Estás aquí: Inicio » Programa » Todos os servizos para todas as persoas » Conquistar a igualdade

Conquistar a igualdade

Apostaremos de forma integral por un marco de xustiza universal que evite calquera tipo de desigualdades. Apostaremos polo dereito a decidir das mulleres sobre o seu propio corpo, apostando pola implementación dun Plan Integral á Saúde da Muller e por unha Lei Galega de saúde Sexual. Promocionaremos e socializaremos os coidados, apostando porque a administración pública afonde e oferte un maior número de servizos e que liberen de carga ás familias e fundamentalmente á poboación feminina.

1165. Unha xustiza social universal

Dende En Marea pensamos que unha sociedade non estará completa mentres que haxa xente que sufra e mentres existan desigualdades. Por iso, cremos que é necesario que á hora de acceder aos servizos aparellados aos dereitos sociais dependentes da Xunta de Galicia, a situación administrativa do ou da beneficiaria non pode ser un impedimento. Por iso, eliminaremos o requisito de posuír unha residencia administrativa regular para poder solicitalos e optar a eles. A xustiza social, igual que a sanidade, debe rexerse pola universalidade.

2166. Acceso universal a unha atención de calidade da saúde das mulleres

Faremos noso o cumprimento do artigo 12 da Convención sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación contra as Mulleres de "tomar todas as medidas apropiadas para eliminar a discriminación contra as mulleres; no campo de medidas de saúde garantir, en condicións de igualdade entre homes e mulleres, o acceso aos servizos de saúde, incluíndo os relativos ao planeamento familiar"

3167. Actualización do Plan de Atención Integral á Saúde das Mulleres

A redefinición do plan de atención integral á saúde debe partir do coñecemento da incidencia das patoloxías que afectan ás mulleres de forma diferencial -como as enfermidades cardiovasculares- e identificar as respostas segundo as aprendizaxes sociais. Este enfoque de atención integral require da complicidade e da formación especializada do conxunto dos e das profesionais sanitarias para evitar os diagnósticos tardíos e con peores expectativas de tratamento que poden sufrir as mulleres. Esta medida require da revisión inmediata da Lei 12/2013, do 9 de decembro, de garantía de prestacións sanitarias.

4168. Saúde con corresponsabilidade dos coidados

Desenvolveremos actuacións específicas para promover a saúde e prever as enfermidades nas mulleres derivadas dos traballos de coidados. Consideraremos en termos de saúde pública os efectos das situacións de sobrecarga de traballos de coidados, en ausencia de corresponsabilidade, precariedade de calquera índole ou baixo recoñecemento social e económico.

5169. Formación en igualdade ao conxunto de profesionais da sanidade

Incidiremos nos programas de sensibilización e formación especializada en perspectiva de xénero ao entorno profesional sanitario, co obxectivo de poder evitar problemas de diagnósticos tardíos e peores expectativas de tratamento ou maior incidencia das enfermidades nas mulleres, como pode ocorrer nas enfermidades cardiovasculares. Con esta medida prestaremos tamén atención á necesidade de formación das e dos profesionais sanitarios na atención ás mulleres que manteñen sexo con outras mulleres.

6170. Plan de Parto e Nacemento

Promoveremos unha atención máis humanizada da atención perinatal. Revisaremos as medidas necesarias para facer que se cumpran os dereitos contidos no Plan de Parto e Nacemento.

7171. Atención á saúde sexual e reprodutiva.

Reforzaremos o funcionamento da estrutura dos centros de orientación familiar así como dos centros Querote+ en toda Galicia, como parte indispensable para o desenvolvemento íntegro da da Lei galega de saúde sexual e reprodutiva e do dereito a decidir das mulleres.

Con esta medida pretendemos garantir os dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres do territorio galego, o acceso universal ao planeamento familiar, así como o asesoramento e educación sexual adecuado a partir da adolescencia; incluiremos o dereito das mulleres á reprodución asistida -sen que precisen ter parella masculina- e tomaremos as medidas necesarias conducentes a garantir o acceso á interrupción voluntaria de embarazo na sanidade pública.

8172. Coidados da Endometriose

Difundiremos a Guía de Coidados da Endometriose entre o grupo de profesionais sanitarios tal e como demandan os colectivos de mulleres afectadas. Crearemos un equipo de traballo que defina as necesidades asistenciais para a súa detección e tratamento, así coma a elaboración dun Plan de prevención e detección e as necesidades de derivacións nos casos de grao IV mentres non teñamos medios para tratalos na nosa Comunidade.

9173. Estratexia galega da socialización dos coidados.

Os coidados son unha parte fundamental do benestar individual das persoas e de toda a sociedade e, como tal, considerámola unha cuestión social que non pode quedar limitada exclusivamente ás decisións individuais. O sector público ten unha responsabilidade importante no xeito en que se exercen estes coidados, que poden facilitar ou dificultar as condicións de vida e diluír ou manter a división sexual do traballo. Desenvolveremos unha estratexia coordinada que contemple o incremento de prazas en centros de día e nas escolas infantís, a regulación do tempo de traballo, a apertura nunha maior franxa horaria de centros escolares de primaria e secundaria, a aposta pola figura profesional da/o asistente persoal, programas de dignificación do traballo de coidados (bolsas de emprego, condicións dignas) e, en xeral, iniciativas en favor da corresponsabilidade.

10174. Estratexia Galega de abordaxe integral ante a violencia de xénero

Asumimos o compromiso de desenvolver una estratexia de abordaxe integral ante a violencia machista; a estratexia definirá un modelo de intervención psicosocial para o empoderamento das mulleres, consensuado co conxunto de profesionais e o movemento feminista durante os primeiros seis meses da lexislatura.

Esta medida supón a aplicación en Galicia do Convenio do Consello de Europa sobre prevención e loita contra a violencia contra as mulleres (Convenio de Istambul), e polo tanto, tamén unha revisión e mellora da Lei 11/2007, galega, para a prevención e atención integral da violencia de xénero. A intención é responder a un concepto máis amplo da atención integral e tamén ás necesidades específicas ante as situacións de maior vulnerabilidade, coordinando actuacións e recursos no ámbito da saúde, do ensino, da vivenda, da economía, e o emprego no territorio galego. No marco desta medida, incluiremos a aprobación e desenvolvemento dun protocolo para a abordaxe da violencia de xénero no ámbito da saúde en Galicia, dentro do protocolo xeral contra a violencia machista.

11175. Macroenquisa galega sobre a incidencia da Violencia de Xénero ao longo do ciclo de vida das mulleres: infancia, adolescencia, vida adulta e vellez

Precisamos diagnosticar como inciden as diferentes violencias contra as mulleres ao logo do seu ciclo de vida, para deseñar as liñas de actuación máis eficaces para diminuíla. Desde 2006 non se realiza unha macroenquisa galega sobre violencia de xénero, o que apunta á urxente necesidade de actualizar variables de análise, ámbitos do territorio galego e os casos que se inclúen no concepto de violencia de xénero.

12176. Medidas urxentes para mellorar a atención que reciben as mulleres en situación de violencia nos Xulgados e na Policía, ampliando os recursos humanos e económicos dispoñibles nos mesmos para este fin

Aplicaremos a Lei 11/2007, galega, para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero afortalando a asignación de recursos, persoais e económicos, nos dispositivos de atención e derivación das mulleres ante situacións de violencia de xénero.

13177. Formación para a igualdade nos itinerarios de atención

Posta en marcha dun plan de formación en materia de igualdade de xénero e sobre as violencias machistas dirixido a todo o persoal e axentes de interveñen en calquera das fases do itinerario de atención ás mulleres en situación de violencia.

14178. Promoción da conversión das casas de acollida ás mulleres en situacións de violencia de xénero en Centros de Recuperación Integral (CRI)

Consideramos imprescindible mellorar o artellamento dos recursos públicos da rede de atención integral ás mulleres en situación de violencia. E para elo, daremos prioridade á conversión das casas de acollemento temporal e os pisos de transición á vida autónoma en centros de recuperación integral e de empoderamento das mulleres, ampliando os recursos adicados aos itinerarios de atención e acompañamento nos proxectos vitais das mulleres sobrevivintes á violencia de xénero.

15179. Empoderamento dos CIM para o empoderamento das mulleres

Anovaremos e reforzaremos as estruturas, persoal e funcionamento dos Centros de Información ás Mulleres (CIM) e faremos a revisión do modelo de organización e funcionamento dos actuais CIM – e do Decreto que os regula- para que orienten o seu cometido á acción transformadora e ao empoderamento das mulleres en todo o territorio galego. Para tal fin, entre outras cousas, será preciso incluír a figura profesional da axente de igualdade e poñer en marcha un plan de comarcalización destes centros.

Así pois, realizaremos unha revisión do novo decreto de actualización e reforzo do funcionamento dos CIM, conxuntamente coas equipas dos servizos dos CIM e Rede de Acollida, para potenciar a figura estable das/dos axentes de igualdade así como do persoal especializado en mediación para a igualdade na rede galega de servizos públicos.

Desenvolveremos un plan para a comarcalización e mancomún dos servizos dosCIM. Abriremos liñas directas de co-xestión coas deputacións e concellos para garantir a igualdade de acceso a todas as mulleres con independencia do municipio, aldea ou lugar no que residan do territorio galego.

16180. Coa trata non faremos trato

Consideramos a dignidade e os dereitos humanos como valor máximo, e en base a elo, desenvolveremos un programa específico para o desmantelamento das redes de trata e de explotación sexual en Galicia.

Nesta liña estableceremos dos eixos de actuación, por unha parte unha rede de colaboración directa cos concellos e protocolos para a detección da existencia e operación das redes de trata de persoas e o reforzo da persecución do proxenetismo; e por outra parte desenvolveremos un programa de asesoramento para mulleres que foron vítimas de trata ou explotación sexual.

17181. Desaprender o machismo e a violencia

Formación especializada nos centros escolares para a prevención das violencias machistas, dirixida tanto ao profesorado como ao alumnado. Campañas de sensibilización dirixidas a activar á poboación fronte as violencias machistas, facendo especial fincapé na comunicación coa poboación máis moza.


X