Estás aquí: Inicio » Programa » Unha cidadanía activa

Unha cidadanía activa

Acompañaremos a unha cidadanía activa, apoiando unha sociedade que procura día a día novos retos e maior coñecemento. Apostaremos pola soberanía cultural para activar a nosa sociedade, poñendo a disposición da cidadanía todos os recursos culturais do país. Potenciaremos e recuperaremos o talento científico, investigador e innovador que existe na nosa terra e que en moitos casos se viu obrigado a buscar oportunidades noutros territorios. Deixaremos de exportar talento e poremos os instrumentos para captalo. Entenderemos a información e a comunicación desde a pluralidade e a xustiza. Será un goberno que teña capacidade para saber que a Galicia que vai vir xa está aquí. Un goberno que apoie o deporte galego desde a base, que sirva para unha sociedade activa e saudable.

Durante as dúas lexislaturas de Feijóo, o orzamento destinado a cultura reduciuse nun 55%, pasando dos 137.408.031 € no ano 2009, aos exiguos 61.982.435 € do 2016. Un recorte que se pretende xustificar pola crise económica global, aínda que os datos amosan o desmantelamento do sector cultural en Galicia: no 2009 o presuposto en cultura supoñía o 1,17% do presuposto total da Xunta, en 2016 este dato significaba o 0,60%. O noso obxectivo será recuperar (cando menos) para o remate da lexislatura, a porcentaxe dos presupostos destinada a cultura a niveis do 2008 –nos que supoñía un 1,23% do orzamento total da Xunta.

Dende o Goberno de Galicia impulsaremos un modelo de axudas públicas, rexidas por criterios obxectivos e mediante procesos transparentes e susceptibles de seren avaliados externamente. En Marea avoga por unha transformación do ecosistema e do tecido cultural a través da democratización, como garantía de universalización da cultura para toda a cidadanía. A cultura é parte do ben común, non só un ben de consumo. É un instrumento de desenvolvemento social e económico que hai que coidar e fomentar.

X