Estás aquí: Inicio » Programa » Unha cidadanía activa » Potenciando e recuperando o talento científico e investigador

Potenciando e recuperando o talento científico e investigador

A innovación é unha vía para aumentar o valor do traballo e da nosa actividade produtiva. O poder galego comprométese a incentivala, unificando estas políticas dende a Axenda Galega de Innovación. Ao longo da lexislatura achegarémonos á media europea do investimento público en I+D, que suporá o 2% do PIB galego. Traballaremos para impulsar o sistema universitario público e a súa relación cos diferentes sectores produtivo, mellorando o seu financiamento e a execución das partidas orzamentarias. Impulsaremos programas de creación e consolidación de contratos de investigación, para promover o retorno do talento e o desenvolvemento das carreiras investigadoras para os mozos e mozas formados no sistema universitario galego.

1329. Xirar cara á innovación

O Goberno galego primará a especialización e o coñecemento. Unificaremos as políticas de I+D+i na Axencia Galega de Innovación e remataremos coa actual dispersión entre as diversas áreas do Executivo. Impulsaremos un novo Plan Galego de I+D+i 2016-2020, rematando coa interinidade actual, con maior dotación de recursos e en liña coa Estratexia de Especialización Intelixente da Comisión Europea, que basea os seus principios na consecución do crecemento económico en base ao coñecemento.

2330. Mellora do investimento

Necesitamos cambiar o noso modelo produtivo e iso só será posible cun incremento do investimento en I+D. Dende o 2009 o investimento público e privado en innovación descendeu en 106 millóns de euros en Galicia, case un 20%, pasando de representar o 4% do total estatal a ser o 3,6%. Tamén se reduciu o persoal en labores de investigación (un 15%), sobre todo nas universidades. As achegas realizadas pola Xunta de Galicia nos seus orzamentos sufriron un descenso radical entre 2009 e 2011, e aínda que dende entón a cantidade se ven incrementando lixeiramente, aínda se atopa moi por debaixo do nivel acadado en 2008. Galicia está moi por debaixo da media española no referido ao investimento en I+D, sendo España un dos países da UE con peores indicadores. O Goberno galego incumpriu ano tras ano o Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento 2011-2015 que "asume como obxectivo xeral a converxencia do esforzo galego en I+D+i co esforzo do conxunto de España”, fixando un obxectivo do 2% para o 2015 e do 3% para o 2020, seguindo as recomendacións europeas. Hoxe, a cifra segue por debaixo do 1%. Ao longo da lexislatura achegarémonos á media europea do investimento público en I+D, que suporá o 2% do PIB galego.

3331. Apoio á universidade pública

Nos últimos anos as universidades galegas reduciron os seus ingresos e os seus gastos por riba da media do Estado, amosando un problema de financiamento aínda non resolto e que está penalizando a consolidación e as condicións do persoal docente e investigador, ao tempo que leva a unha degradación no funcionamento dos centros. Cómpre dotar as universidade públicas dun financiamento suficiente que lles permita cumprir a súa función e que as consolide como focos de innovación para toda a sociedade. Ademais, é necesario establecer mecanismos que aseguren que as partidas orzamentarias concedidas poidan ser executadas en tempo e forma, un problema que nos últimos anos se engadiu aos recortes. Un sistema público de investigación permite desenvolver coñecemento, produtos e técnicas economicamente pouco rendibles a curto prazo e desenvolver igualmente investigacións independentes.

4332. Potenciar e aproveitar o talento galego

A pesar dos recortes económicos atopamos grupos de investigación en Galicia punteiros a nivel internacional que son quen de competir a nivel mundial. A Administración pública debe ser captadora de talento e exercer funcións de transmisión de coñecemento aos axentes privados. Apostaremos polo talento dos galegos e galegas, procurando que o seu coñecemento poida repercutir no noso país e evitando que teña que marchar fóra. Cómpre impulsar programas que garantan unha oferta laboral suficiente para os e as investigadoras galegas, de xeito que se poida atraer ás persoas que nos últimos anos tiveron que buscar noutros países as oportunidades que aquí se lle negaban e, igualmente, asegurar que no futuro os mozos e mozas que inician a súa carreira investigadora poidan atopar en Galicia espazos nos que desenvolvela. Reforzaremos os programas de contratos predoutorais e postdoutorais, sen esquecer as xeracións de investigadores e investigadoras que nos últimos anos, por mor dos recortes, quedaron sen a oportunidade de optar ás convocatorias que foron suspendidas ou adiadas. E, igualmente, débese regularizar e estabilizar a situación laboral dos investigadores e investigadoras que dende hai anos traballan en Galicia á espera dunha consolidación dos seus postos.

5333. Divulgación científica

Impulsaremos programas e espazos de divulgación científica que incrementen o coñecemento e o interese que estes ámbitos espertan na sociedade, sobre todo na mocidade, impulsando as vocacións científicas. Cómpre facer especial fincapé no fomento do estudo de carreiras científico-técnicas por parte das rapazas, co obxectivo de diminuír a actual fenda de xénero existente. De igual xeito, débese facer un esforzo por incrementar o uso do galego nestas materias, despois de que nos últimos anos as reformas do PP vetasen o uso da lingua galega para o ensino das matemáticas e outras materias de ciencias.

6334. Medios para a investigación no eido agroalimentario

Dotaremos de recursos aos Centros de Investigación e Departamentos de I+D+i dos Organismos Públicos de Investigación do eido agroalimentario e forestal, impulsando a súa colaboración cos sectores produtivos e demais axentes do sistema de coñecemento e innovación. Nos últimos anos a Xunta levou a cabo un proceso de desmantelamento de algúns destes servizos (por exemplo, o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo - CIAM). É necesario reverter esa situación.

7335. Difusión e incorporación do coñecemento ás unidades produtivas

Fomentaremos as actividades de extensión e difusión dos centros de investigación en colaboración coas Oficinas Agrarias Comarcais. Crearemos unha rede galega de explotacións demostrativas (explotacións reais colaborando en actividades innovadoras e de difusión con centros de formación e de I+D+i). Promoveremos escolas de coñecemento labrego baixo a filosofía de compartir saberes (“campesiño a campesiño”), iniciativas prácticas nas que produtores novos e maiores poidan intercambiar saberes sobre técnicas, variedades, etc., de modo que o coñecemento tradicional e a perspectiva contemporánea se complementen.

8336. Programa estratéxico de formación agroalimentario e forestal.

A Xunta de Galicia debe recuperar e mellorar a formación agroforestal e alimentaria, mediante a recuperación dos CFEAS, mantendo os módulos formativos existentes e recuperando/creando outros novos orientados a cubrir todas as alternativas produtivas en Galicia. Esta nova oferta incluirá a formación en agricultura ecolóxica e agricultura sostible.

9337. Activación da Rede Rural Galega e da Rede Galega de Innovación en Agricultura

Instrumento para a identificación dos problemas de cada comarca e poder xerar as solucións coas achegas de todas as partes implicadas, tendo como obxectivo principal favorecer o éxito da incorporación de mozos/as ao rural.

10338. Creación do Servizo de Apoio á Incorporación de novos/as agricultores/as.
11339. Creación dun Banco de Explotacións Agrarias (servizo de intermediación para agricultores sen relevo familiar).

A través deste servizo a Xunta de Galicia poñerá en conexión os titulares de explotacións agrarias que non teñen relevo familiar e persoas, do rural ou non, con interese en facerse cargo desas explotacións; prestando o apoio necesario nos acordos e seguimento destas iniciativas.

12340. A Consellería do Mundo rural porá en marcha un Plan de Integración Cooperativa e Concentración da Oferta que contribuirá a mellorar a posición negociadora do sector produtor e a reequilibrar a cadea agroalimentaria.
13341. A Xunta de Galicia liderará Proxectos Piloto para a posta en produción de terras en producións agrarias e forestais nas que Galicia é deficitaria e ten potencial (pequenos froitos, mediciñais e aromáticas, ornamental de exterior, etc).

Tratarase de proxectos innovadores cun alto impacto social, económico e ambiental.

14342. O Goberno galego recoñecerá a agricultura a tempo parcial.

Para iso impulsará medidas específicas de apoio ás explotacións semi-profesionais que combinan diferentes ocupacións dos seus membros.


X