Estás aquí: Inicio » Programa » Unha cidadanía activa » Deporte galego para unha sociedade activa e saudable

Deporte galego para unha sociedade activa e saudable

Apostaremos pola transferencia de todas as competencias en materia deportiva. Fomentaremos o deporte feminino, e promocionaremos tamén o desenvolvemento de deportes minorizados. Apostaremos polo deporte como unha ferramenta para a inclusión social, e aumentaremos a carga lectiva da educación física nos programas de ensino.

1365. Fomento do deporte feminino

O deporte feminino debe ter exactamente a mesma entidade que o masculino en todas as disciplinas e niveis. As leis galegas do deporte serán actualizadas, garantindo a igualdade de trato, fomentando a presenza de mulleres nas federacións galegas das distintas disciplinas e dándolle un trato máis xusto dentro dos informativos das canles públicas de radio e televisión.

2366. O deporte como elemento de inclusión

A elaboración de equipos nos distintos deportes é un elemento que pode servir tamén para a socialización e para a inclusión social de colectivos sociais desfavorecidos. Fomentaremos a creación de equipos de todo tipo de disciplinas entre os colectivos en risco de exclusión, eliminando as trabas económicas ou administrativas que lles impiden realizar este tipo de actividades en pé de igualdade.

3367. Promoción dos deportes minorizados

A falta de infraestruturas e de soporte económico provocan que determinadas disciplinas deportivas queden marxinadas pese a contar con numerosas persoas interesadas neles. A Secretaría Xeral do Deporte levará a cabo un inventario daquelas disciplinas deportivas que se practican en Galicia sen contar con federación propia co obxectivo de facilitar a súa práctica e dándolle soporte económico aos Concellos que faciliten infraestruturas para a súa práctica.

4368. Transferencia das competencias en materia deportiva

Esixirémoslle ao Consello Superior de Deportes a transferencia das competencias en materia de distribución de axudas e subvencións de fomento da actividade e da infraestrutura deportiva. Garantiremos unha mellor distribución territorial e disciplinar desas axudas.

5369. Aumento das horas lectivas curriculares de educación física

A práctica do deporte e da actividade física é un elemento fundamental da formación das persoas e do fomento de hábitos de vida saudables. Reforzaremos dentro dos programas educativos nas etapas do ensino obrigatorio a materia de Educación Física, dotándoa de máis horas lectivas e convocando un maior número de prazas de docentes desa materia.


X