Estás aquí: Inicio » Programa » Todos os servizos para todas as persoas » A diversidade como base da nosa cidadanía

A diversidade como base da nosa cidadanía

Apostaremos por unha política que teña en conta a inclusión de todas as diversidades, e de xeito específico a atención ás necesidades e demandas das persoas pola súa diversidade sexual e os colectivos de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais e Queer (LGTBIQ+). Desenvolveremos políticas contra a violencia que sofren moitos e moitas adolescentes no ámbito escolar, e combateremos os comportamentos discriminatorios que padecen as persoas pola súa identidade sexual o de xénero en todas as esferas da sociedade.

1182. Revisión e actualización da Lei 2/2014

A lei 2/2014 pola igualdade de trato e a non discriminación das persoas lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia require dunha actualización e unha dotación orzamentaria para a súa aplicación. Asumimos o compromiso da súa aplicación tras unha revisión conxunta coas entidades do movemento polos dereitos das persoas LGTBIQ+.

2183. Goberno galego pola diversidade sexual

Asumimos o compromiso de incluír a diversidade sexual e os dereitos das persoas lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais (LGTBIQ+) na formación das forzas de seguridade do ámbito competencial da Xunta de Galicia.

3184. Promoción da inclusión laboral das persoas LGTBIQ+

Aprobaremos un paquete de medidas fiscais e laborais que incentiven a contratación e/ou o autoemprego do colectivo de persoas LGTBIQ+, con especial incidencia nas persoas transexuais.

4185. Plan inclusivo da diversidade sexual e as identidades de xénero

A nosa aposta é por unha sociedade respectuosa coa diversidade. Desenvolveremos un plan de acción pola inclusión en igualdade das persoas LGTBIQ+ e dilución dos comportamentos baseados no odio ao que non sexa heterosexualidade. Esta medida coordinarase coa estratexia galega contra a LGTBIQfobia o bullying e a violencia machista nas escolas.

5186. Desenvolvemento da estratexia galega contra a LGTBIQfobia o bullying e a violencia machista nas escolas.

O acoso escolar está a converterse nunha realidade cotiá para moitas e moitos adolescentes, afectando ao desenvolvemento da súa personalidade, ás súas expectativas, orientacións e vivencias afectivo-sexuais. A Lei 2/2014 pola igualdade de trato e a non discriminación non se está a cumprir e require de maior compromiso e recursos. Queremos sumarnos decididamente á convivencia en igualdade, facilitándolle á xuventude o acceso a servizos e recursos de apoio práctico para combater os comportamentos baseados na LGTBIQfobia e no odio ás persoas lésbicas, gais, transexuais e/ou bisexuais. Desenvolveremos un plan de visibilidade e protección das persoas maiores LGTBIQ+.

6187. Aumento dos fondos para a Lei de Dependencia

No que a diversidade funcional e dependencia se refire, cremos necesario potenciar as Leis existentes dotándoas de fondos que permitan o seu desenvolvemento, especialmente no caso da Lei de Autonomía, que nestes últimos anos e coa escusa da crise, foi obxecto dun maltrato sistemático por parte da Xunta de Galicia.

7188. Creación dun Instituto de avaliación dos servizos sociais

Consideramos imprescindible a creación dun Instituto de Innovación e Investigación en Servizos Sociais que se adique a avaliar as políticas públicas do sector e a elaborar propostas de mellora, contando sempre cos colectivos implicados. Deste xeito deberán participar, ademais da administración, tanto empresas, fundacións ou asociacións do sector, como movementos sociais ou cidadanía afectada pola problemática. Desenvolveremos unha metodoloxía anual de avaliación das políticas de coidados, accesibilidade e sociais en xeral co obxectivo de detectar erros e poñer en marcha novas accións e melloras.

8189. Subvención dos materiais ortoprotésicos tendo en conta a renda

Grande parte das persoas con diversidade funcional precisan custosos materiais orto-protésicos como cadeiras de rodas ou implantes cocleares para poder aumentar as súas funcionalidades. Pensamos que é urxente unha reforma do sistema de subvencións destes materiais porque os máis necesitados economicamente deben optar sempre polos modelos máis baratos, de baixa calidade ou con moi poucas prestacións.

9190. Rehabilitación e fisioterapia na carteira de servizos básicos

Moitas persoas con discapacidades precisan de longas sesións de rehabilitación e fisioterapia, pero o SERGAS limítalles o acceso a estas prestacións. Propoñemos que, tras prescrición facultativa, estean incluídas na carteira de servizos do Sistema Nacional de Saúde, garantindo así a súa universalidade.

10191. Creación dun fondo galego para a accesibilidade universal

Crearemos un fondo co 1% do que os Orzamentos Xerais do Estado destinen anualmente ás inversións de obras públicas, infraestruturas, novas tecnoloxías e sociedade da información mediante o que se financiarán os programas e actuacións de accesibilidade universal para conseguir que todas as persoas en situación de dependencia ou con limitacións comunicativas ou cognitivas poidan ser independentes e participar plenamente en todos os aspectos da vida.

11192. Plan de choque para atender as necesidades de todo tipo de diversidade funcional

Elaboraremos un estudo rigoroso tanto de incidencia, impacto, necesidades e medidas a implementar por cada un dos colectivos con segmentación das medidas a tomar en cada tipo de diversidade funcional (física, sensorial, cognitiva, autismo, down, dano cerebral, parálise cerebral, demencias, transtorno mental, e outros). Desde En Marea creemos que estamos no momento de facer este traballo para orientar a resposta institucional especializada de xeito eficaz, a través dun plan de choque para atender as necesidades de todas as persoas e realidades da diversidade funcional.

12193. Atención/Intervención temperá pública, gratuíta, universal e de calidade

Cremos necesario incluír na carteira de servizos do SERGAS as prestacións de intervención temperá, que deberán ser prestadas directamente polos centros públicos da rede sanitaria ou por entidades sen ánimo de lucro cunha probada experiencia en A/IT, e en ningún caso por empresas privadas. Mediante esta actuación queremos garantir a correcta atención aos nenos e nenas, a integración e participación das familias; a interdisciplinariedade, así como a descentralización, para que sexa próxima e de fácil acceso para as familias, e inclúa a prestación a domicilio e a relación cos servizos sanitarios de atención primaria, as escolas infantís e os colexios.

13194. Potenciación da inclusión Laboral de Persoas con Diversidade Funcional

Promoveremos un programa específico de Inclusión Laboral de Persoas con Diversidade Funcional que permita aumentar nun 50% a súa taxa de actividade ao longo dos catro anos da lexislatura. Para isto, proporase un novo marco legal de inclusión laboral de persoas con diversidade funcional que transcenda o vixente e se centre na atención individualizada ao longo do proceso de inserción laboral, a promoción da formación, o apoio individualizado, a activación de novas formas innovadoras de acceso e inclusión laboral, e a potenciación da discriminación positiva cara ás persoas con diversidade funcional con maior necesidade de apoio ou en situación de exclusión social. Sempre tendo presente a perspectiva de xénero.

14195. Financiamento das entidades do terceiro sector dedicadas á atención de persoas con diversidade funcional ou dependencia

Realizaremos un contrato social co terceiro sector para asegurar o pleno exercicio dos dereitos das persoas con diversidade funcional ou en situación de dependencia. A través del, o goberno galego facilitará os recursos para o funcionamento das entidades sen ánimo de lucro do ámbito da diversidade funcional e a dependencia e que estas asuman un compromiso ético coa mellora continua, os criterios de transparencia e a calidade na xestión dos programas e servizos, así como uns mecanismos de participación democrática e gobernanza que permitan que as persoas con diversidade funcional ou dependen tes sexan atendidas como cidadáns e cidadás de dereito con plena participación en todos os aspectos que lles afecten nas distintas etapas da súa vida.

15196. Redución do tempo de tramitación das axudas por dependencia

Posibilitaremos o acceso ás prestacións pendentes. Reducirase o tempo de espera dende a solicitude de valoración de dependencia ata a prestación da axuda. Para isto incluiremos a atención á dependencia nos PEC (Procedementos de Emerxencia Cidadá), que serán aqueles considerados prioritarios tanto a nivel orzamentario como na súa planificación, urxencia de prazos e na dotación de recursos humanos e materiais. Ademais, comprometémonos a elaborar os PIA dos solicitantes que teñan recoñecido o grado de dependencia e que están á espera de percibir a prestación.

16197. Dignificación das condicións de traballo do conxunto de profesionais do sector

En primeiro lugar deberemos derrogar a Lei 3/2012 de reforma laboral, de maneira que o empresario estea obrigado a respectar os convenios colectivos. Tamén teremos que lle por freo á externalización e a subcontratación dos servizos, fomentando a creación de centros e entidades de xestión pública. Mentres non existan os recursos públicos necesarios, e teñamos que asinar convenios para a prestación externa dos servizos, terán prioridade as empresas ou cooperativas de iniciativa social que defendan os principios do ben común e do estado de benestar, establecendo un máximo de un nivel de subcontratación posible. Ademais, fomentaremos a formación e a reciclaxe dos profesionais como elemento imprescindible para acadar uns servizos de calidade.

17198. Garantir a viabilidade dos movementos asociativos do sector

Estableceremos un sistema de financiamento estable, cunha dotación económica fixa que non dependa da conxuntura económica grazas ao cal poderemos garantir a prestación dos servizos por parte do movemento asociativo no sector.

18199. Actualización da normativa no ámbito da diversidade funcional

Promoveremos a adecuación da normativa aplicable á Convención Internacional dos Dereitos das Persoas con Discapacidade (Convención ONU) como primeiro elemento indispensable para avanzar na consecución de melloras dentro da diversidade e a dependencia.

19200. Potenciación de accións específicas de emprego para as persoas con diversidade-funcional

Como un dos medios de poñer freo á especial incidencia da pobreza e como condicionante básico e imprescindible para a consecución dunha integración social plena, desenvolveremos políticas laborais específicas. Aplicaremos de forma efectiva a reserva de prazas para persoas con diversidade funcional. Implementaremos a prohibición á Administración de contratar ou recibir calquera tipo de axuda o subvención públicas ás empresas que non cumpran a cota legal de reserva de emprego para persoas con diversidade funcional. Implementaremos sistemas de accesibilidade na información. Ademais da utilización da linguaxe de signos, potenciaremos a inclusión dos sistemas aumentativos e alternativos de comunicación que faciliten e permitan o acceso e comprensión da información para toda a cidadanía. Tamén instaremos á CRTVG a que cumpra coa Lei Xeral da Comunicación Audiovisual (linguaxe de signos, subtitulado e audio-descripción).

20201. Sensibilización social para a inclusión das diversidades

Temos que contar coa sociedade para alcanzar a inclusión e para iso esta debe ser consciente das problemáticas que nos afectan. Realizaremos campañas de visibilización periodicamente que que axuden a situar a imaxe da persoa con discapacidade ou dependencia nun marco de normalidade e solidariedade que axude á entender a diversidade como unha característica máis dentro da sociedade, relativizando o seu impacto.

21202. Igualdade de xénero no ámbito da diversidade funcional

Fomentaremos a participación das mulleres con diversidade funcional, loitando así contra calquera discriminación por razóns de sexo e adoitando sempre políticas de discriminación positiva no que a xénero atinxe.

22203. Financiamento estable para a dependencia

Estableceremos un sistema de financiamento estable que non dependa dás circunstancias dá situación económica, garantindo así a sostibilidade dos servizos e programas vinculados á Diversidade funcional.


X