A Galicia que vai vir
A difusión e implantación das TIC é desigual en Galicia. Existe unha diferenciación territorial no acceso (urbano vs. rural) e tamén unha diferenciación social entre as capas maior nivel socioeconómico e as máis desfavorecidas. O chamado “analfabetismo tecnolóxico”, é dicir, a falta de coñecementos para o uso das novas tecnoloxías por persoas ou colectivos, é un factor que dificulta significativamente as posibilidades socioeconómicas e a integración social e laboral. A “alfabetización tecnolóxica” convértese nun dereito social de nova xeración e nun deber dos poderes públicos.
O obxectivo é que na vindeira lexislatura se acade en fogares e escolas unha porcentaxe de utilización das TIC igual á media dos quince países que formaban parte da Unión Europea antes da última ampliación, con atención prioritaria aos concellos e barrios e zonas de menor nivel socioeconómico.
Adaptaremos os esixencias legais ao tamaño das empresas. Ampliaremos os servizos de tutela e soporte a emprendedores aos primeiros 5 anos de vida da empresa. Melloraremos os fondos e instrumentos públicos para financiar o sector a través de captación de fondos públicos europeos. Revisaremos os certificados de profesionalidade para a capacitación de profesionais TIC e facilitaremos a súa incorporación e a satisfacción das necesidades reais do sector.
Apostamos pola implantación dun servizo universal gratuíto, que se xestionará priorizando os territorios e capas sociais máis desfavorecidas. Levaremos adiante o Plan de Banda Ancha anunciado pola Xunta en 2015 e que nunca abordou, que asume os obxectivos establecidos na Axenda Dixital para Europa de ofrecer unha cobertura de cando menos 30 megabits por segundo para toda a poboación. Garantiremos a gratuidade do servizo até os 10 megabits/segundo.
A noso compromiso é o de levar o acceso a Internet a toda a rede educativa pública de nivel primario ou medio, conseguindo unha ratio dun ordenador conectado á rede por cada tres alumnos e alumnas. Garantiremos a conexión na rede de bibliotecas públicas, nos centros sociais (de maiores, cívicos ou asociacións veciñais), así como nos espazos de asistencia a persoas migrantes.
Dixitalizaremos os fondos culturais e históricos da administración autonómica e dos seus órganos e poñerémolos a disposición da cidadanía, de maneira libre e gratuíta a través da rede, permitindo ademais a descarga dixital dos fondos das bibliotecas estatais. A publicación destes fondos realizarase mediante licenzas libres e formatos abertos que aseguren unha difusión dos mesmos sen restricións.
Impulsaremos o software libre, establecendo un uso preferente de programas de código aberto nas institucións públicas, impulsando a migración progresiva das administracións cara a este modelo e superando dese modo situacións monopolísticas e de dependencia tecnolóxica. Opoñémonos á implantación das patentes de software, que favorecen as grandes corporacións, en detrimento de programadores individuais e das pequenas empresas que producen este tipo de programas.
Impulsaremos a adopción das tecnoloxías dixitais innovadoras da Internet das Cousas e a analítica de datos (incluíndo Big Data) no rural e nas explotacións agrogandeiras. Favoreceremos a colaboración de todos os sectores implicados (produtores, transformadores, provedores de maquinaria, enxeñerías, centros de coñecemento e a propia Administración) para aproveitar estas oportunidades e superar as barreiras existentes.
Achegaremos a axuda necesaria en destino para o fomento da cobertura de banda larga en todo o territorio. Colaboraremos cos concellos e cos GDRs, buscando minimizar a “fenda dixital” que existe actualmente.