Estás aquí: Inicio » Programa » Todos os servizos para todas as persoas » A Universidade galega

A Universidade galega

Desde o goberno galego pularemos pola derrogación dos decretos aprobados polo goberno de Mariano Rajoy [decreto-lei de medidas urxentes de 2012, decreto 3 + 2, decreto de acreditación de centros] e pola elaboración dun novo ordenamento que garanta un sistema universitario realmente público.

1152. A cooperación como eixo vertebrador do Sistema Universitario Galego (SUG).

Afondaremos nos mecanismos de coordinación para que a oferta académica e a actividade investigadora sexan coordinadas e conxuntas, e os recursos compartidos.

Redefiniremos o papel do Consello Galego de Universidades, incrementando a presenza institucional das universidades. Dende o goberno galego implicarémonos no Consorcio Interuniversitario para impulsar a xestión conxunta e eficiente dos recursos, co establecemento de programas que reforcen a cooperación interuniversitaria no ámbito da investigación, e co apoio efectivo aos grupos de investigación interuniversitarios e aos grupos mixtos (de universidades, hospitais e/ou outros centros públicos de investigación). Non aprobaremos a oferta de titulacións por parte de institucións privadas que se solapen ou dupliquen as existentes no Sistema Universitario Galego.

2153. Mellora progresiva do financiamento público do SUG para colocalo na media da nosa contorna estatal e europea

Incrementaremos anualmente os recursos públicos destinados ao SUG, actualmente por debaixo da media estatal e europea. O aumento farase de xeito equivalente ao crecemento anual dos ingresos non financeiros do orzamento da comunidade autónoma, aos que se lle sumarán dous puntos porcentuais durante o período 2016-2020. O incremento mínimo anual será do 5% durante cada un dos catros anos. Isto suporía un incremento superior ao 21% no cuadrienio 2016-2020. Elaboraremos un regulamento específico que desenvolva o procedemento de determinación dos indicadores e de formulación do PFSUG, aumentando a transparencia e obxectividade do financiamento universitario, así como a rendición de contas á sociedade. Estudaremos medidas fiscais que incentiven as achegas e investimentos privados ás Universidades para fins docentes e de investigación.

3154. Garantía de acceso universal aos estudos superiores: taxas e política de bolsas

Fomentaremos unha política de bolsas que apoie o estudantado con menos recursos e que reteña e atraia talento ao SUG fundamentalmente no nivel de posgrao. Conxelaremos os prezos públicos da matrícula complementada con liñas específicas de axudas para familias con baixos ingresos e co reforzamento das bolsas no nivel de grao, que se concederán segundo criterios de renda e distancia do lugar de residencia. Financiaremos dun xeito adecuado os títulos de mestrado, coa posibilidade de establecer un programa de bolsas específico.

4155. Persoal: promoción, estabilización e renovación xeracional

Por tratarse dunha cuestión de competencia estatal, plasmada na LOU e na taxa básica de reposición de efectivos, pularase por acadar unha modificación da LOU mediante a que se integre o corpo de profesorado contratado doutor nun corpo único de funcionariado docente, de xeito que se poida superar o bloqueo causado polas recentes reformas legais e o mantemento do sistema de acreditación. Promoveremos dun programa para a contratación de persoal docente e investigador, consensuado e cofinanciado coas universidades, de cara á renovación paulatina do cadro actual. Este programa contemplará a estabilización progresiva do profesorado interino que se encontra en situación alegal.

5156.Unha universidade comprometida co impulso da lingua galega

Cumprimento das medidas financeiras previstas no PFSUG para a creación dos itinerarios lingüísticos en galego.

6157. Unha oferta plural e diversificada de titulacións, acorde co carácter público do SUG

O goberno galego optará por criterios cualitativos, e non exclusivamente cuantitativos, para garantir unha oferta plural e diversificada de titulacións: potenciaremos a especificidade dos programas formativos, existencia de accións de internacionalización, oferta suficiente nos distintos ámbitos de coñecemento etc.

Reforzaremos a oferta de posgrao garantindo a impartición de programas de mestrado que permitan a continuación de estudos para cada unha das titulacións de grao.

Iniciaremos un proceso de adscrición das Ensinanzas Artísticas Superiores ao SUG, que suporía o desenvolvemento de dereitos e unha maior cobertura de servizos para o alumnado, evitando a crecente privatización das ensinanzas artísticas. Da mesma forma poremos en marcha o proceso para a integración plena no SUG das titulacións sanitarias impartidas nos centros do SERGAS.

7158.Estudantado: compromiso coa inserción laboral das persoas tituladas nas nosas universidades

Poremos en marcha programas autonómicos de acceso ao primeiro emprego desde organismos xa existentes ou a través da creación dunha axencia específica para este fin, que contribúan a paliar o exilio económico das mozas e dos mozos cun maior nivel de formación académica.

8159. Estudos de xénero e feminismos

Recuperaremos a importancia dos estudos de xénero e feminismos así como a súa coordinación interuniversitaria no marco da ampliación da política de ordenación universitaria galega. Crearemos un programa de doutorado feminista interuniversitario e multidisciplinar, coordinado polas tres universidades públicas galegas.


X