Estás aquí: Inicio » Programa » Todos os servizos para todas as persoas » Educar con calidade para termos futuro

Educar con calidade para termos futuro

Xogámonos o futuro do país na educación. Os galegos e galegas precisamos un sistema de educación pública integral, que garanta o noso benestar e que sexa un investimento de futuro nos nenos e nenas de hoxe. Remataremos coa política de recortes impulsada polo Partido Popular, partindo da derrogación da LOMCE e da eliminación do copagamento, que nestes momentos de emerxencia social afectan precisamente a aquelas familias que peor o están a pasar. Recuperaremos os postos de traballo perdidos durante estes anos, xa que a masificación do ensino limita a súa capacidade de ascensor social. Ademais, auditaremos aos centros privados e concertados que durante os últimos anos recibiron financiamento público.

1127. Suspensión do calendario de aplicación da LOMCE de maneira negociada coa comunidade educativa.

Mentres non se acade a derrogación da LOMCE e se aproba unha nova lei de educación, acordarase coa comunidade educativa e no marco do Consello Escolar de Galicia a suspensión do seu calendario de aplicación, incluíndo as reválidas, e o desenvolvemento de medidas que garantan a estabilidade do sistema educativo. Estableceremos un clima de confianza institucional baixo o compromiso de interlocución activa coa comunidade educativa e a activación dos mecanismos de participación na toma de decisións. Comprometémonos coa defensa dun ensino laico, e coa adopción de medidas que posibiliten avances nesa liña.

2128. Reverter os recortes en educación e aumentar progresivamente o orzamento

Incrementarase a porcentaxe dedicada a educación nos orzamentos anuais da Xunta ate acadar o 7% do PIB ao remate da lexislatura. Restablecerase a gratuidade dos libros de texto e outros materiais curriculares a través dun programa de préstamo. Restituirase a gratuidade no servizo de comedor naqueles centros do rural nos que o alumnado non teña garantida a posibilidade de xantar na súa casa. Acometerase unha diagnose sobre a situación dos centros educativos para elaborar un cronograma debidamente orzamentado de rehabilitación, reparación e mantemento dos centros escolares ao longo da lexislatura.

3129. Recuperación progresiva dos postos de traballo en educación e planificación racional da oferta de emprego público.

Recuperaremos os postos de traballo perdidos durante estes anos, para que as condicións de desenvolvemento do ensino non limiten a súa capacidade de ascensor social. Ademais, auditaremos aos centros privados concertados que durante os últimos anos recibiron financiación pública.

Planificación da oferta de emprego público ao longo da lexislatura a partir dunha diagnose que considere as previsións de matrícula, así como as xubilacións, e que responda ás necesidades dos centros educativos públicos. Comprometémonos á redución das ratios, á flexibilización do tamaño dos grupos, a mellora da atención á diversidade, á implementación e reforzo de programas innovadores, á atención educativa no rural, etc. A administración galega demandará tamén do Goberno estatal a derrogación da taxa de reposición e, entretanto, procurará unha aplicación o menos restritiva posible..

4130. Conxelación dos concertos e auditoría sobre a concertación educativa.

Dende En Marea comprometémonos á conxelación dos concertos con colexios privados e a levar a cabo unha auditoría que nos permita ter unha diagnose completa dos existentes nos distintos niveis do sistema educativo. Así mesmo, faremos un completo e esixente seguimento para fomentar a igualdade de oportunidades no acceso e desenvolvemento da escolarización, e para garantir o respecto ás condicións laborais do profesorado. Comprometémonos a non renovar os concertos naqueles centros onde non haxa oferta pública suficiente ou a aqueles que segreguen ao alumnado por sexos.

5131. Atención específica aos servizos complementarios desde parámetros de calidade e de equidade social.

Promover de maneira progresiva a xestión pública directa de todos os servizos complementarios do ensino público. Os servizos de comedor, transporte e actividades extraescolares deben ter unha cobertura suficiente baixo parámetros de calidade contrastada. No caso dos comedores priorizaranse as alternativas que garantan a calidade nutricional e sanitaria. No caso do transporte escolar, introduciranse criterios de maior racionalización no seu uso. A aspiración á gratuidade universal destes servizos debe apoiarse na profunda revisión do réxime de fiscalización actual, evitando fórmulas de “copago” .

6132. Compromiso coa recuperación e a proxección da lingua e da cultura galegas no ámbito educativo.

Derrogaremos o actual decreto e elaboraremos de forma consensuada coa comunidade educativa unha nova normativa de promoción do idioma galego no ensino que teña como punto de partida o PXNLG de 2004, ou o futuro plan director de lingua. Reforzaremos a elaboración de materiais e recursos didácticos de calidade en galego, diversificados e actualizados para as distintas etapas educativas, con especial atención á FP e ás accións a desenvolver na etapa infantil. Recuperaremos o investimento en accións normalizadoras, poñendo en valor o traballo dos Equipos de Normalización Lingüística. Dende En Marea queremos apostar pola formación do profesorado, a implicación da comunidade educativa e o traballo en rede con outros actores sociais, dotando de recursos TIC á nosa educación pública.

7133. Impulso á competencia multilingüe baixo enfoques adaptados á nosa realidade sociolingüística.

Deseñaremos proxectos lingüísticos que garantan a competencia multilingüe, de tal forma que se adapten ás características dos centros escolares e a súa contorna: proxectos integrados de linguas, cambios metodolóxicos na ensinanza, desdobres de grupos, etc. Poremos en práctica programas bilingües e multilingües orientándoos ao alumnado e evitando que sexan usados para o seu empobrecemento científico ou para minimizar a presenza da nosa lingua no currículo académico. Estamos comprometidos coa formación do profesorado e o apoio e asesoramento por parte da inspección educativa. Levaremos a cabo un esforzo sostido na promoción do portugués como segunda lingua estranxeira optativa na xeneralidade dos centros de educación secundaria.

8134. Atención específica ás necesidades educativas do rural

Impulsaremos un marco lexislativo específico para o subsistema educativo no rural, especialmente no que atinxe aos requisitos mínimos dos centros, á súa estrutura organizativa e á normativa de funcionamento. Poremos en marcha medidas inmediatas que poñan en valor o modelo de escola rural e que revertan o desmantelamento que vén padecendo nas dúas últimas lexislaturas no marco dun Plan Estratéxico para o Desenvolvemento do Medio Rural Galego.

9135. Extensión da atención educativa á primeira infancia

Considerando a Educación Infantil (0-3 anos) como etapa educativa, incorporarémola ás competencias da Consellería de Educación. Ampliaremos de forma progresiva a oferta de prazas públicas. Levaremos a cabo programas concretos para a atención específica das necesidades formativas das familias e para o fornecemento de servizos comunitarios para a infancia.

10136. Replanteamento progresivo da oferta de FP: reforzo da oferta pública e planeamento territorializado

Revisaremos a oferta de Formación Profesional baixo criterios de reforzo dunha oferta pública e de calidade acorde coas necesidades do país e planificada territorialmente. Con ese fin, contaremos coa participación dos actores sociais e do tecido empresarial para servir de axente de desenvolvemento. Priorizarase a oferta pública nos ciclos con máis demanda da FP, evitando que a maioría da oferta nalgúns deles se sitúe exclusivamente nas cidades. Promoveranse actuacións que favorezan opcións máis equilibradas no xénero, favorecendo que as alumnas cursen opcións tradicionalmente masculinas (como mecánica) e viceversa.

11137. Pulo a igualdade de oportunidades na formación postobrigatoria

Dende En Marea queremos garantir a igualdade de escolla formativa postobrigatoria para todo o alumnado. Con este obxectivo, ampliaremos de forma progresiva a oferta educativa e desenvolveremos unha oferta de bolsas que garantan ao alumnado non urbano as mesmas oportunidades para acceder ás diversas modalidades de BAC ou ciclos formativos de FP.

12138. Articulación dunha estratexia institucional en rede para unha mellor coordinación dos centros educativos na súa contorna sociocultural.

Promoveranse accións coordinadas entre os centros educativos e os servizos sociais dos concellos para combater a vulnerabilidade social relacionada coa inmigración, a clase social, a diversidade funcional ou a orientación sexual. Elaboraremos un Plan Experimental que contemple a incorporación de novos perfís profesionais aos centros educativos, do obxectivo de reforzar os plans de convivencia, mellorar a atención ás diversidades e a coordinación cos axentes educativos da contorna.

13139. Compromiso coa prevención do fracaso e o abandono escolar

Elaboración e desenvolvemento dunha Estratexia de Prevención do Fracaso e o Abandono Escolar desde etapas temperás garantindo os cadros de persoal necesarios para posibilitar desdobres, apoios, agrupamentos flexibles e outras medidas inclusivas que aseguren unha atención individualizada. Potenciaremos as vías de colaboración cos concellos, as universidades e con organizacións do terceiro sector.

14140. Aposta por unha educación de calidade para as persoas adultas

O goberno galego reforzará de xeito progresivo a rede de centros de Educación de Persoas Adultas (E.P.A) para atender á demanda en todos os niveis e modalidades (presencial, semipresencial e a distancia). Promoveranse accións formativas de carácter interxeracional a través de proxectos concretos que fomenten o traballo en rede cos concellos, as universidades e outros actores sociais.

15141. Estratexia transversal para que a atención ás diversidades atenda os parámetros dunha escola inclusiva.

Desenvolveremos de forma efectiva unha normativa en materia de atención ás diversidades, acompañadas dunha formación docente de calidade e da atención especifica de profesionais cualificados. Favoreceremos os desdobres de aulas e a presenza de profesorado de apoio na aula ordinaria. Desde En Marea revisaremos a regulación das ratio escolares nas diversas etapas do sistema educativo, flexibilizando o tamaño dos grupos segundo necesidades. Deseñaremos unha serie de protocolos e medidas de atención ás diversidades en situacións particulares como a atención hospitalaria e domiciliaria, así como o seguimento da súa aplicación.

16142. Compromiso coa convivencia en igualdade e a coeducación no ámbito da formación docente, as propostas curriculares e os recursos educativos.
O noso obxectivo pasa polo desenvolvemento dunha coeducación transversal, presente en todas as materias e etapas, que recoñeza as contribucións das mulleres ás ciencias, á historia e ás artes. Prestaremos especial atención á formación en igualdade e contra as violencias machistas nos plans de formación do profesorado. Reforzaremos a perspectiva de xénero nos plans de convivencia dos centros e noutras iniciativas curriculares. Para atender a diversidade afectivo-sexual garantiremos que en todos os centros exista profesorado con formación suficiente. Traballaremos co colectivo LGTBIQ+ establecendo vías de acompañamento e proporcionando recursos.
17143. Estudo, e, no seu caso, revisión dos tempos escolares e dos calendarios académicos.

Promoverase un proceso de estudo e, no seu caso, revisión dos tempos escolares e dos calendarios académicos baixo criterios respectuosos coas necesidades do alumnado e coa conciliación familiar. Evitarase que as actividades externas de reforzo educativo supoñan unha sobrecarga para o alumnado e acentúen as desigualdades.

18144. Aposta decidida pola formación do profesorado e o desenvolvemento profesional.

A formación e o acceso á función docente son obxecto dun debate social que reclama o seu estudo e revisión consonte os novos retos educativos. Estableceranse medidas a prol da estabilidade laboral que faciliten o compromiso do profesorado con iniciativas asociadas a unha maior calidade educativa. Fixaranse mecanismos de coordinación entre a formación inicial e a permanente, na procura dun traballo en rede sobre a formación e a investigación educativas entre as institucións formadoras e a administración. Reduciranse progresivamente as circunstancias docentes relacionadas coas ‘materias afíns’.

19145. Promoción da innovación educativa e o traballo transversal e colaborativo nos centros educativos.

Favorecerase a participación dos centros en proxectos de innovación educativa nunha perspectiva de protagonismo do alumnado na súa aprendizaxe e de inserción no contorno. Reforzarase e coordinarase a oferta de programas de innovación educativa, actualmente asociados ao Programa Proxecta, mellorando as posibilidades de traballo en rede. Incentivarase a incorporación progresiva dos centros educativos ao Plan de mellora de bibliotecas escolares activando medidas de apoio que garantan de maneira estable o labor da biblioteca como espazo transversal e impulsor de proxectos compartidos de aprendizaxe. Apoiaremos de forma decidida a incorporación das accións de aprendizaxe-servizo promovidas desde as universidades en relación co ámbito educativo. Reforzarase e coordinarase a oferta de programas de innovación educativa incentivando as posibilidades de traballo en rede.

20146. Revisión dos marcos curriculares de referencia para as diferentes etapas educativas baixo perspectivas innovadoras.

Revisaremos os actuais decretos curriculares mediante procedementos de reflexión e debate, acompañados de suficiente soporte técnico e institucional buscando un proxecto cultural propio definido, compartido e adaptado ás necesidades persoais e sociais reais. Recuperarase un horario lectivo suficiente para materias como Música, Educación Plástica e Visual, Filosofía e Educación para a Cidadanía, que afectan a formación integral do alumnado, e que foron desprazadas pola LOMCE, contradicindo as recomendacións da UNESCO sobre a formación do alumnado en calquera parte do mundo.

21147. Aposta por unha nova orientación no deseño, selección e utilización dos materiais educativos.
Facilitaremos o traballo docente na elaboración e selección de recursos educativos ofrecendo tempos, espazos e formación para a elaboración ou adaptación de materiais impresos e dixitais. Impulsaremos ferramentas de creación e adaptación libres, cooperativas, motivadoras, facilmente adaptables e deseñadas respectando os parámetros de accesibilidade web. Estudaremos a posibilidade de que os centros poidan xestionar directamente a adquisición e elaboración de materias curriculares adaptados ao seu proxecto educativo e estableceremos un marco de colaboración co sector editorial que sente as bases para a edición de libros de texto e outros materiais didácticos acordes coas necesidades do sistema educativo.
22148. 147. Promoción e reforzo de competencias asociadas a alfabetización dixital e a educomunicación.
As esixencias da chamada “sociedade da información” reclaman unha formación que capacite para buscar, analizar e interpretar a información e transformala en coñecemento. O mundo do ensino precisa dun apoio decidido de alcance transversal para estar a altura deste desafío. Propomos deseñar un plan de educomunicación para a súa implementación curricular nos distintos niveis e etapas educativas, Educación de Persoas Adultas e FP. Crearemos un banco de recursos online de boas prácticas educomunicativas e incentivaremos a investigación en materia de evaluación das competencias mediáticas da cidadanía. Reforzaranse as accións iniciadas no marco das bibliotecas escolares, e o traballo en rede con actores sociais e institucionais.
23149. Lei Galega de Educación: como resultado do desenvolvemento das competencias propias e dunha acción política tendente á concertación social.
As medidas propostas teñen como fío condutor a promoción dunha acción política sustentada na comunicación, na transparencia e na interlocución co conxunto de actores da comunidade educativa e da sociedade, coa finalidade de avanzar nun proxecto educativo compartido, estable e á altura das posibilidades que ofrece o marco estatutario. Buscamos un modelo que se adapte ás necesidades socioculturais de Galicia, que sexa capaz de mobilizar a capacidade creadora da cidadanía galega e que cristalice nunha Lei Galega de Educación.
24150. Modificaremos o Decreto polo que se regulan os comedores escolares
Fomentaremos os comedores escolares como elemento de socialización e conciliación nos centros docentes públicos non universitarios dependentes da consellería de Educación. Introduciranse criterios de proximidade no subministro dos produtos alimenticios e de calidade ecolóxica.
25151. Revisión dos marcos curriculares de referencia para as diferentes etapas educativas baixo perspectivas innovadoras.
Revisaremos os actuais decretos curriculares mediante procedementos de reflexión e debate, acompañados de suficiente soporte técnico e institucional buscando un proxecto cultural propio definido, compartido e adaptado ás necesidades persoais e sociais reais. Recuperarase un horario lectivo suficiente para materias como Música, Educación Plástica e Visual, Educación Física, Filosofía e Educación para a Cidadanía, que afectan a formación integral do alumnado, e que foron desprazadas pola LOMCE, contradecindo as recomendacións da UNESCO sobre a formación do alumnado en calquera parte do mundo.

X