Soberanía cultural para activar a sociedade
O ecosistema cultural galego debe desenvolver o procomún: entendido como a corresponsabilidade da administración pública entre o interese público (mediación profesional, reformulación de infraestruturas, redistribución de recursos) e a capacidade cidadá para xestionar na medida que sexa posible, os medios que son da cidadanía.
A cultura é un dereito fundamental recoñecido na Carta de Dereitos Fundamentais da Union Europea. Traballaremos por unha cultura pública, democrática e accesible para todas as persoas, sen diferenzas, mediante a redistribución dos recursos en base a criterios territoriais, sociais ou económicos. O dereito ao libre acceso á cultura debe ser universal.
A Xunta do Partido Popular eliminou a Consellería de Cultura, refundíndoa coa de Educación, unha decisión que prexudicou gravemente as dúas áreas. A cultura debe recuperar o seu papel vertebrador da sociedade, xeradora de identidade individual e colectiva.
Consideramos fundamental a función mediadora da administración pública para a construción dun marco laboral sectorial de carácter autonómico. Polo tanto adoptaranse medidas de loita contra a precariedade na contratación pública de servizos culturais: liñas vermellas de contratación, condicións a esixir ás empresas de servizos culturais como salarios dignos, tipos de contrato, cumprimento do convenios e das condicións laborais.
Impulsaremos, en colaboración con universidades e centros superiores de ensinanzas artísticas, un sistema de bolsas de investigación e residencias destinadas a asociacións, profesionais e mozos e mozas creadoras para mellorar as prácticas do ámbito cultural, favorecendo o seu acceso a unha formación especializada e facilitando a súa conexión coas últimas tendencias e con culturas e tradicións diversas.
Apoiaremos a existencia de iniciativas e proxectos que faciliten a multiplicación de actividades accesibles para todas as idades e territorios, sostidas no tempo, dedicadas ás artes vivas e artes visuais. Que comprenda medidas de carácter formativo e pedagóxico, de mediación e programación expandida, de programación e difusión cultural, de investigación e produción de coñecemento.