Estás aquí: Inicio » Programa » Todos os servizos para todas as persoas » Rescatar a sanidade pública galega

Rescatar a sanidade pública galega

Todas as persoas que viven en Galicia, independentemente da súa situación administrativa, deben ter acceso á saúde pública de xeito gratuíto. Este é un dereito fundamental que debe ser garantido e protexido, así que En Marea traballará para que non volva ser vulnerado. Apostaremos pola cancelación e revisión dos procesos privatizadores da sanidade, incluíndo tamén a derivación de pacientes á sanidade privada. Dignificaremos a profesión rematando coa precariedade laboral, como elemento fundamental que garanta a atención sanitaria de toda a cidadanía. Apostaremos pola mellora da Atención Sanitaria e polo establecemento de medidas concretas que limiten as listas de espera. Garantiremos a transparencia na xestión do SERGAS.

1113. Derrogación da Lei de racionalización do sector público.

Derrogaremos a Lei 14/2013 de Racionalización do sector público, que abre o paso à privatización da xestión da estrutura docente do SERGAS, transplantes, sangue e tecidos. As competencias das axencias que constitue ese texto legal quedarán integradas na rede pública.

2114. Reverter as privatizacións do Sergas. Devolución do Novo Hospital de Vigo.

Levaremos a cabo unha auditoría interna para coñecer a situación da totalidade das privatizacións no SERGAS. Estudaremos as posibilidades económicas, legais e administrativas para a súa reversión. En función dos resultados, estableceremos unha planificación para poder acometelas en orde de prioridade e capacidade. Non levaremos a cabo ningunha nova privatización de servizo sanitario público. No caso do Novo Hospital de Vigo, o Álvaro Cunqueiro, comprometémonos a traballar para lograr a súa devolución íntegra ao SERGAS, toda vez que existen incumprimentos flagrantes dos pregos de contratación e do financiamento.

3115. Plan Urxente para Abordar as Listas de Espera

Dende En Marea apostamos por unha sanidade ao alcance de todas e todos, pública e de calidade. Neste senso, é necesario poñer en marcha un Plan Urxente para Abordar as Listas de Espera que contemple a utilización racional dos recursos do sistema público e abandone as actuais políticas de derivación cara a centros concertados, que unicamente promoven o enriquecemento de empresas privadas. Igualmente, modificaremos a Lei de Garantías Sanitarias, que favorece o transvase de pacientes cara ao sistema privado, e publicaremos as listas de doentes en agarda, incluídas tamén as non estruturais, que o Goberno de Alberto Núñez Feijóo mantén ocultas na actualidade.

4116. Dignificar a Atención Primaria.

O servizo de Atención Primaria é o primeiro chanzo entre a cidadanía e a institución sanitaria. Dignificaremos este primeiro elo sanitario fronte ás Xerencias de Xestión Integrada, que supeditaron este servizo aos hospitais. Desenvolveremos un plan para planificar as necesidades de novos centros de saúde no que se incorporará unha previsión de reformas nos mesmos. Aceleraremos o traspaso de competencias ao SERGAS en relación ao mantemento dos centros de saúde que teñan presentada toda a documentación e dialogaremos cos concellos para facilitar o proceso naqueles que non tivesen completados os trámites. Poremos en marcha un verdadeiro programa de prevención e promoción da saúde con actividades en colaboración coas Consellerías de Servizos Sociais e Educación e con diversas entidades. Na atención primaria e na especializada non urxente garantiremos o acceso universal, toda vez que seguiremos reclamando a derrogación do RD 16/2012 ao Goberno Central.

5117. Volver a un sistema sanitario realmente universal

A sanidade é un dereito de todos e de todas e como tal corresponde a todos os colectivos da poboación. Por iso, devolveremos este dereito a todas as persoas que quedaron excluídas nos últimos anos e recuperaremos a universalidade da atención sanitaria para todas as persoas que a precisen en territorio galego. Reinstauraremos a interlocución perdida con todas as entidades que traballan con persoas en risco de exclusión social, ao fin de garantir un acceso normalizado á asistencia sanitaria. Levarase a cabo unha política activa de seguimento, detección e corrección desta e outras causas de exclusión do sistema sanitario.

6118. Acabar coa precariedade na Sanidade Pública. Plan de RRHH.

Crearemos novas prazas no Sergas para iniciar a recuperación dos postos de traballo suprimidos nos últimos anos. Para iso, avaliaremos as necesidades asistenciais reais, ao fin de definir os cadros de persoal, garantindo a estabilidade laboral e acabando coa precariedade que presenta o sistema. Planificaremos as Ofertas Públicas de Emprego de xeito progresivo durante a lexislatura. Prestaremos especial atención á aplicación da Lei de Incompatibilidades para acabar coa duplicidade de postos de traballo nos sistemas público e privado, algo que só favorece a desigualdade e o crecemento irracional das listas de espera. Aplicaremos esa Lei tanto para o persoal con praza en propiedade como en interinidade, con especial fincapé nas xefaturas de servizo e postos de xestión e dirección, e tendo en conta as posibles excepcionalidades no caso de persoal eventual ou a xornada parcial.

7119. Melloras na atención e fin do peche de camas nos hospitais galegos.

Os constantes recortes aplicados no sistema sanitario galego veñen provocando un considerable déficit na atención ás persoas doentes, que son as que sofren a non reposición das xubilacións ou do persoal de vacacións. Eses recortes tamén se traducen no peche de camas nos períodos estivais. Este ano, entre mediados de xullo e mediados de setembro na área sanitaria de Santiago pecháronse case 250 camas, na da Coruña foron 200, e outras tantas quedaron inutilizadas na área sanitaria de Vigo. Levaremos a cabo as medidas necesarias para evitar o peche de camas que ten sobresaturado os centros de atención médica galegos e empeorado a atención, garantindo a reposición completa do persoal xubilado ou de vacacións.

8120. Reformas e ampliacións nas estruturas de atención hospitalaria.

Os hospitais públicos galegos veñen sendo dotados de Plans Directores cheos de medidas que nin se cumpriron nin se dotaron de orzamento. Dende En Marea revisaremos estes documentos para planificar as reformas ou ampliacións necesarias nas estruturas de atención hospitalaria. Polo seu estado actual, consideramos prioritarias a ampliación do Hospital de Montecelo e a reforma do Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol. Tamén remataremos as actuacións no Hospital de Salnés e no Hospital de Ourense que o Partido Popular deixou sen finalizar. Ademais, estudaremos en detalle e en colaboración coas e cos profesionais, a situación dunha área sanitaria de Vigo que a día de hoxe está completamente desorganizada.

9121. Unha Sanidade con perspectiva de xénero.

O sistema sanitario galego require ser abordado desde unha perspectiva de xénero, tanto na planificación como na xestión dos seus recursos. Para iso, desenvolveremos de xeito realista e con recursos suficientes os Plans de Saúde das Mulleres. Traballaremos de forma activa para que a sanidade pública contribúa a corrixir as desigualdades de xénero desde todos os eidos, prestando especial atención ás demoras na atención ás mulleres no que atinxe a anticoncepción e sexualidade. A nosa aposta é dotar de dignidade e autonomía os tratamentos específicos destinados ás mulleres para que, por exemplo, ningunha paciente que interrompa unha xestación sexa derivada a outro sistema sanitario, como está a ocorrer en Galicia baixo o mandato de Núñez Feijóo. Tamén promoveremos unha maior humanización da atención perinatal.

10122. Evitar as derivacións á Sanidade Privada.

Traballaremos co obxectivo de prescindir dos concertos sanitarios a medio-longo prazo. Ata que o academos, calquera derivación estará debidamente xustificada e será auditada periodicamente. Tamén levaremos a cabo unha auditoría no caso dos concertos singulares, maiormente o de POVISA, para coñecer o seu custo e como se teñen empregado os fondos públicos. Mentres ese contrato siga en vigor, esixirémoslle á empresa as mesmas condicións e ratios de persoal da sanidade pública. Revisaremos o actual modelo de colaboración público-privada, que puxo en mans de laboratorios, empresas tecnolóxicas e fondos de investimento recursos estratéxicos para o noso sistema sanitario. Derrogaremos a Lei de Racionalización do Sector Público, que abre o camiño á privatización da xestión da estrutura docente do SERGAS, os transplantes e os bancos de sangue.

11123. Máis transparencia, información e participación no sistema sanitario.

Os centros de saúde públicos precisan dun novo modelo organizativo, que pasará pola recuperación da xerencia directa da atención primaria e pola integración dunha xerencia de saúde pública. As dúas traballarán de xeito coordinado, nun sistema máis participado e no que o persoal sanitario contribuirá á toma de decisións. Garantiremos a transparencia na xestión dos recursos impedindo que os datos sanitarios da poboación sexan utilizados polas multinacionais, e elaborando un Diagnóstico da Situación do sistema. Os centros sanitarios publicarán unha memoria anual dando conta de recursos, actividades e resultados. Democratizaremos o sistema sanitario, fomentando os Consellos de Saúde e mellorando a interrelación coas Asociacións de Doentes.

12124. Saúde Bucodental

Estudaremos a necesidade de ampliación do número de Unidades de Saúde Bucodental.

Dotaremos ás USB de protocolos sanitarios de actuación feitos coas e cos profesionais.

Na atención ás mulleres xestantes ampliarase a cobertura ás limpezas dentais e obturacións. Ampliaremos a cobertura para que as persoas con diabetes, cancro, transplantadas e outras enfermidades graves teñan dereito á profilaxe dental. Estudaremos a ampliación ao resto da poboación adulta desta prestación, planificando os recursos necesarios para este fin.

13125. Creación dun sistema centralizado de compra de medicamentos.

Segundo datos do Ministerio de Sanidade, o gasto farmacéutico en Galicia foi de 343 millóns de euros no primeiro semestre de 2016, seis millóns de euros máis que no mesmo período de 2015. É preciso mudar esas cifras, e por iso auditaremos a orixe dese elevado gasto e reducirémolo, pero non a costa da cidadanía como fixo o Partido Popular. Dende En Marea crearemos un sistema centralizado de compra de medicamentos, estudaremos a posibilidade de iniciar a produción pública de xenéricos, e fomentaremos a investigación sanitaria. A comercialización de novos medicamentos terá que basearse na evidencia científica: retiraremos as actividades de publicidade comercial farmacéutica nos centros públicos (visitadores/as), e esixiremos ás farmacéuticas datos sobre as posibles remuneracións ou agasallos realizados a quen prescribe medicamentos na sanidade pública, en aras da súa eliminación.

14126. A Saúde Mental, un servizo público para toda a poboación.

Galicia debe superar o modelo sanitario do PP, que esqueceu as políticas de Saúde Mental. Traballaremos coas e cos profesionais sanitarios nun novo Plan Galego de Saúde Mental que garanta o servizo universal, e ata a súa aprobación poremos en marcha as medidas urxentes precisas. Priorizaremos a integración no Sergas da atención e prevención das drogodependencias e condutas aditivas; a atención ao Trastorno Mental Grave e á saúde mental infanto-xuvenil, creando unha nova unidade de hospitalización no sur de Galicia. Aumentaremos a dotación de persoal das unidades de saúde mental e dos hospitais de día, especialmente psicólogas e psicólogos clínicos. Estudaremos a situación das persoas trasladadas desde os antigos manicomios a residencias de persoas dependentes, coordinaremos os departamentos de saúde mental cos servizos de Atención Primaria, e definiremos un Plan Galego de Prevención e Atención ao Suicidio.


X