Xestión Sustentable da Auga
A auga é un patrimonio das comunidades, dos pobos e da humanidade e da natureza: non é unha mercadoría. Por iso En Marea defende que xestión da auga debe ficar no espazo público e comunitario, e realizarse con participación, equidade e control social. O noso programa para a xestión sustentable da auga, contextualizado no noso territorio, o “País dos mil Ríos” e das Ría, considera que a auga non pode ser un negocio e o principio organizador debe ser o da recuperación do custe: hai que repercutir os custes sobre o consumidor, segundo fixa a Directiva Marco da Auga, e a recadación debe ser destinada á xestión da auga co obxectivo de facer un uso máis eficaz, reducindo o seu custe de obtención, distribución e tratamento. Pola súa banda, Augas de Galicia debe sufrir un importante proceso de profesionalización. Debe ter capacidade técnica suficiente e non depender para case toda a xestión de caras, moi caras asistencias técnicas. Ademais, dentro de Augas de Galicia débense separar as función de control da calidade de augas e a de planificación hidrolóxica. Pola súa banda, a Xunta de Galicia debe modificar o marco normativo que regula a auga e debe deseñar un novo plan plurianual de saneamento que combine diferentes solucións tecnolóxicas para o coidado ambiental dos ríos e das rías galegas. Por último, compre mencionar que durante moitas décadas os xestores da auga estiveron ocupados de xestionar a oferta, ou mellor dito, de aumentar a capacidade de acumulación de auga, observando como marxinal as compoñentes da demanda do recurso. É preciso mudar esta perspectiva para avanzarmos nos modelos de xestión sustentable da auga. En Marea propón as seguintes medidas para transformar a acción política sobre a auga:
Dentro da Estratexia Galega de Educación Ambiental, a Xunta de Galicia incluirá accións encamiñadas a concienciar sobre a auga como recurso esencial e accesible a toda a cidadanía, fomentando o seu uso responsable tanto a nivel doméstico como dentro das industrias. Dotaranse os medios para esa nova cultura da auga, onde tamén se incluirán aspectos relativos á riqueza dos ecosistemas fluviais, do espazo do litoral e sobre os perigos das especies invasoras.
A xunta de Galicia debe formular unha nova Lei da auga onde se corrixan as súas principias eivas: a auga debémola manter no ámbito público, ao tratarse dun recurso básico; debemos lexislar recoñecendo o inmenso labor de prestación de servizo público que realizan as comunidades de usuarios, exercendo o rol que lle correspondería aos concellos e non lexislar unicamente con afán recadador; débese ter ao “ciclo da auga” como o marco que delimite a xestión sustentable do recurso. Todas estas eivas deben ser corrixidas mediante a formulación dunha nova Lei de Augas.
Cando menos, propulsarase a separación das funcións de planificación e control; a profesionalización de Augas de Galicia para unha menor dependencia de custosas asesorías externas; capacitación técnica do persoal das administracións hidráulica,tanto autonómica como local; creación dunha rede de vixilancia e control do estado ecolóxico dos ríos e das rías, integrando a todos os axentes do ámbito da investigación e do control que existen en Galicia.
O Plan de Saneamento 2000-2015 propiciou a extensión no territorio galego de procesos de saneamento non sempre acordes coas necesidades da poboación e case sempre incapaces de tratar con acerto ambiental os residuos producidos polas unidades domésticas, e sobre todo, as industriais. Trátase dun ámbito de actuación con enormes efectos transversais que ten producido importantes problemas ambientais e económicos. A Xunta de Galicia debe cambiar a filosofía para o deseño do Plan de Saneamento e debe apostar por medidas innovadoras que combinen tratamento efectivo dos residuos, non sempre de xeito centralizado, con redución en orixe dos residuos producidos. Este Plan terá carácter estratéxico para o novo goberno galego e permitirá avanzar no cumprimento das esixencias ambientais fixadas pola Unión Europea pero tamén contribuír a que sectores produtivos (aproveitamentos marisqueiros, turismo, etc) e a cidadanía en xeral non sufran externalidades negativas que afectan negativamente á súa calidade de vida. Non se deixarán de lado os distintos núcleos, buscándose solucións tecnolóxicas apropiadas aos volumes de tratamento, incluíndo criterios económicos.
A recente aprobación do PLAN HIDROLÓXICO GALICIA COSTA 2015-2021, foi unha oportunidade perdida polo goberno galego para avanzar na definición de estratexias de planificación sustentable dos nosos recursos hídricos. Entre as súas carencias figuran; (i) Ausencia de mecanismos que garantan a posta en marcha dos principios de “prevención, de avaliación de impacto ambiental, de información pública, de participación cidadá, de educación ambiental...” nos que se basea a Lei 1/1995 de protección ambiental de Galiza; diversos aspectos da normativa de avaliación de impacto ambiental, como a necesidade de avaliar o impacto global de plans e programas mediante unha avaliación estratéxica tampouco se contempla eficazmente; (ii) Se ben no 2000 aprobouse a Directiva Marco da Auga (DMA), Directiva 2000/60/CE, que establecía un novo modelo de xestión da auga, de obrigada referencia, mandando previr calquera nova deterioración dos ecosistemas acuáticos e atinxir como mínimo o “bo estado” de todas as augas no horizonte do ano 2015, nin o Plan anterior foi eficaz para este obxectivo, nin o novo conta cos medios para conseguilo nun prazo razoable. A nova reformulación fundamentarase no seguinte:
- Plans de restauración dos ecosistemas fluviais e das rías. Estes Plans deben ser o resultado do maior consenso posible, abrindo os procesos de participación a todos os axentes con “algo en xogo” neses procesos.
- Plans de mellora integral dos ecosistemas fluviais e das Rías. Prevención da contaminación difusa, creación de zonas de protección contra a escorrentía agrícola nas marxes laterais dos ríos, filtros verdes…..Fomentarase unha agricultura e gandería respectuosas co medio ambiente e fixaranse controis moi rigorosos sobre as industrias con maior incidencia contaminante no medio acuático.
- Plan de restauración de humedais e zonas de inundación dos ríos, e de restauración hidrolóxico-florestal das bacías, optando por solucións que minimicen os riscos e afeccións derivadas dos incendios florestais, e que contribúan a regular de forma natural as enchentes e a recarga de acuíferos.
- Plan de saneamento integral de todos os cursos fluviais e das rías que garanta a depuración integral dos vertidos urbanos e industriais, preferentemente mediante alternativas de tipo natural, eficiencia integral demostrada e baixo consumo enerxético, e unha atención equilibrada á prevención da contaminación en orixe en relación co tratamento. No que respecta ao saneamento dos vertidos urbanos, teranse en conta os modelos descentralizados de saneamento e aplicaranse as técnicas de análise do ciclo de vida para elixir as alternativas mais sustentables
A Xunta de Galicia elaborará ese Plan, onde, cando menos, se catalogue e cuantifique a biodiversidade fluvial, se desenvolvan estratexias de recuperación das especies ameazadas, e se controlen as poboacións das especies invasoras.
A Xunta de Galicia, nos ríos da súa competencia exercerá todas as funcións contempladas na lexislación para o cumprimento dos caudais ecolóxicos nas presas hidroeléctricas, así como o funcionamento e mantemento dos sistemas de escadas para as especies migratorias. Ata que teñas competencias plenas, a Xunta de Galicia requirirá aos organismos competentes do Estado para que as grandes presas hidroeléctricas cumpran cos caudais ecolóxicos, e que estes caudais sexan establecidos e volumes diarios, non anuais.
En colaboración con Colexios Profesionais, cos técnicos dos servizos autonómicos e municipais, cos movementos sociais con intereses no sector, e en xeral cos usuarios, abrirase un período de revisión do Plan da Auga naqueles aspectos que sexa necesario mellorar (aprendizaxe de sistemas tarifarios de recuperación do custe; conservación do recurso; mellora do sistema de control, etc) para sermos máis eficaces, e baratos, na xestión do recurso.
En colaboración cos Concellos, sobre todo os de maior tamaño, a Xunta de Galicia porá en marcha unha campaña para a conservación e uso das Fontes Públicas, incluíndo un sistema de control da súa calidade. As fontes públicas son fluxos permanentes de auga potable que se porán en valor mediante este acción.
A Xunta de Galicia, tal e como se contempla no bloque “Marcando o camiño a través do exemplo: Compra pública responsábel” deixará de consumir auga engarrafada, sendo substituída por auga da billa. Motivos ambientais polas emisións de GEI e de xestión dos envases non retornables fan necesaria esta medida. Sería desexable que a Xunta de Galicia impulsase un cambio lexislativo a nivel do Estado para un cambio na Lei de Envases que acabara antes que tarde co excesivo volume de envases vinculados cos alimentos.