Estás aquí: Inicio » Programa » O territorio galego: o noso tesouro » Un ambiente sen contaminación

Un ambiente sen contaminación

A produción de residuos é inevitable en todo proceso produtivo ou de consumo. O obxectivo non é o imposible “residuos cero”, o obxectivo é reducir ao máximo a súa contía, e tamén descartar “residuos” que a natureza non pode metabolizar, e por suposto deseñar estratexias que permitan converter en insumos para novos procesos os “refugallos” dos procesos previos.

A contaminación, por outra parte, adoita diversas formas, polo que a estratexia da Xunta de Galicia para garantir o dereito básico a vivir nun ambiente sen contaminación debe ser multisectorial e multinstrumental. Para corrixir os problemas ambientais que temos en Galicia requírese, fundamentalmente, vontade política para atallalos, a que non houbo ata agora, pois existen solucións tecnolóxicas para xestionar todos os problemas ambientais derivados da contaminación. Por todo isto, a nosa proposta non incorpora grandes novidades tecnolóxicas pero si grandes doses de compromiso político para pór en marcha os mecanismos necesarios para garantir o dereitos dos galegos e galegas a vivir nun territorio sen contaminación, pivotando nestes principios: i) facer operativo o principio de precaución cando non existe consenso científico arredor dos efectos de diversas sustancias ou produtos; ii) reducir a contribución galega ao aumento da “sopa tóxica” que existe nas masas acuáticas; iii) impulsar estratexias de prevención no uso de sustancias tóxicas favorecendo e impulsando o principio “a natureza é máis sabia”, impedindo, polo tanto, o uso de compostos ou sustancias que non topan metabolizantes na natureza.

Pola súa banda, o modelo centralizado de xestión de Residuos Sólidos Urbanos (RSU) impulsado pola Xunta de Galicia a través de SOGAMA tense demostrado ineficaz ambiental e economicamente:

  1. Non se adecúa ao noso territorio. A centralización dos residuos nun contexto dun número moi elevado de núcleos de poboación provoca que os residuos “viaxen” demasiados quilómetros.
  2. A centralización dos residuos non evita a existencia de vertedoiros. SOGAMA non conta con capacidade suficiente para procesar todos os residuos que lle chegan polo que unha parte vai destinada a vertedoiro.

Por outra parte, o actual sistema de tratamento de residuos inserido dentro do Plan de Xestión de Residuos Urbanos en Galicia 2010-2020, non conta nin coas medidas necesarias nin coa dotación económica requirida para cumprir cos obxectivos marcados pola Unión Europea para 2020: nese ano a taxa de reciclaxe debe situarse no 50% (na actualidade sitúase arredor do 15%) e, en segundo lugar, deberíase reducir o volume global de residuos nun 10% respecto ao 2010 e, finalmente, o volume de residuos destinados a vertedoiro debería ser cero.

A proposta de xestión dos RSU que realiza En Marea segue dous principios básicos:

  1. O mellor residuo é o que non se xera.
  2. O mellor residuo é o que non se transporta.

No curto prazo, aló menos no horizonte de 2020, a incineración non vai desaparecer pero a Xunta de Galicia debe tomar todas as medidas necesarias para enviar a menor cantidade posible de residuos con ese destino. A nova Estratexia Galega de Xestión de Residuos Sólidos crearase baixo as premisas anteriores e considerando que o novo modelo de xestión dos RSU permitirá:

  1. Aforrar cartos públicos e privados
  2. Reducir as emisións de gases contaminantes, incluídos os GEI
  3. Xerar novas oportunidades de emprego.

Para iso, a Xunta de Galicia debe pór en marcha medidas políticas e económicas que faciliten que os Concellos e as Comarcas poidan tratar os seus residuos orgánicos mediante procesos de compostaxe comunitaria e/ou compostaxe individual. As medidas específicas que se propoñen desde En Marea son as seguintes:

1266. Incrementar e mellorar os órganos de control e inspección medioambiental.

Esta acción ten carácter transversal ao incidir en diversos tipos de contaminación. Sen descartar a mellora e/ou actualización da normativa ambiental que establece os límites da contaminación, a Xunta de Galicia porá todos os medios para o cumprimento estrito da lexislación vixente, incidindo na necesidade de actuar como “policía ambiental” en todos os ámbitos que xeran contaminación, independentemente da fonte de orixe e tamén independentemente do tipo de contaminación (atmosférica, acuática, residuos sólidos…). A maior incidencia desta actividade de control deberá ocorrer nos grandes xeradores de contaminación.

2267. Galicia libre de transxénicos no medio ambiente e libre de glifosatos.

Como consecuencia dos coñecementos científicos e da aplicación do principio de precaución, a administración autonómica debe lexislar para prohibir a comercialización de glifosatos no noso territorio e debe comezar, de forma inmediata, por deixar de utilizalos nas súas prácticas de control de adventicias e malezas. O mesmo principio de precaución e as incertezas asociadas coa extensión dos produtos transxénicos debe levar ao parlamento galego establecer ao noso país como un espazo libre de transxénicos no medio ambiente.

3268. Posta en marcha do Programa Galicia Biodegradábel.
Mediante este programa, inserido dentro da Estratexia Galega de Educación Ambiental, a Xunta de Galicia definirá mecanismos de acción e dotaraos de recursos para fomentar o emprego de sustancias biodegradábeis para usos domésticos nos ámbitos da limpeza (vaixelas, roupa…..), para impulsar o uso de acelerantes/propulsores da dixestión de residuos que sexan biodegradábeis. Este programa ten como obxectivo reducir progresivamente a inserción de sustancias tóxicas, non biodegradábeis, nos medios acuáticos (ríos, lagos, rías, mar)
4269. Promover a investigación científica no ámbito da bioloxía e outras disciplinas para avanzar no coñecemento sobre a redución das sustancias tóxicas nos procesos de produción e consumo.
Dentro da Estratexia galega de I+D+i contemplaranse accións de financiamento para a investigación neste campo, favorecendo accións colaborativas entre as industrias e os centros de investigación.
5270. Campaña pública de concienciación ambiental.

Dentro da Estratexia Galega de Educación Ambiental inseriranse accións encamiñadas a incrementar a conciencia ambiental relacionada coa redución dos residuos. Deste xeito, a Xunta de Galicia, en colaboración coas Deputacións Provinciais e cos Concellos, definirán medidas de diversa índole e alcance (sen descartar medidas impositivas que incentiven a non xeración de residuos) para alcanzar unha redución significativa dos residuos sólidos xerados.

6271. Ampliar a Rede de Puntos Limpo e mellora do funcionamento dos xa existentes.

Alén das funcións que xa cumpren, os Puntos Limpos deberíanse converter en espazos que faciliten a reutilización de diversos enseres ou aparellos en bo estado de funcionamento, mediante acordos con entidades sociais.

7272. Creación de Puntos Verdes en todas as comarcas e naqueles concellos onde o volume de residuos leñosos o permita

A Xunta de Galicia realizará as modificacións lexislativas necesarias para definir os “Puntos Verde”. Estes novos mecanismos de xestión de recursos permitirá reducir a cantidade de recursos leñosos xerados en orixe mediante a súa transformación en estelas que poderán ter destino enerxético ou ser materia prima para a produción de biofertilizantes. Pénsase fundamentalmente nos residuos vexetais procedentes de parques e xardíns pero tamén en residuos leñosos procedentes de actividades agrarias que na actualidade son obxecto de incineración in situ.

8273. Accións encamiñadas a reducir o desperdicio de alimentos que se producen nos fogares, nos restaurantes e nos servizos públicos de restauración.

En moitos países do mundo existen estratexias para reducir os desperdicios de alimentos. No Estado español existen algunhas campañas públicas “cosméticas” de loita contra o desperdicio de alimentos, sendo de destacar numerosas iniciativas sociais e comunitarias encamiñadas a reducir ese desperdicio. A Xunta de Galicia non debe ser allea a esta problemática e debe deseñar accións propias e outras colaborativas con entidades sociais para reducir o volume de alimentos desperdiciados nalgunha das fases do sistema agroalimentario, tanto por razóns ambientais como sociais e políticas de loita contra a fame.

Por estaren xa vencidos, a Xunta de Galicia debe definir dous novos Plans de xestión e prevención de residuos:

  • Programa de Xestión de Residuos da Construción e Demolición de Galicia 2017-2020.
  • Programa de Prevención de Residuos Industriais de Galicia 2017-2020.

9274. Definirase o novo Plan de Xestión dos residuos agrogandeiros.

Son moitos os subsectores agrarios que presentan problemas de xestión de residuos polo que en colaboración coas axentes do sector e cos Organismos Públicos de Investigación (OPIs) a Xunta de Galicia definira un plan de xestión de residuos agrogandeiros que minimice a súa contía e que permita reintroducir nos ciclos bioxeoquímicos unha boa parte dos mesmos.

10275. Plan Galego de Compostaxe.

Dado o nivel de coñecemento acumulado, e dadas as experiencias que xa se desenvolven noutros ámbitos (local, comarcal e provincial), a Xunta de Galicia definirá, mediante un proceso participativo e no prazo de seis meses, o Plan Galego de Compostaxe para a fracción orgánica fermentábel dos RSU, os lodos de depuradora, a biomasa de orixe vexetal e análogos. Este Plan incluirá, entre outras as seguintes medidas: marco de colaboración público/privado na xestión dos residuos, inventario dos residuos compostables, estimacións dos volumes e compostables, medidas para o fomento da investigación relacionada coa compostaxe e estudos de mercado sobre a valorización do compost producido. En colaboración cos Concellos e coas Deputacións, así como coa participación da iniciativa privada e coa participacións dos Organismos Públicos de Investigación, a Xunta de Galicia apostará por plantas de compostaxe comarcal, local, comunitaria ou individual, segundo os casos.


X