Estás aquí: Inicio » Programa » O territorio galego: o noso tesouro » Protexer a terra desde un novo paradigma

Protexer a terra desde un novo paradigma

O primeiro chanzo no camiño da sustentabilidade é coñecer e opinar. Sen a información precisa e os mecanismos de participación axeitados, faise imposible a asunción colectiva dos retos esixidos para a transformación do noso modelo económico e de vida. Só unha correcta diagnose da situación ambiental, nos permitirá protexer os hábitats ameazados e tomar as mellores decisións en materia de sustentabilidade. Unha análise profesional, desde os criterios científicos, contando coa participación activa en pé de igualdade da cidadanía e das organizacións involucradas, e non determinada so por intereses económicos, debe ser o punto de partida de calquera decisión con posible impacto ambiental. Ademais, so unha sociedade ben informada poderá ser a protagonista da transformación social cara a unha nova economía. Neste sentido, calquera proceso de muda, e máis un proceso de transición cara a sustentabilidade, precisa dunha forte compoñente educativa e de formación. Se ben desde o ano 2000 existe unha Estratexia Galega de Educación Ambiental, tamén é moito máis certo que a Xunta de Galicia debe activar esta estratexia incrementando os seus recursos e actividade, dotando de recursos aos numerosos equipamentos públicos e facilitando o emprego dentro deste ámbito. Para iso, proponse a definición de unha nova Estratexia Galega de Educación Ambiental, inserida dentro da nova Lei Galega de Mitigación e Adaptación ao Cambio Climático.

1241. Mellorar a independencia dos procesos de avaliación ambiental, evitando a compra de “lavados verdes” para sacar adiante os trámites de aprobación ambiental de determinados proxectos.

A Xunta de Galicia debe garantir e esixir a máxima calidade técnica aos Estudos de Impacto Ambiental (EIA), incorporando o coñecemento científico dispoñible máis actual, tomando todas as salvagardas necesarias para evitar o intercambio territorial dos EIA e tomando medidas coercitivas cando se detecten estes comportamentos. Así mesmo nas Declaracións de Incidencia Ambiental (DIA) a Xunta de Galicia debe concederlles toda a responsabilidade técnica e política que se merecen estes instrumentos ambientais que pretenden garantir a minimización dos impactos ecolóxicos.

2242. Evitar o uso das salvagardas de excepcionalidade reservadas para

Proxectos estratéxicos, que se teñen convertido en atallos para reducir ou evitar a exposición pública das preceptivas avaliacións ambientais. A participación pública, das persoas, dos colectivos sociais e profesionais son unha garantía da aceptabilidade social que non se debe evitar.

3243. Dinamización do Consello Galego de Medio Ambiente (COGAMA) .

Alén das funcións xa asignadas, o COGAMA deberá contribuír ao incremento da sustentabilidade do modelo económico e social de Galicia. Debido á súa pluralidade social e sectorial, preténdese converter este órgano no centro do debate ambiental en Galicia, superando a súa actual paralización. Realizará cuantificación de indicadores relacionados coa saúde e calidade de

4244. Mellora do Sistema de Información Ambiental de Galicia (SIAM).

Retomarase a publicación periódica de datos actualizados para todos e cada un dos indicadores e aumentarase o número de indicadores ambientais analizados, sobre todo aqueles relacionados con grandes proxectos ou posibles focos de contaminación. A información derivada do SIAM será parte fundamental da estratexia de COGAMA para contribuír ao seu fin fundamental: o aumento da sustentabilidade do modelo económico e social de Galicia.

5245. Aplicación da transposición do Convenio de Aarhus.

Coa aplicación do Convenio garántese e facilítase o acceso da sociedade e as ONG á información xerada pola Administración Pública e os procedementos administrativos relacionados con calquera ámbito das actuacións con incidencia medioambiental. O cumprimento deste Convenio provocará que todos os ámbitos administrativos autonómicos deberán conceder acceso universal a toda a documentación vinculada cos procesos ambientais.

6246. Inclusión de contidos de Educación Ambiental no sistema educativo galego.

O goberno galego requirirá que na definición dos programas de ensino infantil, primaria, secundaria e bacharelato se incorporen contidos de ensino ambiental. Para iso, Consello Galego de Medio Ambiente en colaboración co SIAM, e coa comunidade educativa, definirá os materiais educativos que serán parte da proposta educativa ambiental para cada un dos niveis educativos sinalados.

7247. Programas de divulgación e asesoramento a fogares e a empresas de prácticas de aforro e eficiencia enerxética e de recursos.

Esta iniciativa será impulsada pola Consellería de Medio Ambiente en colaboración con outros ámbitos administrativos con competencias nos diferentes sectores produtivos. Referirase ao aforro enerxético pero tamén ao uso da auga,desde a perspectiva de todo o seu ciclo, e á xeración de residuos sólidos.

8248. Comunicación ambiental na acción do goberno galego: gasto público e educación ambiental.

As accións do goberno de Galicia e a acción da iniciativa privada que incorpore apoio público deberán incluír sempre a dimensión ambiental. Artellarase un sistema de comunicación ambiental, difusión ou educación (en ámbitos concretos) da acción do goberno galego. Para iso empregaranse canles de comunicación propias e alleas, incluíndo bloggers, youtubers, etc.

9249. Visión transversal na nova Estratexia Galega de Educación Ambiental.

Alén das compoñentes sectoriais mencionadas anteriormente, o Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais debe xogar un papel importante nesta nova estratexia educativa ao darlle unha función máis integradora e ter unha visión globalizadora: a educación ambiental como unha parte da sustentabilidade global na que participan un conxunto amplo de sectores, servizos e movementos sociais, alén dos axentes institucionais que terán funcións executivas.


X