidades sen ánimo de lucro destas localidades na xestión dos devanditos medios, facilitando a súa utilización.

6348. Democratizando a comunicación entre todas

Os medios son unha ferramenta de escrutinio público esencial que perde o seu sentido se a cidadanía carece das competencias necesarias para o seu correcto uso. Neste senso, e de acordo ca Directiva Europea 2010/13/UE e a Recomendación do Parlamento Europeo do 16 de decembro de 2008, constitúe unha obriga dos poderes públicos promover a alfabetización mediática e/ou educación en medios de comunicación co obxectivo de xerar unha opinión pública informada, crítica e participativa. Esta estratexia educativa debería fundamentarse na defensa do exercicio do dereito á comunicación e no desenvolvemento destas actividades en educación formal, tanto regrada coma non regrada, e non formal.

7349. A participación, clave dun novo modelo.

Crearemos un Foro Galego de Educación, Comunicación e Cidadanía, composto por asociacións da sociedade civil, medios públicos e do terceiro sector e persoas expertas, que defina os marcos necesarios para o desenvolvemento de políticas públicas neste ámbito.

8350. Novas ferramentas para un novo futuro

Solicitaremos da Consellería de Educación o deseño e elaboración dun plan de educación mediática para a súa implementación curricular en todos os ámbitos formativos. Crearemos un banco de recursos online onde se poidan consultar os recursos existentes e as mellores experiencias educomunicativas galegas. Incentivaremos a investigación sobre novos alfabetismos e a cultura mediática e dixital da cidadanía. Fomentaremos as boas prácticas dos profesionais do xornalismo no tratamento da información, nomeadamente no caso de colectividades discriminadas, facilitando a súa formación. Fomentaremos a creación e difusión de obras baixo licenzas Creative Commons.

9351. O galego, protagonista no entorno mediático

Na nosa comunidade, a lingua e cultura propias están claramente discriminadas no ámbito mediático. Cómpre desenvolver plans transversais que abrangan a totalidade da acción do goberno e que sexan eficaces na defensa da cultura galega. Entre outras accións, converteremos a Radio Galega Música nunha emisora de música galega e lusófona que divulgue música moderna de todos os países do noso ámbito cultural.

10352. Facer o traballo que non se quixo facer

Cumpriremos a normativa vixente en materia de protección da lingua, xa que en moitas ocasións, pese a existir normativas que impoñen obrigas de servizo público a operadores privados, estas non se fan efectivos. Como exemplo, o Decreto da Xunta 102/2012 do 29 de marzo, polo que se desenvolve o servizo de comunicación audiovisual radiofónica no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia dispón no seu artigo 10.j) a seguinte obriga aos titulares de licenzas de radiodifusión: “Empregar a lingua galega nas súas emisións, de forma que o 50%, como mínimo, do tempo de programación sexa en lingua galega. O uso do galego débese distribuír equitativamente en todas as franxas horarias. Non obstante, para as emisoras que actualmente formen parte das cadeas de ámbito estatal, aplicarase a porcentaxe arriba sinalada nas desconexións que se realicen dentro da Comunidade Autónoma de Galicia”. Resulta obvio que, a tal hora, esta disposición legal permanece incumprida de xeito xeneralizado.

11353. Transparencia, ben común e legalidade para defender o dereito a comunicar

A calquera observador independente resúltalle evidente o sistemático incumprimento da normativa audiovisual, non só en Galicia, senón en toda España. A esta situación de excepcionalidade legal únese a aprobación de lexislación restritiva do dereito á información e a liberdade de expresión, o que fai do noso Estado un dos máis regresivos en materia de liberdades asociadas á comunicación, segundo observadores independentes coma o Instituto Internacional de Prensa ou Amnistía Internacional.

12354. As institucións teñen que traballar

Modificaremos o Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual de Galicia, que se converterá nun organismo público e independente do goberno e grupos políticos, económicos e empresariais. Este órgano de control estará integrado por persoas procedentes de organizacións representativas da sociedade civil, colectivos sociais e profesionais. O Valedor do Pobo formará parte do Consello.

13355. Os compromisos deben cumprirse

Supervisaremos o cumprimento das condicións dos concursos nas licenzas adxudicadas. Melloraremos normativamente a transparencia e control das axudas aos medios de comunicación e a contratación da publicidade institucional de acordo a criterios de ben común.

14356. Un espazo mediático plural e xusto

A Lei Xeral da Comunicación Audiovisual debe garantir para Galicia a repartición equitativa das licenzas entre o servizo público, as iniciativas sociais e os negocios audiovisuais, de maneira que os tres sectores poidan dispor de radios e televisións de cobertura municipal, autonómica e estatal. Así, solicitaremos da Administración Xeral do Estado as licenzas necesarias para facer cumprir a Lei no que se refire aos medios de comunicación comunitarios e garantiremos transitoriamente a continuidade da súa actividade de acordo ao disposto na Disposición Transitoria 14 da devandita Lei.

15357. Apoio transparente ao pluralismo

Incentivaremos o pluralismo mediático implementando liñas de apoio a novos medios baixo criterios de ben común e sustentabilidade. Melloraremos normativamente a transparencia e control das axudas aos medios de comunicación e a contratación da publicidade institucional de acordo a criterios de ben común e transparencia, priorizando o mantemento do emprego e das condicións laborais dos traballadores e traballadoras.


X