Reformulación dos sectores culturais
Na procura dunhas industrias culturais sólidas será necesario reformular, desenvolver ou modificar a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), aplicando cambios que garantan unha boa xestión e que simplifiquen a lexislación e a súa interpretación para evitar as diferenzas que acontecen actualmente. É fundamental que a Agadic traballe a prol da industrias culturais galegas, fomentando a produción, comercialización e distribución das obras, con criterios xustos e transparentes e con medidas que garantan unha estabilidade no tempo, como podería ser contar cun calendario de convocatorias e uns orzamentos estables.
Constituiremos consellos asesores e consultivos independentes nas diferentes áreas da cultura galega: literatura, artes visuais, teatro, audiovisual, danza, música... Potenciaremos o Consello da Cultura Galega, reforzando a presenza e representación do sector profesional e do tecido asociativo nos órganos de goberno. Impulsaremos unha territorialización -en colaboración coas corporacións locais- da oferta de difusión do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), do Centro Dramático Galego e do Centro Coreográfico Galego.
Fortaleceremos a Rede Galega de Bibliotecas, con máis medios materiais e humanos. Favoreceremos a súa coordinación coas bibliotecas locais, sobre todo as das zonas rurais, coa finalidade de ampliar os seus fondos e facilitar o acceso a máis e mellores contidos.
As artes escénicas e musicais deben ter todo o apoio para a súa consolidación. Con esta finalidade, fortaleceremos os Centros Dramático e Coreográfico Galego, coa finalidade convertelos en instrumentos realmente útiles ao servizo do sector, fomentando a investigación, a produción e a proxección cara ao exterior das artes escénicas.
Fortaleceremos o Centro Galego de Artes da Imaxe, poñendo fin ao seu proceso de desmantelamento, e apostando pola súa revitalización, xerando desde el unha rede de locais e salas de exhibición públicos que ofrezan nos diferentes concellos, vilas e cidades de Galicia a posibilidade de ver as producións audiovisuais galegas e as foráneas que circulan á marxe dos circuítos comerciais, dobradas ou subtituladas en lingua galega.
Elaboraremos un mapa de infraestruturas culturais, sexa cal sexa a súa titularidade, que permita a creación dun programa para facilitarlles ao resto das administracións a posibilidade de remodelar, reforzar e ampliar os seus usos adaptándoos ás necesidades dos diferentes sectores.
Desenvolveremos e aprobaremos no Parlamento, antes do remate de 2017, unha Lei de Artes Escénicas de Galicia, baseada no texto programático elaborado e acordado por todo o sector, incluíndo a creación dun Consello das Artes Escénicas e a autonomía xurídica dos centros de produción públicos (actualmente CDG e CCG).
A lei actual, de 1999, que debería regular a actividade cinematográfica e audiovisual de Galicia, quedou obsoleta. As institucións, ferramentas e obxectivos que contempla a lexislación deben adaptarse á situación actual do sector e aos novos marcos legais en España e na Unión Europea.
Desenvolveremos e poñeremos en práctica a Lei do Libro e da Lectura e a Lei de Bibliotecas, hoxe practicamente paralizadas. Levaremos a cabo unha estratexia política para o desenvolvemento e fomento da lectura nas familias e no sistema educativo. Crearemos unha rede de axentes de dinamización lectora en barrios, parroquias, centros culturais e asociación civís, cunha atención especial á mocidade.
Fomentaremos a promoción exterior da cultura galega e creación de pontes de dialogo a nivel local e internacional en especial con Portugal, aproveitando as relacións xa existentes entre sectores creativos de ambos os dous países, creando programas culturais de reciprocidade.
Reformularemos a Lei de Mecenado e Patrocinio Cultural para o ámbito galego, que contribúa ao financiamento do mundo da cultura e das actividades non lucrativas, con incentivos fiscais e medidas adecuadas para a fidelización das achegas. Potenciaremos o microfinanciamento colectivo para actividades sen ánimo de lucro con deducións fiscais.
Todas as accións e axudas públicas velarán por facer efectivo o principio de igualdade de trato e oportunidades de mulleres e homes, na creación e produción intelectual e artística; dando así cumprimento a Lei Orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva entre xéneros.
Artellaremos un Plan Integral de recuperación, conservación, difusión e accesibilidade do noso Patrimonio Cultural. Este programa busca a habilitación de espazos patrimoniais infrautilizados, co obxectivo de darlle usos como espazos de creación e distribución de bens culturais, garantido así que todo patrimonio teña un uso o servizo da cidadanía. Ao tempo realizarase unha revisión do estado no que se atopan proxectos que levan anos en marcha, como os parques arqueolóxicos do megalitismo e do mundo romano, nos que se investiron numerosos recursos públicos. Resulta imprescindible valorar a súa viabilidade e posible posta en marcha, fuxindo en todo momento das grandes infraestruturas, que teñen demostrado a súa ineficacia noutros proxectos similares. Crearemos unha Rede de Destinos Patrimoniais que reúna todos os recursos galegos considerados Bens de Interese Patrimonial. Fomentando, ao tempo, a catalogación e inventariado de todos os elementos existentes.
Paralizaremos a nova Lei de Patrimonio Cultural, aprobada unicamente cos votos do Partido Popular e en contra dos desexos dunha gran parte do sector. Consideramos vital contar cos profesionais do patrimonio, e coas institucións consultivas e de investigación, para poder construír unha nova lei de consenso que garanta unha correcta protección da nosa riqueza patrimonial e que antepoña os intereses colectivos aos particulares.
As achegas públicas para a conservación do patrimonio da igrexa católica e de calquera outra institución privada estarán supeditadas á existencia dun plan que garanta a accesibilidade de toda a cidadanía a estes bens.
En colaboración cos centros de investigación, institucións e asociacións interesadas no patrimonio cultural, iniciarase a revisión do patrimonio cultural galego en perigo de desaparición. Este mapeo vai permitir levar a cabo unha mellor protección e valoración do estado de conservación dos elementos patrimoniais, ao tempo que se toman as medidas preventivas básica para garantir a súa conservación.
Acometeremos un plan de estudo, conservación e catalogación dos restos e infraestruturas industriais conservadas, como batáns, ferrerías, saltos de auga ou fornos. Dentro deste plan habería que incluír establecementos antigos como tabernas, farmacias ou tendas, que nalgún caso seguen en uso.
O goberno de Galicia debe levar a cabo políticas activas que defendan o amplo e vasto patrimonio cultural inmaterial que posúe Galicia -constituído polos usos, representacións, expresións, coñecementos e técnicas; xunto cos instrumentos, obxectos, artefactos e espazos culturais que lles son inherentes-, e que as comunidades, grupos e individuos recoñezan como parte integrante do seu patrimonio cultural.